O óso esfenoide (os sphenoidale, en latín) é un óso impar situado na base e no centro do cranio rodeado polos ósos occipital, temporais, parietais, frontal, etmoide, vómer, palatino, cigomático e maxilar superior. Ten unha morfoloxía externa que semella unha bolboreta, coas ás estendidas.

Vista do óso esfenoide humano.

Trátase dun óso complexo, que conecta todas as estruturas antes mencionadas e que ademais alberga a sela turca que é o lugar onde se atopa a glándula hipófise.

Estrutura

editar

Neste óso atopamos un corpo central do que saen ata 6 prolongacións laterais que levan os seguintes nomes:

  • 2 ás maiores
  • 2 ás menores
  • 2 apófises pterigoides

Atópase no centro do óso unindo as diferentes prolongacións. No seu interior está a sela turca na fosa da hipófise na que se encontra encerrada a glándula hipófise ou pituitaria. No corpo tamén atopamos unhas eminencias que levan os nomes de apófise anterior, media e posterior, e unha lámina que leva o nome de dorso selar ou dorsum sellae. Outras estruturas son o tubérculo selar ou tuberculum sellae e a eminencia esfenoidal. Separando as dúas zonas do corpo do esfenoide atopamos unha crista esfenoidal que remata no pico do esfenoide. Tamén hai un suco óptico onde se atopa o quiasma óptico que é o lugar onde se produce o entrecruzamento dos nervios ópticos.

Artéllase co vómer. Esta articulación esfeno-vomeriana ten a particularidade de ser a única esquindilese do organismo humano (dobre encaixe recíproco). Artéllase a superficie inferior do corpo esfenoidal coas ás do vómer. Esa mesma superficie artéllase co palatino. Fórmanse aquí os buratos palatinos, por onde pasa a arteria pterigo-palatina e o nervio farínxeo de Bock. A superficie anterior do corpo esfenoidal artéllase coa superficie posterior das masas laterais do etmoide.

Ás maiores

editar

Presentan diferentes tipos de bordos: o bordo frontal, o cigomático, o parietal e o escamento. Forman parte da fosa cranial e das rexións orbitarias e presenta varias depresións, como o burato redondo maior, o conduto carótide, o burato oval, o burato redondo menor e o conduto pterigoideo que en xeral serven para o paso de diferentes vasos sanguíneos e nervios. Tamén presenta sucos como o suco arterial ou suco carótide, o suco pterigopalatino, o suco da trompa auditiva e outras estruturas como a crista orbitaria, a crista infratemporal, a espiña esfenoidal e a língula esfenoidal.

Artéllase coa porción escamosa do temporal.

Ás menores

editar

Nelas atopamos a apófise clinoide anterior e media xunto co suco óptico. Aparece aquí o conduto óptico que é o burato a través do cal pasan as fibras ópticas no seu camiño entre os ollos e o cerebro. Outras estruturas son a espiña etmoidal e o tubérculo selar. Artéllanse co óso frontal.

Apófise pterigoide

editar

Posúe as seguintes estruturas: unha lámina medial da apófise pterigoides, onde atopamos a fosa pterigoide, a incisura pterigoide e o gancho pterigoide. Estas apófises conectan cos ósos palatino e vómer.

Buratos e fisuras

editar

Xunto co óso frontal:

  • Fisura orbitaria superior - Nervios oculomotor (III), troclear (IV), abducente (VI) e ramo frontal do trixémino, vea oftálmica.
  • Fisura orbitaria inferior - nervio maxilar.

Galería de imaxes

editar

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Ferner H.: Atlas de anatomía humana. 18º edición Ed. Panamericana (1983). ISBN 84-85320-24-7

Outros artigos

editar