Electronic Body Music

(Redirección desde «Electronic body music»)

Electronic Body Music (EBM) é un estilo de música electrónica aparecido a principios dos anos 80 que combina elementos da música industrial e a música electrónica de baile. O seu son aséntase nas bases da música industrial de conxuntos pioneiros como Throbbing Gristle, Psychic TV, Can ou Neu!, e outros pioneiros da electrónica como Kraftwerk, Cabaret Voltaire ou DAF.

A denominación "Electronic Body Music" foi concibida polo grupo belga Front 242 a principios dos 80 para describi-la súa música, polo que dende entón se lles atribúe a paternidade do xénero.

O son da EBM

editar

Unha das características principais é a frialdade e contundencia das bases rítmicas, que a pesar de seren bailábeis apóianse no son industrial. A súa estrutura foxe sensiblemente do concepto pop, desenvolvéndose nunha certa monotonía calculada sen deixar de banda figuras musicais concretas, como as polirritmias ou os clásicos fill-in que poden entrar ou saír do núcleo do ritmo dun xeito máis ben ecléctico.

As liñas de baixo tenden a ser profundas e cunha clara intención hipnótica, prescindindo de figuras como a síncopa e que adoitan seguir unha estrutura a corcheas ou semicorcheas. Este tipo de liñas de baixo son tamén coñecidas como sequenced-bass.

Para os efectos de harmonía e melodía son destacábeis os riffs de sintetizador, concibidos de xeito máis repetitivo e minimalista que as bases rítmicas. Os acompañamentos adoitan ser pads ou "colchóns sintéticos" que envolven os temas con atmosferas escuras.

No desenvolvemento vocal son características as voces masculinas, por acadaren tons máis baixos e dar unha sensación máis lánguida e sinistra. As letras fan referencia polo xeral a temática social, filosófica e política nunha tesitura escura e moitas veces case apocalíptica.

Algúns dos conxuntos máis destacados

editar