Eve Kosofsky Sedgwick

pensadora feminista estadounidense

Eve Kosofsky Sedgwick, nada o 2 de maio de 1950 e finada o 12 de abril de 2009, foi unha pensadora feminista de Estados Unidos, especializada nos campos dos estudos de xénero, teoría queer (estudos queer) e teoría crítica. Influenciada por Michel Foucault, Judith Butler, o feminismo, a psicanálise e o deconstrutivismo, os seus traballos reflicten un constante interese nun amplo abano de temas e asuntos, incluíndo a performatividade e a performance queer; a escritura crítica experimental; os traballos de Marcel Proust; a psicanálise non lacaniana.

Infotaula de personaEve Kosofsky Sedgwick

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento2 de maio de 1950 Editar o valor em Wikidata
Dayton, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte12 de abril de 2009 Editar o valor em Wikidata (58 anos)
Manhattan, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Cancro de mama Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
RelixiónBudismo Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Yale
Universidade Cornell Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía e Estudos de xénero Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescritora , activista polos dereitos das mulleres , crítica literaria , poeta , xornalista Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade da Cidade de Nova York
Universidade de California en Berkeley
Universidade Duke (pt) Traducir
Universidade de Boston Editar o valor em Wikidata
Membro de
Xénero artísticoCrítica literaria Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Premios

Traxectoria editar

Sedgwick realizou os seus estudos na Universidade Cornell e o seu doutoramento na Universidade Yale en 1975. Ensinou escritura e Literatura no Hamilton College, Universidade de Boston, e no Amherst College. Tivo un lectorado interino na Universidade de California en Berkeley e ensinou na Escola de Crítica e Teoría cando estaba no Dartmouth College. Adicionalmente, foi a catedrática Newman Ivey White de Inglés na Universidade de Duke.[1] Durante o seu tempo en Duke, Sedgwick e os seus colegas estaban na vangarda das guerras culturais, usando a crítica literaria para cuestionar o discurso dominante sobre a sexualidade, a raza, o xénero e a propia literatura.

Sedgwick presentou a súa particular colección de ferramentas críticas por primeira vez na influente obra Between Men: English Literature and Male Homosocial Desire (1985) e Epistemology of the Closet (1990). Esta última obra converteuse nun dos textos fundacionais dos estudos gai-lésbicos e a teoría queer. Recibiu en 2002 o Premio Brudner en Yale.

Ensinou cursos de posgrao de Inglés como Distinguished Professor na Graduate School and University Center da City University of New York até a súa morte o 12 de abril de 2009.[2][3][4]

Obra editar

Sedgwick publicou varios libros considerados revolucionarios no campo da teoría queer, incluíndo Between Men: English Literature and Male Homosocial Desire e Epistemology of the Closet e Tendencies. Ademais, Sedgwick coeditou varios volumes (véxase máis abaixo) e publicou un libro de poesía, Fat Art, Thin Art, así como A Dialogue on Love e unha revisión da súa tese de doutoramento The Coherence of Gothic Conventions. O seu último libro, Touching Feeling trata do seu continuo interese polo afecto, a pedagoxía e a performatividade.

Between Men: English Literature and Male Homosocial Desire (1985) editar

Nun libro posterior, Sedgwick resume elocuentemente o seu argumento básico en Between Men:

[Between Men] attempted to demonstrate the immanence of men’s same-sex bonds, and their prohibitive structuration, to male-female bonds in nineteenth-century English literature [... The book] focused on the oppressive effects on women and men of a cultural system in which male-male desire became widely intelligible primarily by being routed through triangular desire involving a woman.
[«Between Men»] trata de demostrar a inmanencia dos lazos entre homes e a súa estrutura prohibitiva, aos lazos entre homes e mulleres na literatura inglesa do século XIX [... O libro] enfoca os efectos opresores, sobre as mulleres e os homes, dun sistema no que o desexo do homes por outros homes se converte en intelixíbel ao ser dirixido principalmente a través do desexo triangular implicando a unha muller.
Sedgwick, Epistemology 15

Epistemology of the Closet (1990) editar

En Epistemology of the Closet, Sedgwick argumenta que «practicamente calquera aspecto da cultura occidental moderna debe ser non só incompleto, senón debe estar danado na súa substancia central en canto non incorpora unha análise crítica da definición moderna homo/heterosexual.»

De acordo a Sedgwick, a definición homo/heterosexual foi tan acaloradamente discutida por mor dunha incoherencia que vén de longo «entre ver a definición homo/heterosexual, por unha banda, como un asunto de importancia activa principalmente para unha minoría pequena, definida, relativamente fixa, homosexual [...] e, por outro, velo como un asunto de importancia determinante e continua nas vidas das persoas de todo o espectro sexual.» A discusión sobre esta contradición entre o que Sedgwick chama un punto de vista «minorizante fronte a un universalizante» da definición sexual, faise aínda máis virulenta por mor doutro grupo de definicións incoherentes: aquel «entre considerar a elección homosexual por unha banda como un asunto de liminalidade ou transitividade entre xéneros e por outro como, reflexo dun impulso de separatismo —aínda que en ningún caso necesariamente separatismo político— dentro de cada xénero.»

Sedgwick non está interesada en xulgar cal dos dous polos destas contradicións debería ser considerado máis correcto. Máis ben fai unha intensa defensa da «centralidade deste conxunto de asuntos definicionais, nominalmente marxinais pero conceptualmente intratábeis, en importantes coñecementos e entendementos da cultura occidental do século XX como un todo.»(Epistemology 1-2).

Tendencies (1993) editar

En Tendencies («Tendencias»), Sedgwick «trata de atopar novas formas de pensar sobre identidades e amores lesbicos, gais e doutros grupos de disidentes sexuais nunha complexa ecoloxía social, onde a presenza de diferentes xéneros, diferentes identidades e identificacións serán dadas por suposto.» (xiii).

Queer é un termo clave en Tendencies. Mentres Sedgwick emprega o termo para referirse a «a malla aberta de posibilidades, ocos, solapamentos, disonancias e resonancias, lapsos e excesos de significado, cando os elementos constituíntes do xénero de calquera, da sexualidade de calquera, non foron obrigados a (ou non poden ser obrigados a) significar de forma monolítica,» tamén sinala que «moito do traballo recente interesante ao redor de "queer" centrifuga o termo cara a fóra ao longo de dimensións que non poden ser subsumidas en absoluto baixo xénero e sexualidade: todas as formas en que a raza, a pertenza étnica, a nacionalidade poscolonial se cruzan e entrecruzan con estes e outros discursos constituíntes e fracturadores de identidade» (8-9).

O libro mesmo é unha estraña colección de ensaios, con temas que van desde Henry James e o lesbianismo, até John Waters e Divine, desde antros opiáceos e discusións contemporáneas sobre a adicción, até a sexualidade e o nacionalismo, desde a guerra aos nenos efeminados, até o activismo en torno á SIDA e o cancro de mama. Ao longo de todo o libro, Sedgwick experimenta con e transforma moitas formas de escribir recibidas —a narrativa autobiográfica, a peza de performance, a historia de atrocidades, a polémica, a prosa ensaística que cita a poesía, o obituario— nun proxecto continuo que ela chama Queer Performativity («Perfomatividade queer»). Tal como afirma Sedgwick, «estes ensaios son sobre cousas apaixonadas e queer que ocorren perpendicularmente ás liñas que dividen xéneros, discursos, "perversións"» (Tendencies xiii).

A Dialogue on Love (1999) editar

En 1991 foille diagnosticado un cancro de mama e posteriormente escribiu o libro A Dialogue on Love («Un diálogo sobre o amor»). Sedgwick relata a terapia á que se somete, os seus pensamentos sobre a morte, a súa depresión e a grande incerteza que lle produce a súa mastectomía e a quimioterapia.

O libro salta entre a poesía e a prosa, ademais de entre as palabras propias de Sedgwick e as notas do seu terapeuta. Mentres o título ten resonancias das ideas dos diálogos platónicos, a forma do libro foi inspirada pola prosa de James Merrill, Prose of Departure, que seguía as convencións dunha forma de escritura xaponesa do século XVII chamada haibun. Sedgwick emprega a forma dun haibun estendido e de dobre voz para reflexionar sobre as moitas diferentes posibilidades dentro do marco psicanalítico, especialmente aqueles que ofrecen alternativas á psicanálise que está entretecido de ideas lacanianas e novas formas de pensar sobre a sexualidade, as relacións familiares, a pedagoxía e o amor.

O libro tamén mostra o crecente interese de Sedgwick polo pensamento budista, os téxtiles e as texturas.

Touching Feeling: Affect, Pedagogy, Performativity (2003) editar

Touching Feeling: Affect, Pedagogy, Performativity («Tocando sentindo: afecto, pedagoxía, performatividade») ofrece un conmovedor recordatorio dos primeiros días dos estudos gais e lésbicos e a teoría queer, que Sedgwick discute brevemente na introdución para facer referencia ás condicións afectivas —principalmente aquelas provocadas pola pandemia da SIDA — que foron prevalentes na época e para enfocar o seu principal tema: a relación entre sentimento, aprendizaxe e acción.

Touching Feeling explora os métodos críticos que poden comprometer politicamente e axuden a desprazar as fundacións para unha experiencia individual e colectiva. No parágrafo inicial, Sedgwick describe o seu proxecto como a exploración de «técnicas e ferramentas prometedoras para o pensamento e a pedagoxía non dualista.» Ao longo do libro Sedgwick pon de relevo a tensión entre as palabras como representacións de cousas e as palabras como construción de cousas.

Publicacións importantes editar

  • Between Men: English Literature and Male Homosocial Desire (ISBN 0-231-08273-8), 1985
  • Epistemology of the Closet (ISBN 0-520-07874-8), 1991
  • Tendencies (ISBN 0-8223-1421-5), 1993
  • Fat Art, Thin Art (ISBN 0-8223-1501-7), 1995
  • A Dialogue on Love (ISBN 0-8070-2923-8 ) 2000
  • Touching Feeling: Affect, Pedagogy, Performativity (ISBN 0-8223-3015-6), 2003

Obras editadas por Eve Kosofsky Sedgwick editar

  • Performativity and Performance (1995, coeditado con Andrew Parker)
  • Shame & Its Sisters: A Silvan Tomkins Reader (1995, coeditado con Adam Frank)
  • Gary in Your Pocket: Stories and Notebooks of Gary Fisher (1996, coeditado con Gary Fisher))
  • Novel Gazing: Queer Readings in Fiction (1997, coeditado con Jacob Press)

Notas editar

  1. Mark Kerr y Kristin O'Rourke, «Sedgwick sense and sensibility: an interview with Eve Kosofsky Sedgwick», Fat Art, Thin Art, Duke University Press, 1994
  2. Michelle Garcia, «Educator, Author Eve Kosofsky Sedgwick Dies at 58», The Advocate, 13 de abril de 2009
  3. Gildas Le Dem, «Mort de l'intellectuelle Eve Kosofsky Sedgwick», Têtu, 13 de abril de 2009,
  4. Richard Kim, «Eve Kosofsky Sedgwick, 1950-2009», The Nation, 04/13/2009

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar