A División de Honra Feminina, chamada dende a edición 2016/17 División de Honra Iberdrola por razóns de patrocinio, é a máxima competición nacional entre equipos femininos de rugby que se disputa en España. Creada en 2010 pola Federación Española de Rugby, é a competición sucesora da desaparecida Copa da Raíña e do máis antigo Campionato de España, que tiñan formatos distintos.
Na División de Honra enfróntanse os oito mellores equipos de España, que disputan unha liga regular de catorce xornadas a dobre volta entre os meses de outubro e abril. Trala liga regular os catro primeiros clasificados disputan as eliminatorias polo título de campión e o derradeiro descende de categoría. Antes da tempada 2017/18 a liga tiña un formato reducido de sete xornadas con semifinais e final.