Cuarteto tradicional

O cuarteto tradicional ou cuarteto enxebre[1], é unha agrupación musical tradicional galega formada por dúas gaitas, tambor e bombo.

Cuarteto tradicional
Os gaiteiros de Soutelo (1927)
Orixe culturalGalicia Galicia
Instrumentos típicosGaitas galegas
Tambor
Bombo
Outros nomesCuarteto enxebre
Cuarteto gaiteiro

Características editar

Debido á dificultade existente para harmonizar o son das gaitas artesanais, na tradición musical galega, o gaiteiro foi historicamente un músico solista. En cada zona do país existía un ou varios artesáns que elaboraban as gaitas ao seu xeito, con distintos tons, escalas e timbres, ademais, cada gaiteiro facía as súas propias palletas procurando un son do seu agrado. Por iso, malia que probabelmente existisen intentos previos, non foi até os anos vinte do século XX cando os avances na organoloxía permitiron que varias gaitas tocasen xuntas.[2]

Foi a dos afamados gaiteiros de Soutelo a formación que estendeu por Galiza a moda dos cuartetos con dúas gaitas, un conxunto que acadou enorme popularidade no período anterior á guerra civil española. Avelino Cachafeiro, o seu gaiteiro, foi escollido no ano 1924, na véspera do día nacional de Galiza, como o mellor gaiteiro do país na presenza dos grandes persoeiros do galeguismo do seu tempo.[3] Desde aquel momento a sona do seu grupo multiplicouse, chegando a gravar un disco no ano 1928 e a realizar unha xira polo continente americano.[4]

Se ben as zonas rurais mantiveron o predominio dos gaiteiros solistas e dos cuartetos de gaita e clarinete, os cuartetos con dúas gaitas e tambor tradicional, a imaxe dos de Soutelo, proliferaron na Galiza máis urbana, en especial até a década de 1960.[5]

Notas editar

  1. Costa, Ivan (1999). "Da tradición pura ás formas evolucionadas" (PDF). Algalia (Cantigas e Agarimos) (1): 6. 
  2. Carpintero Arias, Pablo. "Testemuños". seivane.es. Consultado o 2021-05-21. 
  3. Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel (10/08/1924). "O gaiteiro de Soutelo". Galicia: diario de Vigo (582). 
  4. Gómez Cano, Fran X. (2007). A gaita de fol galega. Deputación de Ourense. p. 25. 
  5. Carpintero Arias, Pablo. "O gaiteiro". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consultado o 2021-05-21. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar