Escudo de Belize

escudo de armas

O escudo de Belize data do ano 1981, ano da independencia, aínda que é moi semellante á versión anterior, adoptada en 1967, á que se engadiu a coroa de follas exterior e a terraza de vexetación baixo os dous tenantes e fíxose máis grande a árbore que timbra o escudo. O escudo colonial orixinario de Honduras Británica, que xa era terzado e incluía o barco e os símbolos da industria da madeira, data de 1819 e cambiouse significativamente en 1907 e en 1967 até adoptar a forma actual.

Escudo de Belize
Detalles
ArmigerBelize
Adoptado1981
Divisa"Sub Umbra Floreo"
(Baixo a sombra eu florezo)
Versións anteriores

Os diversos motivos representados no escudo fan referencia a un aspecto importante da historia de Belize, a industria da caoba, que formou a base da economía do país nos séculos XVIII e XIX.

O escudo forma parte tamén da bandeira estatal, onde se sitúa na parte central.

Brasón

editar

Escudo terzado en perla: o primeiro, de prata, un remo e unha machada cadrada ó natural pasados en aspa; o segundo, de ouro, unha serra e unha machada triangular tamén ó natural e pasadas en aspa; o terceiro, de cor celeste, un barco ó natural navegando sobre un pé ondulado de azur sobre dúas faixas de sinople e ouro.

Por timbre, unha árbore de caoba ó natural. Como tenantes: á dereita, un leñador mestizo ó natural, con pantalóns de prata, que leva unha machada na man dereita; á esquerda, un leñador negro ó natural, tamén con pantalóns de prata, que leva un remo na man esquerda; ambos sobre unha terraza de sinople ó natural.[1]

Baixo o escudo, unha cinta de prata co lema nacional en latín: "Sub umbra floreo" (Baixo a sombra eu florezo).

  1. Arms of BELIZE - Heraldry of the World. Consultado o 10 de maio de 2012.