Eliel Saarinen
Gottlieb Eliel Saarinen, nado en Rantasalmi, Finlandia, o 20 de agosto de 1873 e finado en Bloomfield Hills, Míchigan, o 1 de xullo de 1950, foi un arquitecto finlandés, famoso grazas ás súas construcións en estilo Art Nouveau a principios do século XX.
Biografía
editarSaarinen estudou en Helsinqui na Universidade Politécnica de Helsinqui. Desde 1896 ata 1905 traballou como compañeiro con Herman Gesellius e Armas Lindgren na firma «Gesellius, Lindgren e Saarinen». O seu primeiro gran traballo foi o Pavillón Finlandés da Exposición Universal de 1900, exhibía unha extraordinaria converxencia de influencias de estilo: arquitectura de madeira finlandesa, o neogótico británico e o jugendstil. A primeira época de Saarinen foi posteriormente bautizada co nome de «romanticismo nacional» finlandés e culminou coa Estación Central de Helsinqui (deseñada en 1904, construída en 1910-14). En 1910 traballou no amplo proxecto urbanístico de Munksnäs-Haga e máis tarde publicou un libro sobre o tema.
En xaneiro de 1911 converteuse en asesor do proxecto urbanístico de Reval (Estonia) e foi invitado a Budapest para que asesorase sobre desenvolvemento urbano. En 1912, publicouse un folleto escrito por Saarinen sobre os problemas urbanísticos de Budapest. En abril de 1913 obtivo a primeira praza nunha competición internacional polo seu plan para Reval. Durante 1917-1918 Saarinen traballou no proxecto por unha Helsinqui maior. Saarinen tamén deseño os billetes do marco finlandés introducidos en 1922.
O 6 de marzo de 1904 Saarinen casou con Louise Gesellius, unha escultora de Helsinqui, irmá máis nova de Herman Gesellius. Tiveron unha filla Eva-Lisa (Pipsan) o 31 de marzo de 1905 e un fillo Eero o 20 de agosto de 1910.
Eliel Saarinen mudouse aos Estados Unidos, logo de presentarse ao concurso para o deseño da Tribune Tower, en Chicago. Malia que o deseño de Saarinen resultou o segundo lugar do concurso, o seu edificio foi realizado en 1929 coa construción do Gulf Building en Houston. Saarinen estableceuse primeiro en Evanston (Illinois), onde traballou no seu esquema para o desenvolvemento da fachada do lago de Chicago. En 1924 converteuse en profesor visitante da Universidade de Míchigan.
En 1925 George Gough Booth pediulle que deseñase o campus da Cranbrook Educational Community, planeado como un equivalente estadounidense da Escola da Bauhaus. Saarinen ensinou nesta escola e converteuse en director da Cranbrook Academy of Art en 1932. Entre os seus estudantes-colaboradores atopábanse Ray Eames e Charles Eames; Saarinen influíu os seus seguintes traballos de deseño de mobles.
Converteuse en profesor no Departamento de Arquitectura da Universidade de Míchigan; actualmente, unha cátedra no A. Alfred Taubman College of Architecture and Urban Planning de Míchigan, leva o seu nome, e o College realiza anualmente unha serie de conferencias no seu honor.
O seu fillo Eero (1910-1961), converteuse nun do arquitectos estadounidenses máis importantes de mediados do século XX, como un dos líderes de estilo internacional. O estudante de Saarinen Edmund N. Bacon logrou unha prominencia nacional como Director Executivo da Comisión para a urbanización de Filadelfia desde 1949 ata 1970.
Obra
editar- Pavillón Finlandés, na Exposición Universal de 1900, París
- Finca Hvitträsk, lar de Saarinen en Kirkkonummi (1903)
- Sede do club na fábrica Luther, Tallinn, Estonia (1905)
- Estación Central de Helsinqui (1911)
- Museo Nacional de Finlandia, en Helsinqui (1911)
- Casa do Concello de Lahti, en Lahti (1911)
- Edificio da Asociación de reserva mutualista, Tallinn, Estonia (1912)
- Estación de Tren de Vyborg (1913)
- Igrexa de San Pablo, en Tartu, Estonia (1917)
- Primeira Igrexa Cristiá de Columbus, Indiana (1942)
- Kleinhans Music Hall, Buffalo, Nova York; deseñado en colaboración co seu fillo Eero Saarinen
- Á orixinal do Des Moines Art Center, Des Moines, Iowa 1945–1948
- Comunidade Educacional Cranbrook, Bloomfield Hills, Míchigan
- Igrexa Luterana de Cristo], Minneapolis, Minnesota 1949
- Centro da Comunidade de Fenton, Fenton, Míchigan
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Eliel Saarinen |