Divine (transformista)
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión. Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde marzo de 2016) |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Harris Glenn Milstead, nado en Baltimore (Maryland) o 19 de outubro de 1945 e finado o 7 de marzo de 1988 foi un actor, cantante e drag queen americano coñecido como Divine. Estreitamente asociado co director de cine independente John Waters, Divine era un actor secundario que habitualmente interpretaba roles femininos no cine e no teatro. Adoptou tamén un alter ego drag para a súa carreira musical.
(1972) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Harris Glenn Milstead 19 de outubro de 1945 Baltimore (Estados Unidos de América) |
Morte | 7 de marzo de 1988 (42 anos) Os Ánxeles (Estados Unidos de América) |
Causa da morte | insuficiencia cardíaca |
Lugar de sepultura | Prospect Hill Cemetery (en) Baltimore |
Outros nomes | Divine |
Residencia | Os Ánxeles |
Educación | Towson High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | actor de cinema, artista discográfico, actor, cantante, guionista |
Período de actividade | 1966 - 1988 |
Xénero artístico | Música pop e Hi-NRG (pt) |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | Situation Two (en) Bellaphon |
Familia | |
Parella | Leo Ford |
Sitio web | divineofficial.com |
|
Traxectoria
editarHarris Glenn Milstead naceu un 19 de outubro de 1945 no hospital feminino de Baltimore, Maryland. O seu pai, Harris Bernard Milstead (1 de maio de 1917 – 4 de marzo de 1993), era un dos sete fillos dun fontaneiro que traballaba no departamento da auga da Cidade de Baltimore. A nai de Divine, Frances Milstead (de solteira Vukovich, 12 de abril de 1920 – 24 de marzo de 2009), era unha dos quince fillos dunha parella pobre de inmigrantes serbios que medraran cerca de Zagreb (na actual Croacia) antes de mudarse ós Estados Unidos en 1891. Con 16 anos, Frances múdase ata Baltimore onde traballa nun restaurante en Towson, onde coñeceu a Harris, que era cliente asiduo. Tras comezar unha relación, casaron en 1938 antes de que ambos comezasen a traballar na fábrica de Black and Decker en Towson. Debido ós seus problemas de distrofia muscular, Harris non foi alistado nas forzas armadas estadounidenses para loitar na segunda guerra mundial.
Divine naceu en Baltimore, nun tempo no que os Milstead eran relativamente pudentes e conservadores socialmente. A familia pertencía á rama baptista da Cristiandade. Os pais de Divine dábanlle case todo o que quería, sobre todo de comida, causando nel un sobrepeso que padeceu toda a súa vida. Divine prefería utilizar o seu segundo nome, Glenn, para diferenciarse de seu pai e así se referían a el os seus pais e amizades. Ós doce anos, Divine e os seus pais mudáronse a Lutherville, un suburbio de Baltimore, onde asistiu ó Instituto Towson, do que se graduou en 1963. Divine sufriu acoso debido ao seu peso e o seu efeminamento. Divine declarou que nunca foi "áspero e duro" senón "que polo contrario sempre me encantaron as flores e esas cousas". Debido a este interese na horta, aos quince anos tivo un traballo a tempo parcial nunha floraría local. Anos máis tarde, unha dieta fíxolle perder peso, dende 180 a 145 libras (82 a 66 kg), dándolle nova confianza. Cando tiña dezasete anos, os seus pais levárono a un psiquiatra, onde primeiro se decatou da súa bisexualidade, algo entón tabú na sociedade americana convencional. Tamén axudou os seus pais no seu negocio de coidado de día, vestíndose como Papá Noel para entreter os nenos en tempo de Nadal. En 1963, empezou a estudar na Escola de Beleza da Marinella, onde aprendeu a realizar deseños de cabelo, especializándose na creación de beehives e outros estilos de peiteado. Milstead finalmente deixou o seu traballo e foi apoiado financeiramente polos seus pais, quen o forneceron de roupa e coches caros ao seu gusto, pagando as súas moitas facturas de mala gana.
Milstead desenvolveu un interese temperán no transformismo mentres traballaba como peiteador de mulleres. Arredor da metade da década de 1960 entrou na escena contracultural da cidade de Baltimore e comezou a súa amizade con John Waters, o cal lle deu o nome de "Divine" e o eslogan de "a muller máis guapa do mundo, ou case". Xunto co seu amigo David Lochary, Divine uniuse ó grupo de teatro de Waters, os Dreamlanders, e adoptou papeis femininos para os seus filmes experimentais Roman Candles (1966), Eat your Makeup (1968) e The Diane Linkletter Story (1969). De novo travestido, interpretou o papel principal en ambas as dúas primeiras longametraxes de Waters, Mondo Trasho (1969) e Multiple Maniacs (1970). Esta última comezou a atraer a atención da prensa cara ao grupo. Divine protagonizou posteriormente a película de John Waters Pink Flamingos (1972), que se converteu nun clásico e estableceu a fama de Divine na contracultura norteamericana.
Despois de protagonizar a seguinte película de Waters, Female Trouble (1974), Divine avanzou cara ao teatro, aparecendo en varios performances de vangarda no colectivo drag de San Francisco, The Cockettes. Tras isto apareceu na obra de Tom Eyen Women Behind Bars e a súa secuela The Neon Woman. Continuando co seu traballo cinematográfico, apareceu en dúas películas máis de Waters, Polyester (1981) e Hairspray (1988), sendo esta última a súa entrada no cine comercial. Ademais das películas dirixidas por Waters, tamén actuou nun gran número de filmes dirixidos por outros directores como Lust in the Dust (1985) e Trouble in Mind (1985) tratando así de diversificar o seu repertorio ó interpretar papeis masculinos. No ano 1981, Divine comezou a súa carreira na industria disco producindo unha serie de pistas musicais no estilo Hi-NRG, das cales a maioría foron escritas por Bobby Orlando. Alcanzou un éxito mundial nas listas musicais con éxitos como "You Think You Are a Man", "I'm So Beautiful" e "Walk Like a Man", sendo todas interpretadas como drag. Tras sufrir problemas coa obesidade durante a súa vida, faleceu debido a unha cardiomegalia.
Descrita pola revista People como "A Drag Queen do século", Divine mantívose como unha figura de culto, particularmente entre a comunidade LGBT e foi fonte de inspiración para diversos personaxes ficticios, obras de arte e cancións. Publicáronse tamén diversos libros e documentais baseados na súa vida, entre os que destacan Divine Trash (1998) e I Am Divine (2013).