Felicia Langer
Felicia Langer, nada en Tarnów (Polonia) o 9 de decembro de 1930 e finada en Tubinga o 21 de xuño de 2018, foi unha avogada e activista polos dereitos humanos alemá-israelí, coñecida pola súa defensa dos presos políticos palestinos en Cisxordania e na Franxa de Gaza. Escribiu varios libros alegando violacións dos dereitos humanos por parte das autoridades de Israel. Viviu en Alemaña dende 1990 e adquiriu a cidadanía alemá en 2008. En xullo de 2009, o presidente alemán Horst Köhler concedeulle a Cruz Federal do Mérito de primeira clase, o quinto rango máis alto da orde federal.[1] O galardón provocou unha controversia pública a cause da súa actitude no conflito árabe-israelí.
![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 9 de decembro de 1930 ![]() Tarnów, Polonia (pt) ![]() ![]() |
Morte | 22 de xuño de 2018 ![]() Tubinga, Alemaña ![]() |
Educación | Universidade Hebrea de Xerusalén - dereito (–1965) ![]() |
Actividade | |
Ocupación | escritora, activista, avogada, Activista polos dereitos humanos, avogada defensora ![]() |
Partido político | Partido Comunista de Israel (pt) ![]() ![]() |
Premios | |
![]() ![]() |
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarFelicia-Amalia Langer naceu de pais xudeus na vila polaca de Tarnów en 1930. En 1939, a súa familia fuxiu da invasión alemá á Unión Soviética, onde o seu pai acabou morrendo nun gulag de Stalin. Outros dos seus familiares foron asasinados polos nazis. En 1949 casou en Wrocław con Mieciu Langer, supervivente dun campo de concentración e que perdera toda a súa familia no holocausto.
Vida en Israel
editarEn 1950, a parella emigrou a Israel, onde naceu o seu fillo en 1953. En 1959 comezou a estudar dereito na Universidade Hebrea de Xerusalén. Traballou brevemente para unha firma de avogados de Tel Aviv, mais abriu o seu propio despacho en 1966. Opúxose á ocupación israelí de Cisxordania e a Franxa de Gaza, e por iso estableceu un bufete privado en Xerusalén para defender os políticos palestinos detenidos. Langer foi a primeira avogada que axudou os palestinos en casos sobre confiscación de terras, demolición de domicilios, deportación e tortura perante os tribunais militares israelís.[2]
Langer gañou casos con pouca frecuencia nos seus vinte e tres anos de carreira. En 1977 perdeu a licenza para defender obxectores de conciencia israelís perante os tribunais de Israel e podía ser excluída en calquera momento por motivos de seguridade. Langer considerou como o punto máis alto da súa carreira a defensa con éxito en 1979 do alcalde de Nablus, Bassam Shaka. Shaka apoiara a Organización para a Liberación de Palestina e criticara os Acordos de Camp David; fora acusado de incitar ao terrorismo polas súas afirmacións e recibira unha orde de expulsión. Langer defendeuno con éxito, e a orde de expulsión foi anulada polo Tribunal Supremo de Israel.[3] Durante moitos anos, Langer foi vicepresidenta da Israeli League for Human and Civil Rights. Posteriormente uniuse ao Partido Comunista de Israel, facendo parte do comité central.[4]
En 1990 abandonou o partido despois dun conflito interno pola súa orientación, pechou os seus despachos e mudouse a Alemaña co seu marido. Nunha entrevista en The Washington Post, Langer dixo que o deixara porque os palestinos non podían agardar xustiza en Israel.[5]
Vida en Alemaña
editarDende 1990, viviu en Tubinga, Baden-Württemberg, e adoptou a cidadanía alemá en 2008. Aceptou postos de docente nas universidades de Bremen e Kassel e continuou a escribir libros que foron traducidos a varias linguas. Nos seus escritos, conferencias e entrevistas criticou a política israelí nos territorios ocupados, que consideraba equivalente a unha anexión. Indicou que a construción de asentamentos israelís en Cisxordania socavaba a posibilidade dunha solución con dous estados.
En 1990 recibiu o Right Livelihood Award por "o exemplar valor da súa defensa dos dereitos básicos do pobo palestino".[6] En 1991 recibiu o premio Bruno Kreisky polo seu destacado labor na área dos dereitos humanos.[7] En 2005 foille outorgado o premio Erich Mühsam pola súa loita continuada polos dereitos humanos dos palestinos.[8]
Apoiou ademais a Campaña polo Establecemento da Asemblea Parlamentaria das Nacións Unidad, organización que propón unha reforma democrática das Nacións Unidas.[9]
Pasamento
editarFelicia Langer faleceu o 21 de xuño de 2018 aos 87 anos en Tubinga.[10]
Notas
editar- ↑ [1][Ligazón morta]
- ↑ "Felicia Langer". felicia-langer.de. Consultado o 24 de xullo de 2016.
- ↑ "A portrait of Felicia Langer". Al-Ahram weekly. Arquivado dende o orixinal o 2010-08-12. Consultado o 9 de marzo de 2010.
- ↑ "MIDDLE EAST: Arafat's Nudge". Time. 6 de outubro de 1980. Arquivado dende o orixinal o November 25, 2010. Consultado o 2 de maio de 2010.
- ↑ Journal of Palestine Studies Volume XIX, no 4 (76) Summer 1990, pg. 212. cites Washington Post, 13 de maio de 1990.
- ↑ "Felicia Langer (Israel)". The Right Livelihood Award. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2010. Consultado o 9 de marzo de 2010.
- ↑ "Bruno Kreisky Prize 1991". Bruno Kreisky Foundation for Human Rights. Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2009. Consultado o 9 de marzo de 2010.
- ↑ "Erich-Mühsam-Preis". Consultado o 9 de marzo de 2010.
- ↑ "Supporters: Campaign for a UN Parliamentary Assembly". Campaign for a UN Parliamentary Assembly. Consultado o 26 de setembro de 2017.
- ↑ Im Gedenken an eine große Humanistin: Felicia Langer, diefreiheitsliebe.de; consultado o 22 de xuño de 2018 (en alemán)