Kraftwerk (en alemán, central de enerxía) son un conxunto alemán de música de vangarda pioneiro por facer unha contribución decisiva no desenvolvemento da música electrónica actual, especialmente en xéneros coma o electro, tecnopop/electropop, house, techno, EBM e tamén importantes achegas na música industrial e ambient.

Kraftwerk
Formación actual de Kraftwerk en directo
OrixeDüsseldorf, Alemaña
Período1970 - presente
Xénero(s)Música electrónica, krautrock
MembrosRalf Hütter
Fritz Hilpert
Henning Schmitz
Falk Grieffenhagen
Na rede
https://kraftwerk.com
IMDB: nm1436137 Facebook: Kraftwerk Twitter: kraftwerk Instagram: kraftwerkofficial MySpace: kraftwerk Youtube: UCkVewSfjK_M059iV88kYgiw BNE: XX212447 Souncloud: kraftwerkofficial Spotify: 0dmPX6ovclgOy8WWJaFEUU iTunes: 553899 Last fm: Kraftwerk Musicbrainz: 5700dcd4-c139-4f31-aa3e-6382b9af9032 Songkick: 507825 Discogs: 4654 Allmusic: mn0000104714 Deezer: 926 Genius: Kraftwerk Editar o valor en Wikidata

O grupo foi formado en 1970 por Ralf Hütter e Florian Schneider en Düsseldorf, nun proxecto inicial chamado Organisation, pero a fama chegoulles coma cuarteto coa incorporación de Wolfgang Flür e Karl Bartos.

As técnicas empregadas na súa música e o equipo que desenvolveron son hoxe omnipresentes na música moderna. A súa influencia na música popular da segunda metade do século XX é comparábel á dos Beatles

Historia

editar

Ralf Hütter (teclados) e Florian Schneider (frauta), coñecéronse no conservatorio a finais dos 60, e fundaron o grupo Organisation, precursor de Kraftwerk, un quinteto de estilo Kraut Rock co que gravaron o álbum Tone Float. A principios de 1970 montaron o seu propio estudio: Kling Klang e emprenderon o proxecto musical que tomaría o nome de Kraftwerk.

Os tres primeiros álbums de Kraftwerk foron aínda parcialmente acústicos e experimentais, pero en 1973 o seu son pasou a ser decididamente electrónico e con trazas de pop melódico. O resultado foi o álbum Autobahn ("autoestrada" en alemán), considerado por moitos expertos un punto de inflexión que constituíu un dos primeiros álbums de electropop. As cancións estaban compostas por fragmentos de melodías que se alongaban e acurtaban con efectos de son alternos (unha característica que ata hoxe determina a esencia de Kraftwerk). Autobahn foi, ademais, o primeiro álbum no que Schneider e Hütter cantaron e co que conseguiron o seu primeiro Disco de Ouro. O disco encabezou as listas de éxitos dos Estados Unidos, e grazas ó éxito obtido asinaron por EMI en 1974.

En febreiro de 1975 Klaus Roeder (antigo compoñente do grupo) deixou a formación e foi substituído polo batería e músico de estudio Karl Bartos. No verán de 1975 gravaron o seu álbum Radioktivität, que se publicou en novembro do mesmo ano. Novamente acadaron o éxito co single do mesmo título e posicionounos no número un das listas francesas a principios do verán de 1976 e mantivéronse nel ó longo de varias semanas. En consecuencia, Hütter e Schneider visitaron Francia. Doutra banda, na súa estancia no país galo, os afeccionados ó ciclismo convidaron a Ralf Hütter a acompañar ó Tour de Francia como espectador. Estes dos feitos son salientábeis xa que inspiraron dous posteriores traballos de Kraftwerk.

A finais de 1976 gravouse o sexto álbum de Kraftwerk, chamado Trans Europa Express que se publicou no primeiro cuarto de 1977. O tema principal, que daba nome ó traballo, supuxo un grande impacto nos Estados Unidos e é considerada unha obra mestra da música ambient. O artista norteamericano Afrika Bambaataa baseouse neste tema na composición doutra obra clave da música electrónica: Planet Rock, decisiva no desenvolvemento dun novo xénero que pasou a se chamar electro.

Despois duns meses de ausencia fixeron aparición novamente o 29 de marzo de 1978 na televisión, ofrecendo unha escena sen par ó se presentaren ante o público coma robots viventes, vestidos con pantalóns negros, camisolas vermellas, garavatas negras cunhas luciñas intermitentes e unha coreografía de movementos totalmente robótica á vez que tocaban. Con esta posta en escena presentaron o novo single Die Roboter (The Robots), outro tema emblemático da formación. En abril do mesmo ano apareceu o seguinte álbum de Kraftwerk: Die Mensch-Machine (The man machine) co hit Das model (The model).

As achegas, os coñecementos e maila influencia do produtor Conny Plank tamén foron decisivas para definiren o son do grupo. Plank traballou para outros importantes grupos alemáns como Can, Neu!, Cluster e Harmonia, grupos tamén do círculo electrónico e experimental aínda que máis preto da música industrial. Grazas ó traballo con Kraftwerk, o estudio de Plank, preto de Colonia converteuse nun dos máis solicitados de Europa nos anos 70. Plank produciu os catro primeiros discos de Kraftwerk, pero deixou de traballar con eles despois de Autobahn, o seu primeiro éxito comercial.

Coa formación "clásica" de Kraftwerk de 1975 (Hütter, Schneider, Bartos e Flür), gravaron e presentaron en directo por todo o mundo os seus álbums máis coñecidos: Radioactivity (1975), Trans-Europe Express (1977), The man machine (1978), Computer World (1981) e Electric café (1986), así como o tema oficial do Tour de Francia en 1983 (Tour de France). Nese punto, Bartos e Flür abandonaron o grupo e foron substituídos por varias persoas sen chegar máis a teren unha formación tan estábel.

A crise do grupo foi provocada polo cambio tecnolóxico que Hütter e Schneider querían levar a cabo, dixitalizando todo o seu catálogo de cancións e sons. Esta tarefa esgotou ós outros dous membros do grupo. O primeiro froito dese traballo, permanecendo Flür aínda con eles, foi o recompilatorio The Mix (1991), que recollía os temas clásicos de Kraftwerk reprogramados e re-mesturados segundo ás tendencias do momento. É importante suliñar que en 1991 o house e o techno xa estaban á orde do día na industria musical mundial, polo que recibiron moitas críticas polo novo traballo, aínda que foran eles mesmos artífices en parte deses estilos.

Aínda que na década dos 90 actuaron en directo por todo o mundo, non publicaron máis nada ata o ano 2000, cando a organización da Exposición Universal de Hannover encargoulle-lo tema oficial: Expo 2000, que se publicou coma single en diferentes versións e despois coma álbum. Este tema desatou en Alemaña unha gran polémica, por se tratar dun jingle no que un vocoder repetía as palabras "Expo 2000" en diferentes linguas.

No 2003 publicaron un álbum con temas novos pero baseados no Tour de France, tema que cumpría vinte anos dende a súa primeira edición; e finalmente un álbum en directo (Minimum-Maximum) e unha reedición dos seus álbums clásicos (The Catalog).

Música

editar

Tralos seus primeiros discos experimentais, a fama chegoulles en 1974 con "Autobahn", un tema de vinte e dous minutos que foi un éxito en todo o mundo e demostrou a súa creciente confianza cos sintetizadores. A partir de aí Kraftwerk foi un dos primeiros grupos en empregaren unicamente instrumentos electrónicos (sintetizadores, caixas de ritmos, secuenciadores, ordenadores, vocoders e samplers).

Unha das características principais da súa música é o concepto minimalista das composicións, mais por contra un gran desenvolvemento nas mesmas e un claro control e coñecemento da harmonía no concepto clásico (non hai que esquecer que a formación musical de Hütter e Schneider se orixinou no conservatorio).

Letras

editar

As letras de Kraftwerk enmárcanse na vida urbana e a tecnoloxía do século XX: as viaxes en coche, en tren, os ordenadores persoais, o teléfono etc. Segundo as súas propias palabras, os artistas alemáns da súa xeración debían continuar avanzando a partir do punto morto no que ficou Alemaña en 1933 coa chegada ó poder dos nazis.

As súas letras son moi sintéticas, moi simples na súa forma, e grazas a esta sinxeleza amosan unha ambigüidade complexa e controvertida, sendo á vez unha celebración inxenua do mundo moderno, os seus costumes e inventos, e unha sabia advertencia sobre as súas posíbeis consecuencias. Dun xeito maxistral conseguen transmitir simultaneamente un efecto alleante, nostálxico e escapista, e unha certa incomodidade e preocupación.

A súa idea base era converter ó grupo nunha especie de estación de radio imaxinaria que emitía mensaxes para todo o mundo. Mensaxes sinxelas, mesmo en varias linguas, que calquera podía facer súas.

Hai que salientar que, a partir de "Radioactivity" comezaron a publicar dúas versións distintas de cada álbum: unha coas letras en alemán para o mercado alemán e outra coas letras en inglés para o mercado internacional. Asemade, como deixamos entrever anteriormente, tamén gravaron cancións noutras linguas, coma o francés en "Tour de France", xaponés en "Dentaku" ("Pocket Calculator"), e mesmo o castelán en "Objeto Sexual" ("Sex Object"). É interesante decatarse de como, en moitas das súas cancións, altérnanse frases en varias linguas. Podemos comprobalo, por exemplo, en "Die Roboter" (álbum "Die Mensch Maschine") coas frases en ruso "Ja tvoi sluga, Ja tvoi rabotnik" (tradución "Son o teu escravo, Son o teu traballador"), xustapostas entre a letra en alemán. O seu álbum Electric Café (1986) xa mesturaba nas súas cancións alemán, francés, inglés e español; e non é estraño atopar en moitas actuacións en directo outras linguas coma o italiano, o hebreo e o xaponés.

Discografía

editar

Álbums de estudio

editar
Álbum Ano Selo Notas
Kraftwerk 1970 Philips/Vertigo
Kraftwerk 2 1972 Philips/Vertigo
Ralf und Florian 1973 Philips/Vertigo
Autobahn 1974 Philips/Vertigo
Radio-Activity 1975 Kling Klang/EMI-Electrola/Capitol Título orixinal alemán: Radio-Aktivität
Trans-Europe Express 1977 Kling Klang/EMI-Electrola/Capitol Título orixinal alemán: Trans-Europa Express
The Man-Machine 1978 Kling Klang/EMI-Electrola/Capitol Título orixinal alemán: Die Mensch Maschine
Computer World 1981 Kling Klang/EMI-Electrola/Warner Bros. Título orixinal alemán: Computerwelt
Electric Café 1986 Kling Klang/EMI/Warner Bros Renomeado como Techno Pop na reedición de 2009
Tour de France Soundtracks 2003 Kling Klang/EMI/Astralwerks

Álbums ao vivo

editar
Álbum Ano Selo
Minimum-Maximum 2005 Kling Klang/EMI/Astralwerks
3-D The Catalogue 2017 Kling Klang/EMI/Astralwerks

Recompilatorios

editar
Álbum Ano Selo
Exceller 8 1975 Vertigo
Elektro Kinetik 1981 Vertigo
The Mix 1991 Kling Klang/EMI/Elektra

Caixas

editar
Álbum Ano Selo Notas
Klang Box 1997 Kling Klang/EMI
The Catalogue 2009 Kling Klang/EMI/Mute/Astralwerks Título orixinal alemán: Der Katalog

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Flür, Wolfgang. (1999). Lleida: Editorial Milenio, ed. Kraftwerk: Yo fui un robot (en castelán). ISBN 978-84-9743-448-5. 

Ligazóns externas

editar