Galiñola negra cristada

A galiñola negra cristada[2] ou galiñola cristada[3] (Fulica cristata) é unha especie de ave gruiforme da familia Rallidae que habita en África e a Península Ibérica. En Galicia é unha ave accidental.[2]

Descrición editar

 
Detalle da cabeza.

A galiñola negra cristada mide entre 38 e 45 cm de longo, ten unha envergadura alar de 75 a 85 cm e pesa entre 585 e 1085 g.[4][5] A plumaxe dos adultos é totalmente negra, en contraste co branco do seu escudo frontal e o bico cor celeste. Diferénciase da galiñola negra común por presentar dúas protuberancias vermellas na parte superior do escudo, ser lixeiramente meirande e ter o pescozo máis longo. As patas son cincentas e teñen dedas lobuladas longas que lle permiten nadar. O iris dos ollos é vemello.

Os polos que acaban de facer eclosión están cubertos de penuxe cincento agás na gorxa e meixelas, que son amarelas e teñen o bico avermellado. Ao creceren adquiren un ton cincento uniforme. Os xuvenís son pardos cincentos, coa gorxa e a parte dianteira do pescozo claras, e carecen do escudo frontal. Adquiren a plumaxe adulta aos 3 ou 4 meses, mais non se desenvolve o escudo frontal ata o ano de idade.

 
Os xuvenís carecen de escudo frontal e protuberancias coloradas.

Taxonomía e etimoloxía editar

 
Viven tanto en hábitats de auga doce coma salobre.

A galiñola negra cristada, como outras galiñolas, pertence ao xénero Fulica, incluído na familia Rallidae, unha familia de aves acuáticas e semiacuáticas de tamaño medio, aínda que pequenas en comparación co resto de Gruiformes. Os rálidos adoitan ter o percozo relativamente longo, a cola curta, robustas patas con dedas longas e plumaxes discretas en contraste cos seus coloridos bicos e escudos frontais.

A galiñola negra cristada foi descrita cientificamente polo zoólogo alemán Johann Friedrich Gmelin en 1789,[6] co seu nome científico actual, Fulica cristata. Fulica en latín significa simplemente 'galiñola', e cristata significa 'cristada',[7] en referencia ás súas características protuberancias vermellas da cabeza.

Non se recoñecen subespecies diferenciadas.[8]

Distribución e hábitat editar

É unha ave sedentaria que se distribúe por África austral e oriental, ademais de Marrocos e o sur e leste da Península Ibérica, en zonas húmidas con vexetación alta, como os lagos de auga doce, estanques e marismas.

Aínda que antes era moi abondosa en todo o arco mediterráneo ibérico, arestora só se encontra en zonas húmidas de Andalucía e algunhas da Comunidade Valenciana, desde onde se está intentando recuperar a especie noutras zons como o delta do Ebro. Aínda que a nivel global se clasifica como especie pouco preocupante,[1] en España está considerada como especie en perigo de extinción.[9] En Galicia só aparece como ave accidental.[2]

Comportamento editar

 
Adulto coa súa cría.

O comportamento da galiñola negra cristada é practicamente igual ao da galiñola negra común (que é nativa e común en Galicia). É de hábitos menos discretos que a maioría dos demais rálidos. Durante a época de cría é territorial e agresiva e adoita desafiar e atacar a calquera intruso, mesmo a aves de maior tamaño como o ganso de Exipto.[10] Pode ser albiscada nadando en augas abertas e camiñando polas herbeiras próximas ás ribeiras.

 
Posta de ovos de galiñola negra cristada.

Ten un voo pesado e adoita ser reticente a voar para curtas distancias. Para fuxir ou atacar na auga adoita correr patuxando pola superficie da auga movendo as ás, mais sen engalar de todo. Mentres nada adoita baixar e subir a cabeza e pode mergullarse en curtas distancias meténdose na auga dun salto.

Aínda que a galiñola negra cristada é omnívora, aliméntase principalmente de plantas acuáticas como as especies de Potamogeton.[11] Tamén caza unha gran variedade de pequenos animais, incluídos os ovos e os polos doutras aves acuáticas.

Durante a época de cría é moi ruidosa e as súas chamadas son bastante diferentes das da galiñola negra común. Emite rápidos kerrre similares aos da galiñola pequena, ásperos ka-haa e gruñidos de tipo "uut uut".[12] Constrúe un niño de canas secas e ramas peto da beira da auga ou flotando sobre ela ancorado na vexetación emerxente. Pon arredor de oito ovos no mes de abril,[10] que incuba durante 25 días.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Fulica cristata". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 6 de maio de 2015. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  4. CRC Handbook of Avian Body Masses by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), ISBN 978-0-8493-4258-5.
  5. [1] (2011).
  6. Zoonomen. "Taxonomía de Gruiformes." (en inglés). Consultado o 6 de maio de 2015. 
  7. James A. Jobling. Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Bloomsbury Publishing p. 122 e 158 ISBN 1-4081-2501-3
  8. Frank Gill e David Donsker. Rails, gallinules & cranes Arquivado 06 de maio de 2014 en Wayback Machine.. IOC World Bird List versión 5.1.
  9. Ficha da especie Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine. no Ministerio de Medio Ambiente de España.
  10. 10,0 10,1 Liversidge, Richard. “The birds around us: Birds of the Southern African region” Pub: Fontein 1991 ISBN 978-1-874851-01-1
  11. MacLean, Gordon L., Roberts, Austin; “Roberts Birds of Southern Africa”. Pub. Hyperion Books 1988. ISBN 978-1-85368-037-3
  12. Brown, Lesley; Trumble, William R.; Stevenson, Angus (2002). Oxford University Press, ed. Shorter Oxford English dictionary on historical principles. Oxford [Oxfordshire]. ISBN 0-19-860575-7. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar