Dúo tradicional

Dúo gaiteiro e tamborileiro
(Redirección desde «Duo de gaita e tamboril»)

O dúo tradicional, ou dúo de gaita e tamboril[1], é unha agrupación musical galega formada pola gaita e o tambor.

Dúo tradicional
Orixe culturalGalicia Galicia
Instrumentos típicosGaita galega
Tambor
Caixa
Outros nomesDúo de gaita e tamboril

Características editar

Na música tradicional galega a gaita foi, até o século XVIII, un instrumento principalmente solista. Así se deduce da revisión da iconografía histórica onde, de apareceren acompañados, os gaiteiros fano sempre por músicos de frauta e tamboril.[2] Estes instrumentistas, documentados na Península Ibérica desde o século XII, tocaban unha frauta de tres furados xunto a un pequeno tambor que penduraban do pulso da man esquerda. É probábel que as referencias na documentación escrita da Idade Moderna os tamborileiros que tocaban xunto as gaitas, fagan referencia a este tipo de músicos.[3] Estes acompañantes foron paulatinamente abandonando a frauta, conservando unicamente o tamboril, até orixinar o tradicional dueto de gaita e tamboril. Paralelamente ao uso deste pequeno tambor utilizouse tamén outro de maiores dimensións e orixe militar, que se penduraba do ombreiro cunha correa, ou da cintura cun gancho. Da evolución destes dous modelos de instrumento xurdiu o tambor moderno empregado hoxe para o acompañamento da gaita de fol en Galiza.[4]

A aparición das bandas de música na sociedade galega de mediados do século XIX, introduciu na música popular nova instrumentación. Un destes instrumentos, a caixa, chegou a substituír case totalmente o tamboril, pasando a ocupar o seu lugar a carón do gaiteiro.[2] Porén, o tambor foi mantido pola corrente folclórica galega iniciada polos coros galegos a fins dese mesmo século, e volveu a popularizarse na década de 1920 coa aparición dos cuartetos tradicionais, a imaxe dos gaiteiros de Soutelo. Hoxe en día é máis frecuente entre os grupos folclóricos o emprego do tambor que o da caixa, se ben esta goza cada vez de maior recoñecemento.[4]

Notas editar

  1. Costa, Ivan (1999). "Da tradición pura ás formas evolucionadas" (PDF). Algalia (Cantigas e Agarimos) (1): 5. 
  2. 2,0 2,1 Carpintero Arias, Pablo. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Gaita de fol ”sinxela”". Consultado o 2021-10-14. 
  3. Carpintero Arias, Pablo. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Pito ou chifra e tambor". Consultado o 2021-10-14. 
  4. 4,0 4,1 Carpintero Arias, Pablo. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Tambor propiamente dito". Consultado o 2021-10-14. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar