Mina da Parxubeira

dolmen en San Fins de Eirón, Mazaricos

A mina da Parxubeira, tamén coñecida como dolmen de Corveira, é unha anta situada na parroquia de San Fins de Eirón, en Mazaricos, no lugar coñecido como Estivada Vella e datada entre o IV e III milenios a.C. Intégrase na necrópole de Sotorraño-Parxubeira-Portocoiro.

O corredor, pequeno, está orientado cara ao leste; a cámara é poligonal e falta a lousa que a cobría, así como as chantas do lado sul. En total conserva trece esteos, seis na cámara e sete no corredor. A mámoa tivo un diámetro de entre 19 e 22 m e contaba cunha coiraza de pedras.

No seu interior atopouse un enxoval consistente en láminas de sílex, unha punta de frecha, anacos de cerámica campaniforme , catro estelas antropomórficas de gneis granítico e uns pequenos ídolos de coios, un deles con decoración baseada en incisións, chamados betilos, todo o cal se atopa no Museo Arqueolóxico da Coruña. As estelas e os betilos estaban chantados verticalmente fronte ao corredor de entrada, xusto na periferia, mais non á vista dos vivos. É posíbel que se colocasen para protexer o morto como materialización simbólica da divindade da morte.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar