Educación y Descanso

Educación y Descanso foi unha das Obras da Organización Sindical española (antes coñecida como Confederación Nacional de Sindicatos, CNS) do réxime franquista; os chamados sindicatos verticais. Educación y Descanso (EyD, en diante) estaba adicada a promover e realizar todo tipo de actividades artísticas, culturais e deportivas por parte dos traballadores (produtores), que para eses fins encadrábanse nos Grupos de Empresa.

EyD creouse en 1940 e subsistiu até o desmonte dos sindicatos verticais en 1977. Contaba para os seus fins cunha rede de centros culturais, instalacións deportivas (incluídos os Parques Sindicais), residencias e cidades residenciais.

As actividades amparadas por EyD estendíanse pois a grupos de teatro, cineclubs, coros e danzas (a mesma denominación que principalmente se refire aos Coros y Danzas da Sección Feminina de Falange cos que non debe confundirse), viaxes e vacacións e sobre todo competicións deportivas, que culminaban nos denominados Juegos Deportivos Sindicais. De feito determinadas actividades minoritarias como o aeromodelismo, o tiro con arco, a espeleoloxía ou mesmo o xadrez e a filatelia tiveron durante anos o seu mellor nicho nos grupos de EyD.

Pola súa banda as grandes empresas españolas do franquismo, sobre todo as do INI pero non só elas, tiñan moi a gala subvencionar xenerosamente os seus Grupos de Empresa; e quizais entre todos eles foi o máis destacado en cantidade e calidade o de Ensidesa que lindaba co auténtico luxo, incluíndo club de case todos os deportes e moitas actividades artísticas e culturais.

Os campionatos e concursos de todo tipo tiñan o seu expoñente culminante de forma anual, nas demostracións do 1 de maio, das que a Nacional, celebrada normalmente no Estadio Santiago Bernabéu de Madrid con asistencia do Xefe do Estado, con numerosas actuacións ximnásticas e folclóricas.

Outra manifestación deportiva clásica de EyD que se mantivo sen interrupción desde o ano 1948 até a edición póstuma de 1976 foi a Regata de Traineras en honra del Caudillo, (posteriormente Generalísimo e finalmente S. E. el Jefe del Estado segundo evolucionaba a nomenclatura do sistema). Esta competición celebrábase na Coruña todos os veráns, tradicionalmente o 15 de agosto, participando nela normalmente unha embarcación de cada unha das provincias nas que se practicaba esa especialidade do deporte do remo; Guipúscoa, Biscaia, Santander, Asturias, A Coruña e Pontevedra; e coa asistencia do homenaxeado.

As áreas cubertas por EyD agrupábanse da seguinte forma:

  • Extensión cultural (coros, bandas de música, orquestras, rondallas, teatro, danza e ballet, agrupacións folclóricas)
  • Arte (agrupacións teatrais, concursos literarios, fotográficos, cineclubs)
  • Turismo
  • Fogares do Produtor, residencias e as Cidades Residenciais de Perlora (Asturias) e Tarragona
  • Bibliotecas
  • Deportes