O erisipeloide é unha doenza infecciosa humana causada pola bacteria Erysipelothrix rhusiopathiae que afecta o ser humano e transmítese por contacto sanguíneo cun animal ou carne infectado (xeralmente por abrasións nas mans por un rabuñazo, mordida ou por contacto con carne crúa ou case crúa).[1] Xeralmente a infección restrínxese á pel (erisipeloide cutáneo ou de Rosenbach), fundamentalmente nas mans, mais en casos raros migra ao interior do corpo e causa unha infección xeneralizada (septicemia).[2][3] Esta bacteria produce unha doenza parecida en animais, que son a fonte de contaxio para o home. É máis común entre persoas que tratan con carne e animais, como veterinarios, pescadores, carniceiros, cociñeiros e tratantes de animais.[4]

Erisipeloide
Clasificación e recursos externos
Morfoloxía celular e colonial de Erysipelothrix rhusiopathiae.
ICD-10A26
ICD-9027.1
DiseasesDB4432
MedlinePlus000632
eMedicinederm/602
MeSHD004887
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Non se debe confundir coa erisipela humana, a cal é causada por outras bacterias, os estreptococos, e ten outras características.

Causa editar

A Erysipelothrix rhusiopathiae é unha bacteria bacilar grampositiva que pode encontrarse en peixes, aves, mamíferos e moluscos. Na pel, pode producir certos encimas que lle axudan a abrirse camiño a través dos tecidos como a neuraminidase. Este encima axuda o microorganismo a invadir tecidos e entrar na corrente sanguínea. Ademais, ten dúas proteínas de superficie adhesivas, RSPA e RSPB, que serven para axudar o microorganismo a adherirse tanto a tecidos vivos, coma a fibras de coláxeno de tipo I e IV, e a superficies abióticas, como o polistireno. Cando entra na corrente sanguínea pode causar problemas cardíacos, neurolóxicos e articulares serios.[5]

Sinais e sintomas editar

Na pel causa unhas manchas vermellas, sensibles e quentes (eritema), fundamentalmente no dorso das mans.[6] Xeralmente o organismo elimina a bacteria por conta propia sen deixar secuelas. Raramente, consegue entrar na corrente sanguínea (bacteremia) causando problemas cardíacos, neurolóxicos ou articulares e sintomas de infección bacteriana como febre, dor e malestar.[5]

Epidemioloxía editar

É común en diversos animais domésticos e salvaxes, dos que forma parte da súa flora normal, e encóntrase no 20 a 40% do gando saudáble, especialmente en porcos, onde na maioría dos casos son pouco ou nada sintomáticos.[7] A infección en humanos é rara, e considérase principalmente unha doenza laboral.

Tratamento editar

En xeral a bacteria é sensible ás penicilinas.[8] No raro caso de bacteremia, ademais de penicilinas, pode usarse cefalosporina, ceftriaxona ou ciprofloxacino soa ou en combinación con eritromicina ou rifampicina.[9] O tratamento pode ser por vía oral durante 5 a 7 días ou intramuscular en dose única. A bacteria é naturalmente resistente á vancomicina.[8]

Prevención editar

Limpar as superficies que entran en contacto con animais ou carne con desinfectante, usar luvas e cociñar ben a carne axuda a previr esta infección.[9]

Notas editar

  1. Brooke C, Riley T (1999). "Erysipelothrix rhusiopathiae: bacteriology, epidemiology and clinical manifestations of an occupational pathogen". J Med Microbiol 48 (9): 789–99. PMID 10482289. doi:10.1099/00222615-48-9-789. 
  2. Brouqui P, Raoult D (2001). "Endocarditis due to rare and fastidious bacteria". Clin Microbiol Rev 14 (1): 177–207. PMC 88969. PMID 11148009. doi:10.1128/CMR.14.1.177-207.2001. 
  3. Nassar I, de la Llana R, Garrido P, Martinez-Sanz R (2005). "Mitro-aortic infective endocarditis produced by Erysipelothrix rhusiopathiae: case report and review of the literature". J Heart Valve Dis 14 (3): 320–4. PMID 15974525. 
  4. "Erysipeloid infection". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2020-03-17. 
  5. 5,0 5,1 "Erysipeloid: Background, Pathophysiology, Epidemiology". 2019-11-08. 
  6. "Erysipeloid: MedlinePlus Medical Encyclopedia". medlineplus.gov (en inglés). Consultado o 2020-03-17. 
  7. http://jmm.sgmjournals.org/content/48/9/789.full.pdf?origin=publication_detail[Ligazón morta]
  8. 8,0 8,1 Vinetz J (October 4, 2007). "Erysipelothrix rhusiopathiae". Point-of-Care Information Technology ABX Guide. Johns Hopkins University. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2008. Consultado o 16 de marzo de 2015. 
  9. 9,0 9,1 "Erysipeloid Treatment & Management: Medical Care, Surgical Care, Consultations". 2019-11-08.