En xogo
En xogo é un programa deportivo da Televisión de Galicia en emisión dende 1985. Emitido nas noites dos domingos, dá un repaso á xornada deportiva, con análises, reportaxes e entrevistas, poñendo especial atención ao fútbol galego nas súas diferentes categorías, aínda que tamén inclúe información sobre outros deportes.[1][2]
En Xogo | |
---|---|
Presentado por | Óscar Benito |
Día(s) de emisión | domingo |
Horario de emisión | 22:30 |
Cadea | TVG TvG2 |
Día da estrea | 31 de agosto de 1985 (39 anos) |
Nº de temporadas | 40 |
Na rede
| |
En Xogo | |
Con máis de 38 anos de emisión ininterrompida é o programa de televisión máis lonxevo de Galicia e o segundo de España, só por detrás de Informe semanal.
Historia
editarEmitiu o seu primeiro programa o 31 de agosto de 1985, pouco despois do nacemento da Televisión de Galicia, sendo Xosé Luis Muñoz o seu primeiro director e Ovidio González o primeiro presentador.[1][3] Con poucos medios nos seus inicios, o programa repasaba a xornada deportiva, centrándose especialmente nos clubs galegos de fútbol. Pouco despois do seu inicio, o programa pasou a ser presentado e dirixido polo xornalista melidense Manuel Pampín,[4] que foi o rostro do programa ata 1993, cando Terio Carrera pasou a ser o presentador.[5]
Durante as seguintes tempadas o En xogo foise modernizando, coincidindo cos anos gloriosos do fútbol galego, con ata tres clubs na Primeira División (Deportivo da Coruña, Celta de Vigo e Compostela).[1] O 19 de maio do 2000 o programa emitiu un especial de nove horas, coincidindo coa consecución do título de liga por parte do Deportivo.[1] Alfonso Hermida era o presentador naquela época, sendo sucedido en 2005 por Carlos Macía e Jessica Figueroa.
Dende febreiro de 2006 o espazo é presentado por Óscar Benito e conta coma colaboradores con Dani Mallo, Roberto Lago, Luis Timiraos e Gustavo Varela.[1][6] Ao longo dos anos teñen pasado polo programa centos de convidados, entre eles numerosas figuras do fútbol galego como Arsenio Iglesias, Luis Suárez, Fran, Iago Aspas ou Lucas Pérez.[6]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "O "Cuéntame" do fútbol galego". Faro de Vigo. 15 de outubro de 2007. Consultado o 4 de xaneiro de 2024.
- ↑ "'En Xogo' recolleu o premio José Sellier da Academia do Audiovisual polo seu destacado labor durante 30 anos". Televisión de Galicia. 24 de febreiro de 2017. Consultado o 4 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Programación". La Voz de Galicia. 31 de agosto de 1985. p. 55.
- ↑ "Programación". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de agosto de 1986. p. 63.
- ↑ "TVG intenta competir ajustando la programación a su público". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de setembro de 1993. p. 66.
- ↑ 6,0 6,1 Palleiro, Armando (18 de agosto de 2024). "Óscar Benito: "Imos a por outros corenta anos de ‘En Xogo’ como mínimo”". DxT Campeón. Consultado o 19 de agosto de 2024.