Evento de Cando
Coñécese como evento de Cando ou suceso de Cando unha explosión ocorrida na aldea de Cando de Arriba, parroquia de Cando (no concello de Outes) a mañá do 18 de xaneiro de 1994.
Características
editarO 18 de xaneiro rexístrase un estoupido nunha zona deshabitada do concello de Outes, sen causa aparente. Dous días despois, os profesores da Universidade de Santiago de Compostela José Ángel Docobo e Vakhtang Tamazian Arzakanian comezaron unha investigación sobre o acontecido que tivo como consecuencia a localización, en abril de 1994, dun cráter de 25 metros de diámetro por 1,5 de profundidade. Como consecuencia do estoupido, producido a 75 m da casa máis próxima, diversos piñeiros apareceran desprazados a 60 metros de distancia.
Causas
editarXeralmente acéptase coma explicación oficial a de tipo xeolóxico formulada por Zdeněk Ceplecha do Observatorio de Ondejov (República Checa), colaborador na investigación orixinal. Segundo Ceplecha, o incidente puido ocorrer por unha burbulla de gas subterráneo que agromou ata a superficie nunha erupción repentina, debida probabelmente a un corremento de terras. A rápida acción convectiva ocasionaría unha separación da carga eléctrica abondo coma para provocar unha faísca e incendiar o gas[1].
Aínda que os autores non descartan que o suceso se orixinase no estoupido dun corpo celeste, como se sospeita que aconteceu en Tunguska e outros lugares, esta é unha hipótese secundaria. Ademais, a confusión xerada polo suceso estimulou a circulación de teorías conspiracionistas de tipo militar e ufolóxico, pois estes cren que Cando é un foco habitual de avistamentos de ovnis.
Notas
editar- ↑ X.A. Docobo, R.E. Spalding, Z. Ceplecha, F. Díaz-Fierros, V. Tamazian, Y. Onda, "Investigation of a bright flying object over northwest Spain, 1994 January 18", Meteoritics & Planetary Science, Vol. 33