A excreción é o proceso biolóxico polo que un animal elimina do seu organismo as substancias tóxicas, adquiridas pola alimentación ou o metabolismo. En organismos unicelulares e animais moi pequenos a excreción é un proceso celular que non require estruturas especializadas. En organismos con células dotadas de parede, como plantas e fungos, os refugallos acostuman incorporarse á composición da parede, quedando así fora do medio fisioloxicamente activo onde importa a súa toxicidade.

As substancias que se deben eliminar son enormemente variadas, pero as máis abondosas son derivados do nitróxeno que se producen por alteración de grupos amino resultantes do catabolismo (degradación) das proteínas. A substancia elixida acostuma ser:

- O amoníaco: é excretado por invertebrados acuáticos, peixes óseos e larvas de anfibios. É moi tóxico pero, pola súa gran solubilidade e difusión, a auga circundante dilúeo e arrástrao con rapidez.

- A urea: prodúcese no fígado por transformación rápida do amoníaco, resultando ser moito menos tóxico e máis soluble, aínda que se difunde con máis lentitude. Por esas razóns, pode acumularse nos tecidos sen causar danos e excretarse máis concentrada. É o principal refugallo nitroxenado dos peixes cartilaxinosos, anfibios e mamíferos.

- O ácido úrico: é característico de animais que ingresan a auga en pouca cantidade. Fórmase a partir do amoníaco e outros derivados nitroxenados. Excrétase en forma de pasta branca ou como sólido, dado a súa mínima toxicidade e baixa solubilidade. É característico de animais adaptados a vivir nun ambiente seco e pór ovos con casca e membrana impermeables á auga, como por exemplo insectos, moluscos pulmonados, réptiles e aves.

Nos mamíferos, por exemplo, os dous procesos excretores esenciais son a formación de ouriños nos riles e a eliminación de dióxido de carbono nos pulmóns. Estes refugallos elimínanse por micción e respiración respectivamente. Tamén a pel e o fígado interveñen na elaboración ou excreción de substancias tóxicas. A pel intervén a través da transpiración, expulsando sal e auga.

Nos artrópodos terrestres os órganos excretores acostuman desembocar ao principio do intestino, co que os produtos de excreción incorpóranse ás feces. Porén, nos mamíferos, como o ser humano, só o fígado verte substancias de excreción ao intestino. Destas, só os derivados do grupo hemo sanguíneo, como a bilirrubina, incorpóranse de maneira significativa ás feces, sendo a maioría reabsorbidas ao torrente sanguíneo e eliminadas finalmente polos riles.

A diferenza dos ouriños, non se expulsa materia de refugallo do torrente sanguíneo e non é parte dun proceso metabólico.

Véxase tamén

editar

 
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.