Carrusel

atracción de festa

Un carrusel[1] ou cabaliños[2] é unha atracción consistente nunha plataforma xiratoria, xeralmente circular, na que están instaladas figuras de cabalos ou outros animais, coches, avións, barcos etc. que serven de asento.[3]. É propio de feiras, festas e parques de diversións, e moitas veces, alén do xiro da plataforma, os cabalos desprázanse mecanicamente cara a arriba e cara a abaixo para simularen o galope da besta. Normalmente, a música repítese mentres o carrusel dá voltas.

Un carrusel nas festas de Padrón.
Cabaliño do carrusel de Port Aventura.

Aínda que os carruseis modernos están fundamentalmente compostos de cabalos, os carruseis de períodos anteriores a miúdo incluían diversas variedades de animais, coma cans, cabalos, coellos, gansos, porcos, cervos, elefantes, por nomear algúns.

Calquera plataforma rotatoria tamén se pode chamar de carrusel. Nun parque infantil, un carrusel é normalmente simple, a plataforma rotatoria é impulsada polos nenos con barras ou puxadores cos que os rapaces se poden agarrar mentres corren. Nun aeroporto, as cintas transportadoras na zona de recollida de equipaxes adóitanse chamar de carruseis.

Nos Estados Unidos de América, México e a Arxentina, o carrusel vai en sentido antihorario. En moitos países europeos porén (Reino Unido, Holanda, etc), os carruseis van en sentido contrario (horario). As razóns disto son obxecto de especulación.

Existe unha coñecida variedade de carruseis no que uns asentos penduran de cadeas do teito xiratorio, os chamados carruseis de cadeas, ou simplemente cadeas.

Etimoloxía editar

A verba galega "carrusel" vén do francés carrousel,[4] e ten as súas orixes no italiano: garosello ("pequena batalla"), usada polos cruzados para describir un exercicio de adestramento para combate e un xogo común entre os xinetes turcos e árabes.

Historia editar

Antecedentes militares editar

O primeiro carrusel do que se ten información apareceu nun baixorrelevo do Imperio Bizantino datado contra o ano 500 despois de Cristo, que amosa un grupo de persoas dentro de cestas suspendidas dun poste central. A verba carrusel ten as súas orixes no italiano garosello e español carosella ("pequena batalla"), usada polos cruzados para describir un exercicio de adestramento para combate e un xogo común entre os xinetes turcos e árabes cara ao 1100. En certo sentido este dispositivo pode ser considerado un mecanismo para o adestramento da cabalaría; reforzaba a preparación dos xinetes para a batalla ao atacaren con espadas de madeira a bonecos que representan o inimigo.

Os cruzados descubriron este método e levaron a idea aos seus señores e reis en Europa. Alí o carrusel mantívose en segredo dentro dos castelos, sendo usado para o adestramento dos xinetes.

Para a cabalaría turca e árabe, contruíuse un carrusel contra o ano 1680 como aparello de adestramento mediante o fornecedor de aneis, consistía de cabalos de madeira suspendidos de trabes soportadas por un piar central. Os xinetes apuntaban con lanzas, tratando de ensartar aneis localizados arredor do carrusel, movido por homes, cabalos ou mulas.

Conversión en elemento de lecer editar

Co pasar dos anos construíronse uns pequenos carruseis que foron instalados nos xardíns privados da realeza. Ao pouco tempo, con toda a pompa que existía por esa época en Francia, armouse un grande aparato que foi colocado en París en Le Place du Carrousel. Xunto cun torneo de cabalaría moi cheo de bravura, consistente en "combatentes" que se guindaban os uns aos outros bólas de xeso recheas de perfume, polo que aqueles que eran alcanzados despedirían cheiro por varios días. Unha etapa interesante do carrusel foi a do fornecedor de aneis, co que os xinetes de a cabalo tratarían de enfiar aneis pendurados, a toda marcha.

Co desenvolvemento das unións de artesáns e a relativa liberación dos oficios en Europa, a principios do século XIX estábanse a construír carruseis que estaban traballando en distintas festas e outras reunións na Europa Central e en Inglaterra.

Por exemplo, en 1837, o fabricante de carros, Michael Dentzel, converteu o seu negocio de fabricación de vagóns no que é agora a Alemaña do sur, nunha empresa de fabricación de carruseis. Os cabaliños, animais e mecanismos podíanse fabricar nos meses de inverno e a súa familia e traballadores podían percorrer rutas no seu tren de vagóns pola rexión, operando o seu gran carrusel (menagerie) en distintos sitios.

Daquela outros construtores como Heyn en Alemaña e Bayol en Francia estaban tamén comezando a construír carruseis. De xeito semellante Inglaterra estaba comezando a desenvolver a súa propia tradición de fabricación de carruseis a que tería un estilo distintivo.

Os cabaliños primitivos non tiñan plataforma, senón que os animais se penduraban de trabes e cadeas, os cales se inclinaban cara a fóra ao virar a cuberta, polo efecto da forza centrífuga, simulando un voo, como traballan aínda hoxe as cadeas. Chamábanse carruseis de cabalos voadores. Normalmente eran propulsados por animais de tracción camiñando en círculo, ou por persoas puxando dunha corda ou movendo un manubrio. Contra a metade do século XIX, desenvolveuse o carrusel de plataforma, para reducir os riscos aos cativos, onde os animais e mailas carrozas se moverían en círculo sobre unha plataforma circular suspendida do eixo ou poste central; empezáronse a construír con propulsión de vapor. Eventualmente, cos avances da revolución industrial comezáronse a desenvolver mecanismos, con diversas engrenaxes e cegoñais, a fin de dar aos postes do cal penduraban os animais o típico movemento de sobe e baixa, ao se desprazar arredor do poste central. As plataformas servían de soporte á parte inferior dos postes de suspensión á vez que servían de plataforma para camiñar por ela ou para colocar sobre dela outros animais, carrozas, canoas simuladas e outros obxectos. Era común ter órganos ou outros instrumentos musicais automáticos e logo apareceron os motores eléctricos e as luces que deron aos carruseis o seu estilo clásico.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Nome galego en Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. "Cómpre evitar o castelanismo tiovivo". Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2019. Consultado o 03 de xullo de 2019. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carrusel.
  4. FERREIRA, A. B. H. Novo dicionário da língua portuguesa. 2ª edición. Río de Xaneiro. Nova Fronteira. 1986. p. 359.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar