Don Saturio

Don Saturio é unha colección editorial de traducións de obras teatrais realizadas por Francisco Pillado Mayor, así como unha revista monográfica sobre o teatro na que Pillado participou tamén como coordinador. Toma o seu nome dun personaxe da obra teatral de Castelao Os vellos non deben de namorarse.

Localízase nos anos 80 durante a recuperación do teatro en galego. Responde á intención dun grupo de autores de potenciar e normalizar o teatro en Galiza, tanto de obras na nosa lingua como de diferentes compañías, representacións e difusión.

ObrasEditar

A colección incluía tres obras: Maxia Vermella, Sobre os males que provoca o tabaco e outras pezas, e As tres irmás.

Maxia vermellaEditar

Maxia vermella foi escrita polo dramaturgo belga Michel de Gherderode en 1931. A obra traducida por Pillado Mayor estreouse na Coruña en 1991, baixo a dirección de Fernándo Morán, co título As gargalladas do espectro.

A acción de Maxia vermella transcorre na Idade Media flamenga, nun caserón. Nela están o dono da casa, que é un vello avaro, a súa muller, un frade e un mendigo. Alí chega un cabaleiro, quen promete concederlle a inmortalidade ao avaro ademais de darlle a fórmula para crear ouro. Dalgunha maneira, acaban borrachos participando nunha orxía e logo asasínanse a coiteladas. Ao final o avaro é perseguido e tamén asasinado por todo o pobo, enfadado por telo enganado repartindo moedas de ouro falsas.

Nesta obra presentase a conciencia humana enfrontada a pecados capitais como a avaricia ou a luxuria.

Sobre os males que provoca o tabaco e outras pezasEditar

É unha peza do dramaturgo ruso Antón Chékhov escrita en 1987. Reeditouse en 1991 xunto á obra Tráxico á forza en Sotelo Blanco Edicións. Reúne textos breves nos que se contén a peculiar forma de ver o mundo do escritor. Ademais da peza que lle dá o título, o libro recolle outras dúas obras teatrais do autor.

As tres irmásEditar

Tamén de Chékhov, foi estreada en Vigo no 1987 polo Centro Dramático Galego.

Tres irmás, Olga, Irina e Macha, viven durante moitos anos co seu irmán Andrei. Olga, solteira que ve os anos pasar e marchar as oportunidades de casar; Macha, esposa dun antigo profesor que aos poucos percibe a mediocridade do marido; e Irina, a máis nova, que é a única que aínda ten esperanzas sobre o futuro.

Todas idealizan Moscova como a súa única salvación, o lugar onde pasaran a súa feliz infancia, e desexan marchar para alá; porén, co paso do tempo o proxecto é sempre adiado debido á vida provinciana que levan.

O comandante Verchinin e o seu destacamento chegan á provincia, iniciando un interese por Macha, outro dous oficiais cortexan a Irina. En canto comezan os problemas entre as tres irmás, Natália, esposa de Andrei, pasa a dominar a casa.

O destacamento retírase da cidade, levando a esperanza de Macha e Irina, cuxo pretendente morre nun duelo. En canto a Olga, confórmase aceptando o cargo de directora da escola. As tres abandonan así os seus soños de mudanza.

Revista Don SaturioEditar

Don Saturio é unha revista monográfica de cultura que versa sobre o teatro. Consta de cinco números publicados entre os anos 1980 e 1982. Foi dirixida por Celestino Ledo López e coordinada por Francisco Pillado Mayor. Abrangue toda a información pertencente á actualidade teatral neses dous anos, con críticas, recomendacións ou incluso publicacións de obras completas.

Na presentación da revista, no primeiro dos seus números (novembro-decembro 1980), fálase da intencionalidade da revista. Fai referencia ao crecemento do Teatro Galego “a pesar dos malos tempos que corren” e cren que o boletín será de gran axuda para o teatro aínda que sexa de poucos recursos.

Din que “a independencia é para nós un principio fundamental e necesario, xunto coa defensa e o desenvolvemento da nosa lingua”. Ocuparanse de dar a súa atención aos grupos que fagan teatro galego e ao teatro infantil. Haberá información gráfica, entrevistas e conversas. Ocuparanse do teatro en toda Galiza e pídenlle a todos os grupos que lles envíen información. A revista sairá cada dous meses.

Na maioría das publicacións desta revista, dedícase algún artigo a facer unha crítica á indiferenza que presenta o pobo galego en xeral perante o noso teatro. Repróchase que as compañías e grupos non tiñan o recoñecemento que se merecían, non se vía como unha profesión seria, apenas contaban con axudas e subvencións… Tamén analízase a falta de difusión nos medios de comunicación, de maneira que a información sobre os espectáculos dificilmente podería chegar ao público. Por último critícase este público e a súa falta de compromiso co teatro galego, pois parece que á maioría da xente non lle interesaba o máis mínimo.

Por outra banda, tamén inclúense valoracións positivas sobre os avances e melloras na materia, como a creación da Asociación de Profesionais do Teatro Galego, que pretende acabar coas dificultades dos actores; ou o nacemento da compañía de teatro Luís Seoane, cunha multitude de propostas e unha excelente recepción por parte do público.

Ademais desta crítica xeral ao teatro galego, na revista inclúense críticas a obras teatrais concretas que se estaban a representar nos anos de publicación da revista. Coméntase a representación atendendo a todos os aspectos da mesma, valorando a posta en escena da compañía, o director, os actores individualmente e mesmo a iluminación. Algunhas das obras son Dous perdidos nunha noite suxa, As criadas, Pedro Madruga, A casa das tres lúas, Ensaio Festivo para unha marcha fúnebre ou As nubes.

Obras completasEditar

  • A boda do latoeiro de John M. Synge
  • O Escorial, de Michel de Gherderode.

Ambientado no século XVI, un rei e o seu bufón esperan no salón do trono a morte da raíña (que non aparece en escena en ningún momento). O bufón propón un xogo que consiste en inverter os papeis destes dous personaxes. O poder cambia de man unha e outra vez, revelándose a realidade dos seus sentimentos. Ao final, a orde restablécese e o bufón paga coa vida a súa imprudencia.

A obra estreouse en París en 1948, e a tradución de Pillado Mayor aparece en 1982, incluído no Boletín de teatro Don Saturio número 4.

Información xeralEditar

A revista Don Saturio ofrece en cada número, na sección O teatro que podemos ver, unha relación dos espectáculos representados polas distintas compañías dispoñibles no momento da publicación, ademais de información sobre o lugar e un teléfono de contacto. Dalgunhas destas obras fanse críticas e amplíase a información noutras partes da revista ou mesmo noutros números.

ColaboradoresEditar

Francisco Pillado MayorEditar

Trátase dun escritor galego de obras de teatro nado no 1941 na Coruña. Ademais da súa extensa obra de ensaio, teatro, libros de homenaxe e diversas traducións, participou en revistas e periódicos como La Voz de Galicia, Grial, A nosa Terra e a citada Don Saturio, da que é colaborador.

Existen unha biblioteca e un arquivo co seu nome na facultade de filoloxía da Universidade da Coruña (UDC).[1]

Xosé Manuel RabónEditar

Rabón naceu en 1946 e é un escritor de obras teatrais, ademais de director e iluminador destas. Traballou con diferentes compañías e grupos teatrais, entre os que destacan O Facho, Luís Seoane e o Centro Dramático Galego.

Miguel Anxo Fernán VelloEditar

O dramaturgo e poeta galego Fernán Vello nace en 1958 en Cospeito. Foi gañador de moitos premios, tanto pola súa obra dramática como poética. Canto á súa poesía, foi traducida a español e catalán e está presente en diversas antoloxías editadas tanto en España como no exterior. En 1991 fundou a editorial Espiral Maior e en 2015 presentouse ás eleccións xerais pola provincia de Lugo co grupo En Marea, saíndo elixido deputado.

Xaquín MarínEditar

Xaquín Marín é un debuxante e ilustrador, considerado un dos fundadores da banda deseñada galega. Publicou gran cantidade de obras e ten colaborado en moitos xornais e revistas,  facendo tiras  humorísticas e críticas, a miúdo sobre a situación de Galiza e da lingua galega.

En Don Saturio, inclúense ao final de cada boletín un par de viñetas deste ilustrador, quen, seguindo a súa liña cómica, debuxa ao boticario Don Saturio, personaxe de Castelao, e fai unha pequena crítica á situación do teatro en Galiza.

NotasEditar

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar