ESRO 2B

Satélite artificial científico europeo.

ESRO 2B (European Space Research Organization 2B), tamén coñecido como IRIS (International Radiation Investigation Satellite)[8] e mencionado ás veces simplemente como ESRO 2, foi un satélite artificial europeo lanzado o 17 de maio de 1968 mediante un foguete Scout B desde a Base Vandenberg da Forza Aérea.[2][6]

ESRO 2B / IRIS
ESRO 2B
TipoCientífico
Destino actualReentrado na atmosfera.[1]
Data de lanzamento17 de maio de 1968, 2:06 GMT[1][2][3][4][5]
Foguete portadorScout B[2][6]
Sitio de lanzamentoBase Vandenberg da Forza Aérea[2]
Obxectivo da misiónObservación solar e de raios cósmicos.[2]
Decaemento8 de maio de 1971[1]
NSSDC ID1968-041A
Masa89,8 kg[2][7]

Características

editar

ESRO 2B foi un dos membros do conxunto de satélites ESRO adicados a facer investigacións científicas. A misión do satélite consistiu en facer observacións do Sol e estudar os raios cósmicos, continuando as observacións feitas polo satélite OSO D da NASA, lanzado o ano anterior. O experimento de partículas foi deseñado para continuar as medicións iniciadas polo satélite Ariel 1, do Reino Unido. ESRO 2B estabilizábase mediante xiro, a 40 r.p.m., e completou 16.282 voltas á Terra antes de reentrar na atmosfera o 8 de maio de 1971, sobre as 3:00 UT. O satélite funcionou sen problemas ata o 10 de decembro de 1968, en que fallou a grabadora de datos, disminuíndo nun 80% o retorno de datos. ESRO 2B foi inxectado nunha órbita inicial de 1090 km de apoxeo e 330 km de perixeo, cunha inclinación orbital de 97,2 graos e un período de 98,9 minutos.[1][2][3][4][7][8]

Instrumentos

editar

ESRO 2B levaba a bordo os seguintes instrumentos:[2][6]

Monitor de fluxo de partículas enerxéticas

editar

Este experimento foi deseñado para medir o fluxo de partículas enerxéticas na veciñanza da Terra mediante dous tubos Geiger estándar (modelos Anton 320 e Anton 112). Os detectores proporcionaron datos sobre os raios cósmicos e os cintos de radiación para comparalos cos datos obtidos cos instrumentos doutros satélites. O tubo modelo Anton 112 foi usado para estudar os fluxos de partículas por debaixo da rexión de máximo atrapamento do cinto interior. O detector Anton 302 traballaba no rango de enerxías de ata 3 MeV para electróns e de ata 20 MeV no caso de protóns, e o Anton 112 no rango de ata 1 MeV para electróns e de 15 MeV para protóns. O ángulo de visión do Anton 302 con respecto do eixo de rotación do satélite era de 90 graos. O experimento funcionou sen problemas durante a misión, excepto algunha dificultades menores atopadas entre xullo e setembro de 1968. O investigador principal do instrumento foi o profesor Harry Elliot.[9]

Detector de protóns solares e do cinto de Van Allen

editar

Foi deseñado para medir o fluxo de protóns na veciñanza terrestre no rango de enerxía entre 2 e 100 MeV mediante un telescopio formado por catro dispositivos de estado sólido separados por pequenas cantidades de material absorbente e recubertos por un material de blindaxe nun dos extremos. Os datos foron obtidos nos rangos espectrais e de intensidade típicos das diferentes poboacións de partículas distantes: raios cósmicos galácticos, partículas de erupcións solares e radiación atrapada no cinto de Van Allen. Tamén serviu para medir como varía a poboación de partículas segundo a actividade xeomagnética. Amais, o detector era capaz de detectar partículas alfa no rango entre 5 e 70 MeV (a maior parte de orixe solar) en dous canais de enerxía, e protóns entre 1 e 100 MeV en cinco canais usando técnicas de coincidencia-anticoincidencia. Un imán desviaba os electróns con enerxías menores a 200 KeV. O detector estaba aliñado de tal modo que apuntaba perpendicularmente ó eixo de rotación do satélite. O investigador principal do instrumento foi o profesor Harry Elliot.[10]

Detector de protóns e partículas alfa solares e galácticos

editar

O experimento medía a dependencia temporal do fluxo de protóns e partículas alfa coa mesma rixidez magnética emitidos polo Sol durante eventos enerxéticos. O detector estaba formado por un telescopio composto por dous centeleadores, dous contadores proporcionais e un contador Cerenkov. O ángulo de visión do detector con respecto do eixo de rotación da nave era de 90 graos. O investigador principal do instrumento foi o profesor Harry Elliot.[11]

Detector de raios cósmicos primarios e electróns

editar

Medía o fluxo e distribución de enerxía dos raios cósmicos primarios e electróns no rango de enerxía entre 1 e 5 GeV para contrastar as diversas teorías sobre a orixe e aceleración dos raios cósmicos e para estimar a forza do campo magnético galáctico. O detector estaba formado por un contador Cerenkov de gas e un multiplicador en cascada rodeados dunha blindaxe de chumbo para distinguir electróns e protóns. Tamén medíu o fluxo de protóns con enerxías de 300 MeV e 20 GeV. O investigador principal do instrumento foi o profesor Philip L. Marsden.[12]

Detector de raios X solares duros

editar

O experimento usaba cinco contadores proporcionais para medir o fluxo e espectro dos raios X solares duros na banda entre 1 e 20 ángstroms. O investigador principal do instrumento foi E. A. Stewardson.[13]

Detector de raios X solares suaves

editar

O experimento estaba formado por dous contadores proporcionais con ventás de mylar que rexistraban o fluxo de raios X solares en dúas bandas entre 40 e 70 ángstroms. O investigador principal do instrumento foi o profesor Cornelis de Jager.[14]

Detector e espectrómetro de fluxo e enerxía de raios cósmicos solares e galácticos

editar

O experimento medíu o fluxo e distribución de enerxía dos protóns entre 35 MeV e 1 GeV e das partículas alfa entre 140 MeV e 1,20 GeV, así como o fluxo de núcleos de litio, berilio e boro relativistas. O detector estaba formado por tres detectores de estado sólido, dous dos cales eran discos que formaban un telescopio mentres que o terceiro era unha caixa aberta usado en anticoincidencia para eliminar fenómenos de cascada. O investigador principal do instrumento foi o doutor Jacques Labeyrie.[15]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "IRIS (ESRO 2B)" (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 NASA (14 de maio de 2012). "ESRO 2" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2012. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  3. 3,0 3,1 "Letter dated 14 August 1968 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (68-17658). 21 de agosto de 1968: 2. Consultado o 2 de marzo de 2021. 
  4. 4,0 4,1 "Note verbale dated 28 January 2004 from the Permanent Mission of France to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (04-51402). 2 de marzo de 2004: 3. Consultado o 2 de marzo de 2021. 
  5. Claude Lafleur (2010). "ESRO 2 / ESRO 2B / IRIS" (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "ESRO 2A, 2B (Iris 1, 2)" (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  7. 7,0 7,1 Mark Wade (2011). "ESRO" (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  8. 8,0 8,1 Álvaro Giménez Cañete, Alberto Castro Tirado. "2.1 - Los primeros experimentos a bordo de satélites". En Equipo Sirius, S.A. Astronomía X. p. 46. ISBN 84-86639-83-2. 
  9. NASA (14 de maio de 2012). "Monitor of Energetic Particle Flux" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  10. NASA (14 de maio de 2012). "Solar and Van Allen Belt Protons" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  11. NASA (14 de maio de 2012). "Solar and Galactic Alpha Particles and Protons" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  12. NASA (14 de maio de 2012). "Primary Cosmic Ray Electrons" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  13. NASA (14 de maio de 2012). "Hard Solar X-rays" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  14. NASA (14 de maio de 2012). "Soft Solar X-rays" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  15. NASA (14 de maio de 2012). "Flux and Energy Spectra of Solar and Galactic Cosmic Ray Particles" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar