Festa da Arribada

Festa de Baiona

A Festa da Arribada da Carabela Pinta a Baiona celébrase nesa vila conmemorando a chegada á mesma de Martín Alonso Pinzón na carabela Pinta o 1 de marzo de 1493, trala primeira viaxe de Cristovo Colón a América, cunha escenificación da súa arribada. A festa celébrase o primeiro sábado e domingo de marzo. Está catalogada como festa de interese turístico internacional de España e acolle cada ano unhas 30.000 persoas.

Festa da Arribada
Praia da Ribeira preparada para o evento.
Datos da festa
Nome oficialFesta da Arribada da Carabela Pinta a Baiona
ConmemoraciónA arribada da carabela Pinta a Baiona
Tipohistórica
Dataprimeiro sábado e domingo de marzo.
ConcelloBaiona
Motivoprimeira viaxe de Cristovo Colón a América
Relacionada conPalos de la Frontera, Santa Fe e Pornic
RecoñecementosFestas de interese turístico de Galicia(1999)
festa de interese turístico nacional de España (2010)
festa de interese turístico internacional de España (2015)

Historia editar

Na viaxe de volta dende América, a carabela Pinta foi separada do resto das naves por unha tempestade á altura das Illas Azores. No barco viña enrolado o baionés Cristóbal García Sarmiento, gran coñecedor destas costas, polo que se tomou rumbo nordeste cara a Baiona, a onde chegan o 1 de marzo de 1493. A tripulación pasou uns días de descanso en Baiona e aproveitou para abastecerse de novo de víveres. O 11 de marzo partiu ata Palos de la Frontera, cidade dende onde partira a expedición.

Descrición editar

A celebración consiste nunha festa medieval nas rúas da vila vella onde hai, ademais de música tradicional e xograres, postos de comida galega e artesanía. Fanse ademais actos coas vilas irmandadas de Palos de la Frontera, Santa Fe e Pornic. A Praia da Ribeira é o escenario principal no que se realiza o acto da celebración, a reconstrución do relato que Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes fixeron polo descubrimento ó corrixidor de Baiona o día 1 de marzo de 1493.

Dende o ano 1999 está declarada festa de Galicia de interese turístico[1]; en 2010 concedéuselle o título de festa de interese turístico nacional de España[2] e en 2015 o de festa de interese turístico internacional de España;[3] o número de visitante vai en aumento e rolda os 30.000.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar