Escritura tartesa
A escritura tartesa,[1] tamén coñecida como do suroeste (suroccidental) da Península Ibérica e como sudlusitana, é unha escritura paleohispánica moi similar, tanto pola forma dos signos como polo valor que os signos representan, á escritura ibérica suroriental. A diferenza desta, que expresa lingua ibérica, a escritura tartesa expresa unha lingua que non puido aínda ser relacionada con ningunha outra. Sobre a orixe das escrituras paleohispánicas non hai consenso: para algúns investigadores a súa orixe esta directa e unicamente vinculado ao alfabeto fenicio, mentres que para outros na súa creación tamén influiría o alfabeto grego.
Características
editarA diferenza das outras escrituras paleohispánicas, a escritura tartesa e a lingua que expresa non teñen unha denominación consensuada. A denominación máis neutra é a de escritura do suroeste da Península Ibérica, posto que só fai referencia á localización xeográfica das inscricións que usan esta escritura no cuadrante suroccidental da Península Ibérica. Pero a denominación máis popular é a de escritura tartesa, aínda que non é unha denominación precisa, posto que as inscricións que usan esta escritura só aparecen marxinalmente no territorio no que as fontes clásicas sitúan o reino de Tartessos e, en cambio, concéntranse no territorio que as fontes clásicas atribúen aos conios. Unha terceira denominación é escritura sudlusitana, que fai referencia á súa posición xeográfica relativa respecto do territorio dos lusitanos.
Como o resto das escrituras paleohispánicas, esta escritura presenta signos con valor silábico, para as oclusivas, e signos con valor alfabético, para o resto de consoantes e vogais. A partir do punto de vista da clasificación dos sistemas de escritura non é nin un alfabeto nin un silabario, senón unha escritura mixta que se identifica normalmente como semisilabario. A característica distintiva desta escritura é a sistemática redundancia vocálica dos signos silábicos, fenómeno que nas outras escrituras paleohispánicas é residual. Este fenómeno foi descuberto por Ulrich Schmoll e permite clasificar a maior parte dos signos desta escritura en silábicos, vocálicos e consonánticos. Aínda así, o seu desciframento aínda non se pode dar por fechado, posto que non hai consenso entre os diferentes investigadores que fixeron propostas concretas.
Esta escritura escríbese moi maioritariamente de dereita a esquerda e o seu ámbito de uso é o cuadrante suroccidental da Península Ibérica: fundamentalmente no Algarve e no Baixo Alentexo e residualmente en Andalucía occidental e Estremadura. Practicamente o único soporte sobre o que aparece son grandes lousas de pedra, preto dun centenar. O tipo de soporte e o feito de que practicamente todas apareceron fóra de contexto, impide precisar excesivamente a súa cronoloxía, aínda que, polos escasos exemplares que presentan algunha restrición cronolóxica, parece que deberían de ser do século V a.C. ou anteriores. Aínda así, tradicionalmente atribúeselles unha antigüidade que as podería facer remontar ata o século VII a.C., hipóteses que, de se confirmaren, a convertería na escritura paleohispánica máis antiga.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tarteso.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Correa, José Antonio (1996): «La epigrafía del sudoeste: estado de la cuestión», La Hispania prerromana, pp. 65–75. (en castelán)
- Correia, Virgílio-Hipólito (1996): «A escrita pré-romana do Sudoeste peninsular», De Ulisses a Viriato: o primeiro milenio a.c., pp. 88–94 (en portugués)
- Guerra, Amilcar (2002): «Novos monumentos epigrafados com escrita do Sudoeste da vertente setentrional da Serra do Caldeirão» Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine., Revista portuguesa de arqueologia 5-2, pp. 219–231. (en portugués)
- Hoz, Javier de (1985): «El origen de la escritura del S.O.», Actas del III coloquio sobre lenguas y culturas paleohispánicas, pp. 423–464. (en castelán)
- Rodríguez Ramos, Jesús (2000): «La lectura de las inscripciones sudlusitano-tartesias», Faventia 22/1, pp. 21–48. (en castelán)
- Schmoll, Ulrich (1961) : Die sudlusitanischen Inschriften, Wiesbaden. (en alemán)
- Untermann, Jürgen (1997): Monumenta Linguarum Hispanicarum. IV Die tartessischen, keltiberischen und lusitanischen Inschriften, Wiesbaden. (en alemán)
- Valério, Miguel (2008): «Origin and development of the Paleohispanic scripts: The Orthography and Phonology of the Southwestern Alphabet».