Doceañistas
Doceañistas era o alcume co que se cualificaba aos partidarios da Constitución de 1812 (chamada popularmente a Pepa ou a Constitución de Cádiz, polo que tamén podían ser chamados gaditanos).
Trienio Liberal
editarDurante o Trienio liberal, tras o pronunciamento de Rafael del Riego que obrigou a Fernando VII a pór de novo en vigor o texto constitucional que até entón ignorara como rei absoluto, nas Cortes que se convocaron agromaron dúas tendencias entre os liberais: a dos doceañistas que tamén recibiron o nome de fracción temperada[1] e a dos constitucionalistas. As dúas correntes serán, posteriormente, a orixe do Partido Moderado e do Partido Progresista, respectivamente.
As Cortes de Cádiz estaban compostas de forma maioritaria por deputados liberais, que se dividiron en dúas tendencias: os doceañistas, máis moderados, eran partidarios de manter un equilibrio de poderes que dese ao rei polo menos as funcións reservadas no texto de 1812, que os máis destacados de entre eles contribuíran a redactar (Conde de Toreno, Agustín Argüelles, Diego Muñoz Torrero). Opúñanselles os radicais ou exaltados, que por propor a redacción dunha nova constitución eran chamados veinteañistas.
Os doceañistas ou moderados formaron os gobernos da primeira etapa do Trienio liberal, presididos por Evaristo Pérez de Castro, Eusebio Bardají Azara, José Gabriel de Silva e Bazán e Francisco Martínez de la Rosa; sendo desprazados do poder a partir de agosto de 1822.
Conxuntamente cos "veinteañistas", os doceañistas, como liberais, foron obxecto de represión política durante a denominada Década Ominosa (1823-1833) e moitos saíron ao exilio.
Durante os derradeiros anos do reinado de Fernando VII, os doceañistas ou moderados aproximáronse aos elementos menos absolutistas da Corte, partidarios da sucesión de Isabel II fronte á de Carlos María Isidro (fortemente absolutistas e partidarios do Antigo Réxime); moitos se viron favorecidos pola amnistía de 1832 e volveron a España. Tras a morte do rei a maior parte dos antigos doceañistas apoiaron a regencia de María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias e terminaron por conformar o Partido Moderado que organizou Francisco Martínez de la Rosa en 1834 e que se disputou o poder co Partido Progresista (herdeiro dos exaltados) durante o reinado de Isabel II.
Principais representantes dos doceañistas
editarNotas
editar- ↑ Ferrando Badía (2003), p. 208
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Ferrando Badía, Juan (2003). "Proyección exterior de la Constitución de 1812". En Artola, Miguel. Las Cortes de Cádiz (en castelán). Madrid: Marcial Pons. ISBN 84-95379-51-1.
- Quesada Marco, Sebastián (1997). Diccionario de civilización y cultura españolas (en castelán). Madrid: Istmo. ISBN 84-7090-305-5.