Erysipelothrix rhusiopathiae

Erysipelothrix rhusiopathiae

Morfoloxía celular e colonial de Erysipelothrix rhusiopathiae
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Firmicutes
Clase: Erysipelotrichi
Orde: Erysipelotrichales
Familia: Erysipelotrichidae
Xénero: Erysipelothrix
Especie: E. rhusiopathiae
Nome binomial
'Erysipelothrix rhusiopathiae'
Migula, 1900

Erysipelothrix rhusiopathiae é unha especie bacteriana formada por bacilos grampositivos, catalase negativos, non formadores de esporas, non ácido-alcohol resistentes, e inmóbiles. O organismo foi establecido como patóxeno humano a finais do século XIX e afecta tamén a animais.[1] Pode illarse do solo, restos de comida e auga contaminada por animais infectados. Pode sobrevivir no solo durante semanas. Nas feces de porco, o período de supervivencia desta bacteria vai de 1 a 5 meses.[2] Crece en condicións aeróbicas e anaeróbicas e non contén endotoxina. A súa distribución é mundial, e é considerada principalmente un patóxeno de animais, que causa nos animais unha doenza similar á erisipela (erisipeloide se afecta ao ser humano, xa que a erisipela humana a causa outro microbio; véxase máis adiante). Os pavos domésticos e os porcos son os que se ven afectados máis comunmente, pero hai informes de casos noutras aves, ovellas, peixes, réptiles e outros animais.[3] Nos porcos, a enfermidade é un tipo de erisipela ás veces chamada "doenza da pel de diamante". Nos humanos, a enfermidade denominada erisipela non é causada por E. rhusiopathiae, senón por especies do xénero Streptococcus. Cando E. rhusiopathiea afecta a humanos, a enfermidade causada, chamada erisipeloide, esta principalmente considerada como unha enfermidade laboral de traballadores de matadoiros e carniceiros.

Epidemioloxía editar

O erisipeloide en humanos é transmitido por varios animais, especialmente porcos, nos cales a doenza era moi común no pasado. Nos porcos produce lesións similares ás da urticaria, artralxia⁄artrite, endocardite e sepse. Outros animais que poden transmitir a infección son as ovellas, coellos, polos, pavos, patos, emús, peixe escorpión e lagostas de mar. O erisipeloide humano é unha enfermidade laboral, que se dá fundamentalmente en persoas que traballan con carne ou con animais, como gandeiros, veterinarios, traballadores de matadoiros, peleteiros, carniceiros, pescadores, peixeiros, amas/amos de casa, cociñeiros e tendeiros. Mesmo se deu unha epidemia de erisipeloide entre traballadores que fabricaban botóns feitos de ósos de animais.[2] A enfermidade nos porcos causa perdas económicas para a industria porcina en todo o mundo.[1]

Medios selectivos editar

 
Cultivo en placa de ágar sangue de Erysipelothrix rhusiopathiae.

Tradicionalmente, os métodos de cultivo para o illamento de E. rhusiopathiae utilizan medios de enriquecemento selectivos. Hai métodos de cultivo dispoñibles comercialmente que son satisfactorios para un illamento primario do sangue, xa que E. rhusiopathiae non é especialmente esixente. Tamén existen outros medios selectivos para o seu illamento. Un medio moi utilizado é o caldo selectivo para Erysipelothrix (ESB), un caldo nutriente que contén soro, triptosa, kanamicina, neomicina, e vancomicina. O medio azida sangue modificado (MBA) é un ágar selectivo que contén azida de sodio e sangue ou soro de cabalo. O medio de Packer é un medio selectivo para mostras moi contaminadas, que contén azida de sodio e cristal violeta. O medio de Bohm utiliza azida de sodio, kanamicina, fenol e azul de anilina. O caldo de enriquecemento selectivo de Shimoji contén caldo de soia tríptica, Tween 80, Tris-aminometano, cristal violeta e azida de sodio.[1]

Enfermidade clínica editar

O erisipeloide chamábase tamén anteriormente doenza de Rosenbach, ou de Baker–Rosenbach e pseudoerisipela.[2] En humanos, as infeccións de E. rhusiopathiae xeralmente preséntrase como unha forma cutánea leve chamada erisipeloide.[3] Máis raro é que se orixinen sepses; este escenario está a miúdo asociado con endocardite. A doenza caracterízase clinicamente por un edema eritematoso, con bordos ben definidos e elevados, xeralmente localizada no dorso da man ou dedos, pero as palmas, antebrazos, brazos, cara e pernas raramente se ven afectadas.[2]. Pode haber tamén lesins erosivas vesiculares. A lesión pode ser asintomática ou ir acompañada de prurito suave, dor e febre.

Factores de virulencia editar

Suxeriuse que varios factores de virulencia están implicados na patoxenicidade de E. rhusiopathiae. Recoñeceuse a presenza dunha hialuronidase e unha neuraminidase, e sábese que a neuraminidase xoga un papel significativo na adhesión da bacteria e na subseguinte invasión das células hóspede. O papel da hialuronidase no proceso da doenza é discutida. A presenza dunha cápsula lábil á calor é tamén un importante factor de virulencia.[1]

Probas de laboratorio editar

Nos frotis de laboratorio a bacteria aparece como bacilos grampositivos (aínda que a tinguidura de Gram ten unha baixa sensibilidade para este microbio). É inmóbil, catalase negativo, microaerífilo, capnófilo (prospera en presenza de altas concentracións de CO2), e non forma esporas. Pode tamén producir H2S (gas), o cal é unha característica exclusiva para un bacilo grampositivo. Produce ácido a partir de glicosa, frutosa, galactosa e lactosa pero non de maltosa, xilosa, e manitol. A sacarosa poden fermentala moitas cepas de E. tonsillarum, pero non as de E. rhusiopathiae. Producen sulfuro de hidróxeno H2S o 95% das cepas de especies de Erysipelothrix como se demostra en ágar de triplo azucre ferro (TSI). E. rhusiopathiae pode diferenciarse doutros bacilos grampositivos, especialmente, de Arcanobacterium (Corynebacterium) pyogenes e Arcanobacterium (Corynebacterium) haemolyticum, que son hemolíticos en ágar sangue e non producen sulfuro de hidróxeno en cultivos en ágar TSI inclinados, e de Listeria monocytogenes, que é catalase positiva, motil e sensible á neomicina. A identificación rápida de E. rhusiopathiae pode facerse co Sistema API Coryne. É un sistema de tiras reactivas comercial baseado no número de reaccións bioquímicas para a identificación de bacterias corineformes e xéneros relacionados, incluíndo E. rhusiopathiae. O sistema permite unha identificación rápida e fiable das bacterias e considérase unha boa alternativa aos métodos bioquimicos tradicionais.[1] As investigacións de laboratorio poden revelar leucocitose, un lixeiro incremento de c-globulinas séricas e un incremento de marcadores inflamatorios (velocidade de sedimentación de eritrocitos, proteína C reactiva e glicoproteína ácida a-1).[2]

Tratamento editar

E. rhusiopathiae é sensible in vitro e in vivo principalmente a penicilinas, pero tamén a cefalosporinas (cefotaxime, ceftriaxone), tetraciclinas (clortetracclina, oxitetraciclina), quinolonas (ciprofloxacina, pefloxacina), clindamicina, eritromicina, imipenem e piperacilina. É resistente á vancomicina, cloranfenicol, daptomicina, xentamicina, netilmicina, polimixina B, estreptomicina, teicoplanina, tetraciclina e trimethoprim ⁄ sulfamethoxazole. As penicilinas e cefalosporinas son o tratamento de elección de primeira liña.[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Q. Wang, B.J. Chang, Th.V. Riley (2010). "Erysipelothrix rhusiopathiae". Journal of Veterinary Microbiology 140: 405–417. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 S. Veraldi, V. Girgenti, F. Dassoni & R. Gianotti (2009). "Erysipeloid: a review". Journal of Clinical and Experimental Dermatology 34: 859–862. 
  3. 3,0 3,1 C. Josephine Brooke & Thomas V. Riley (1999). "Erysipelothrix rhusiopathiae: bacteriology, epidemiology and clinical manifestations of an occupational pathogen". Journal of Medical Microbiology 48 (9): 789–799. PMID 10482289. doi:10.1099/00222615-48-9-789.