Edicto de Expulsión
O Edicto de Expulsión foi un decreto real emitido por Eduardo I de Inglaterra o 18 de xullo de 1290, polo cal expulsaba a todos os xudeus de Inglaterra. O edicto estivo vixente durante o resto da Idade Media e supuxo o cumio de case 200 anos de persecucións aos xudeus. En 1657 durante o Protectorado británico, Oliver Cromwell permitiu o regreso dos xudeus a Inglaterra poñendo fin a tres séculos de expulsión.
Antecedentes da expulsión
editarAs primeiras comunidades xudías de tamaño significativo chegaron a Inglaterra con Guillerme o Conquistador en 1066.[1] Na conquista de Inglaterra, Guillerme creou un sistema feudal no país, polo cal todas as propiedades formalmente pertencían á Coroa; o rei entón nomeaba señores sobre estas vastas propiedades, que estaban suxeitos a deberes e obrigacións (financeiras e militares) ao rei. Baixo os señores estaba o resto de individuos como servos, quen quedaban atados e obrigados aos seus señores e ás obrigacións dos seus señores. Os mercadores tiveron un status especial no sistema, como sucedeu cos xudeus. Os xudeus quedaron baixo a xurisdición directa do rei, a diferenza do resto da poboación.[2]. Isto era unha posición legal ambivalente para a poboación xudía, pois non quedaban ligados a ningún señor particular, pero si estaban suxeitos aos caprichos do rei. Isto podería ás veces ser vantaxoso pero outras non. Cada rei sucesivo formalmente revisou a concesión da carta real aos xudeus que regulaba o dereito destes para permanecer en Inglaterra. Os xudeus non gozaban das garantías da Carta Magna[3] de 1215.
Economicamente, os xudeus representaban unha función clave no país, xa que a Igrexa prohibía estritamente o préstamo de diñeiro con beneficio aos cristiáns. Isto creou un baleiro na economía de Europa que os xudeus encheron debido á discriminación extrema que sufrían en calquera outra área económica; o dereito canónico non se consideraba aplicable aos xudeus e o xudaísmo si permite os préstamos con interese entre xudeus e non xudeus.[4] Como consecuencia, algúns xudeus amasaron cantidades considerables de diñeiro. Aproveitando o seu status especial e vasalaxe directa, o rei podería apropiarse dos beneficios xudeus en forma de impostos. Gravouse con fortes impostos aos xudeus sen ter que convocar ao Parlamento.[5] A comunidade xudía actuaba como unha especie de filtro monetario xigante: os xudeus aplicaban o interese sobre o diñeiro que deixaban ás persoas e logo o rei podía tomalo ao seu pracer.
Os xudeus granxeáronse unha mala reputación como usureiros, a cal fíxoos extremadamente impopulares tanto entre a Igrexa como entre o público xeral. Mentres a actitude antisemita se estendía en toda Europa, a Inglaterra medieval era particularmente antixudía. Unha imaxe do xudeu como un ser diabólico que odiou a Cristo empezou a estenderse, e mitos antisemitas como o conto do xudeu errante ou o libelo de sangue, asasinatos rituais, orixináronse e estenderon por toda Inglaterra, así como por Escocia e Gales.[6] Frecuentemente os xudeus eran acusados de cazar pícaros para asasinalos antes de Pessach e así utilizar o seu sangue para facer matzá.[7] O clima antixudeu en numerosas ocasións traduciuse en disturbios nos que moitos xudeus foron asasinados, destacando o masacre de York, en 1190, na que uns cen xudeus foron linchados.
Expulsión
editarA situación empeorou para os xudeus conforme avanzou o século XIII. En 1218, Inglaterra foi a primeira nación europea en requirir aos xudeus que levasen unha identificación visible.[8] Os impostos creceron e eran cada vez máis intensos. Entre 1219 e 1272, 49 taxas foron impostas aos xudeus ata un total de 200 000 marcos, unha suma vasta de diñeiro.Rubenstein 1996, p. 37 O primeiro paso importante cara a expulsión tivo lugar en 1275, co Estatuto da Xudería. O estatuto prohibiu todo empréstito de diñeiro e deu quince anos aos xudeus para adaptarse.[9]
No ducado de Gascuña en 1287, o rei ordenou a expulsión local dos xudeus.[10] Todas as súas propiedades pasaron á coroa e todas as débedas debidas aos xudeus transferíronse a nome do rei.[11] Cando regresou a Inglaterra en 1289, o rei Eduardo estaba gravemente endebedado.[12] O seguinte verán convocou os seus cabaleiros para impoñer un imposto. Para facer o imposto máis aceptable, Eduardo ofreceu a cambio expulsar a todos os xudeus.[13] O forte imposto pagouse e, tres días máis tarde, o 18 de xullo, emitiuse o Edicto de expulsión.[a] A razón oficial para a expulsión era que os xudeus non aceptaran seguir o Estatuto da xudería. O edicto de expulsión foi moi popular e atopou pouca resistencia, co que a expulsión levouse a cabo con rapidez.
A poboación xudía en Inglaterra era relativamente pequena, quizais 2 000 persoas, aínda que as estimacións varían.[14] O proceso de expulsión parece que foi relativamente pacífico, malia que houbo algúns testemuños que difiren. Unha historia, talvez falsa contaba dun capitán que conducía un barco cheo de xudeus polo Támese, en ruta a Francia, mentres a marea era baixa, convenceunos para saír a dar un paseo con el; deixounos alí e fixo retroceder o seu barco rápido antes de que a marea volvese, deixándoos morrer.[11]
Notas
editar- ↑ No Calendario hebreo, esta data era o 9 Av (Tisha B'Av) 5050.
- ↑ Paul Johnson, A History of the Jews, p.208
- ↑ Glassman 1975, p. 14.
- ↑ Rubenstein 1996, p. 36.
- ↑ Parkes 1976, p. 303.
- ↑ Rubenstein 1996, p. 37.
- ↑ Glassman 1975, p. 17.
- ↑ Rubenstein 1996, p. 39.
- ↑ Glassman 1975, p. 16.
- ↑ Prestwich 1997, p. 345.
- ↑ Prestwich 1997, p. 306.
- ↑ 11,0 11,1 Prestwich 1997, p. 346.
- ↑ Prestwich 1997, p. 307.
- ↑ Prestwich 1997, p. 343.
- ↑ Mundill, Robin R. (2002) England's Jewish Solution: Experiment and Expulsion, 1262-1290.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Adler, Michael (1939). Jews of Medieval England. Edward Goldston.
- Glassman, Bernard (1975). Anti-Semitic Stereotypes Without Jews: Images of the Jews in England 1290–1700. Wayne State University Press. ISBN 0-8143-1545-3.
- Parkes, James (1976). The Jew in the Medieval Community. Hermon Press. ISBN 0-87203-059-8.
- Powicke, Sir Maurice (1953). The Thirteenth Century, 1216–1307. Clarendon Press.
- Prestwich, Michael (1997). Edward I. Yale University Press. ISBN 0-300-07157-4.
- Rubinstein, W. D. (1996). A History of the Jews in the English-Speaking World: Great Britain. Macmillan Press. ISBN 0-333-55833-2.
- Jacobs, Joseph. England 5. p. 161.