O doce de leite é un doce típico de América do Sur, elaborado con leite e azucre cocidos até adquiriren unha consistencia cremosa, e que pode consumirse só ou utilizarse como recheo de diversas preparacións[1]. Faise fervendo leite con azucre, mais tamén pode obterse cociñando leite condensado durante varias horas ou arredor de 40 a 60 minutos nunha ola a presión.

Doce de leite.

Úsase en caramelos e outras lambetadas, como bolos, biscoitos, filloas, churros ou pasteis. Nalgúns lugares cómese espallado en torradas.

A orixe do doce de leite é incerta, mais está ligada á rápida expansión na produción de sacarosa de cana de azucre nas illas ibéricas atlánticas, no século XV, e no Brasil, América Central e as Antillas a partir do século XVI e á posibilidade do seu uso para preservación do leite. Como primeiro edulcorante de produción a grande escala, o azucre da cana pasa a ser usado na conservación de varios produtos orgánicos, incluído o leite de vaca ou de cabra, dando orixe a produtos semellantes ao doce de leite actual, pastoso ou sólido, en toda a América Latina e en determinadas localidades ibéricas.

Na Arxentina existe un relato popular e lendario que data a súa invención en 1829. Nesa época estaba a piques de asinar un tratado de paz entre o gobernador Juan Manuel de Rosas e o seu inimigo político Juan Lavalle nunha facenda do gobernador na localidade de Cañuelas, na periferia de Bos Aires. Lavalle foi o primeiro en chegar e, canso, deitouse na cama de Rosas, ficando durmido. A criada de Rosas, mentres fervía o leite con azucre (preparación coñecida nesa época como lechada) para acompañar o té da tarde, encontrouse con Lavalle durmindo na cama do patrón. Ela considerou unha insolencia e foi avisar os gardas.

Pouco tempo máis tarde chegou Rosas, e tranquilo pediu á criada o té con leite. Esta lembrou nese momento que deixara o leite ao lume, deixándoo quecer por moito tempo. Ao regresar, a criada encontrou unha substancia mesta e amarronada. O sabor agradou a Rosas e contan que partillou o doce con Lavalle mentres discutían os puntos do tratado, dando así orixe accidental ao doce de leite. É unha historia simpática, mais non hai ningunha fonte que demostre o conto.

As variacións máis comúns son a pastosa e a sólida (que pode cortarse en barras ou pedaxos), que se diferencian pola súa consistencia.

Outros nomes

editar
  1. VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar