Escala de Mercalli

A Escala de Mercalli é unha escala de 12 puntos feita para avaliar a intensidade dos terremotos a través dos efectos e danos causados a distintas estruturas. Foi creada polo vulcanólogo italiano Giuseppe Mercalli en 1883 e revisada en 1902.

Mapa de intensidade Mercalli da zona de San Francisco en 1906.

Graos de intensidade editar

Grao I editar

Sacudida sentida por moi poucas persoas en condicións especialmente favorables.

Grao II editar

Sacudida sentida só por poucas persoas en repouso, especialmente nos pisos altos dos edificios. Os obxectos suspendidos poden oscilar.

Grao III editar

Sacudida sentida claramente nos interiores, especialmente nos pisos altos dos edificios, moitas persoas non o asocian cun tremor. Os vehículos de motor estacionados poden moverse lixeiramente. Vibración como a orixinada polo paso dun vehículo pesado.

Grao IV editar

Sacudida sentida durante o día por moitas persoas nos interiores, por poucas no exterior. Pola noite algunhas espertan. Vibración de vaixelas, vidros de fiestras e portas; os muros renxen. Sensación como dun vehículo pesado chocando contra un edificio, os vehículos de motor estacionados balancéanse claramente.

Grao V editar

Sacudida sentida case por todo o mundo; moitos espertan. Algunhas pezas de louza, vidros de fiestras etcétera, rompen; poucos casos de fendas nas placas; caen obxectos inestables. Obsérvanse perturbacións nas árbores, postes e outros obxectos altos. Detéñense os reloxos de péndulo.

Grao VI editar

Sacudida sentida por todo mundo; moitas persoas asustadas foxen cara a fóra. Algúns mobles pesados cambian de sitio; poucos exemplos de caída de placas ou dano en chemineas. Danos lixeiros.

Grao VII editar

Advertido por todos. A xente foxe ao exterior. Danos sen importancia en edificios de bo deseño e construción. Danos lixeiros en estruturas ordinarias ben construídas; danos considerables nas débiles ou mal planeadas; rotura dalgunhas chemineas. Percibido polas persoas que conducen vehículos en movemento.

Grao VIII editar

Danos lixeiros en estruturas de deseño especialmente bo; considerable en edificios ordinarios con derrube parcial; grande en estruturas debilmente construídas. Os muros saen das súas armaduras. Caída de chemineas, pilas de produtos nos almacéns das fábricas, columnas, monumentos e muros. Os mobles pesados envórcanse. Area e lodo proxectados en pequenas cantidades. Cambio no nivel da auga dos pozos. Perda de control na persoas que guían vehículos motorizados.

Grao IX editar

Dano considerable nas estruturas de deseño bo; as armaduras das estruturas ben planeadas esborrállanse; grandes danos nos edificios sólidos, con derrube parcial. Os edificios saen dos seus cimentos. Aparecen fendas no terreo. Os canos subterráneos rompen.

Grao X editar

Destrución dalgunhas estruturas de madeira ben construídas; a maior parte das estruturas de cachotería e armaduras destrúense ata os cimentos; fendas considerables do terreo. As vías do ferrocarril tórcense. Considerables deslizamentos nas marxes dos ríos e en pendentes fortes. Invasión da auga dos ríos sobre as súas marxes.

Grao XI editar

Case ningunha estrutura de cachotería queda en pé. Pontes destruídas. Amplas fendas no terreo. Os canos subterráneos quedan fóra de servizo. Afundimentos e derrubes en terreo suave. Gran torsión de vías férreas.

Grao XII editar

Destrución total. Ondas visibles sobre o terreo. Perturbacións das cotas de nivel (ríos, lagos e mares). Obxectos lanzados ao aire cara a arriba.