Disturbios de Bradford

Os disturbios de Bradford foron un breve período de revoltas violentas que comezaron o 7 de xullo de 2001 en Bradford, West Yorkshire, Inglaterra. Aconteceron como resultado das fortes tensións entre a crecente comunidade asiática de Gran Bretaña e a maioría branca da cidade, situación que se agravou pola confrontación entre a Liga Anti-Nazi e grupos de extrema dereita como o Partido Nacional Británico e a Fronte Nacional. Uns meses antes ocorreran disturbios raciais semellantes en zonas do norte de Inglaterra como, por exemplo, en Oldham no mes de maio ou en Burnley en xuño.

Contexto históricoEditar

Bradford é, dende unha perspectiva histórica, unha cidade de clase obreira. Experimentou un rápido crecemento durante o século XIX e desde entón recibiu varias ondas importantes de inmigrantes, entre os que destacan ós irlandeses (século XIX), polacos (1940-1950) e persoas do sur de Asia. No momento das revoltas, Bradford era a segunda cidade do Reino Unido con maior poboación surasiática, con aproximadamente 68.000 paquistanís, 12.500 indios, 5.000 bangladesís e 3.000 persoas procedentes doutras zonas de Asia. Porén, a maior parte dos habitantes seguían sendo brancos. Segundo o censo de 2001, o 78,3% da poboación era de raza branca e o 19,1% procedían de países do sur de Asia[1]. Malia que a poboación surasiática medrara en Bradford, había áreas habitadas maioritariamente por brancos e outras onde vivían principalmente surasiáticos, discútese se a segregación se produciu desde o inicio das migracións ou foi aumentando co tempo. Así mesmo tamén se debate se o fenómeno da Fuxida Branca se pode aplicar a Bradford e se realmente se pode falar da existencia de guetos nesta cidade. No momento das revoltas, o barrio de Bradford Moor contaba cun 67% de surorientais e o de Toller cun 64%. Das 17.512 persoas que vivían na zona industrial de Manningham, 13.049 (74,5%) procedían do sur de Asia. Pola contra, o municipio de Tong e o distrito de Wibsey contaban cun 93% e un 91% de poboación branca respectivamente.

DetonanteEditar

Entre o 22 e o 24 de xuño tiveron lugar conflitos en Burnley; dous meses antes, houbera outros diturbios en Oldham. A tensión aumentou tras o intento de organizar unha manifestación na cidade por parte da Fronte Nacional Británica; esta fora prohibida polo Ministro do Interior, David Blunkett, baixo o Decreto de Orde Pública de 1986. Á Liga Anti-Nazi permitíuselle organizar unha concentración en Centenary Square, no centro da cidade. Durante o transcurso da manifestación, organizada o 7 de xullo, algúns participantes estenderon o rumor de que os simpatizantes da Fronte Nacional se estaban reunindo nunha taberna no centro de Bradford. Isto derivou nun enfrontamento onde un home de orixe asiática foi agredido con arma branca. De acordo co Tribunal de Apelación, quizais foi este incidente o que desencadeou os disturbios. Porén, as investigacións posteriores entre as testemuñas presenciais contradín esta hipótese e apuntan máis ben á ausencia dun detonante concreto.

Os disturbiosEditar

Estímase que nos disturbios estiveron involucrados ao redor de mil mozos[2]. Nas noites do 8 e do 9 de xullo de 2001, grupos de entre trinta e cen rapaces brancos atacaron á policía e aos negocios rexentados por asiáticos nas zonas de Ravenscliffe e Holmewood. Nun primeiro momento despregouse unha forza policial de cincocentos oficiais pero cos reforzos chegouse a case mil policías[3]. O que comezou coma unha liorta transformouse nun conflito étnico, no que os negocios e os coches foron o branco principal, ademais de producirse numerosos ataques a tendas e propiedades. Un feito importante dos disturbios foi o ataque con bombas incendiarias ao Manningham Labour Club, un centro recreativo. Un empresario asiático de 48 anos foi encarcerado durante 12 anos por este incendio[4] . O establecemento volveu abrir na primavera de 2006 nunha localización diferente, a 2,5 km de distancia do orixinal, na rúa de Bullroyd en Four Lane Ends. O local anterior foi rehabilitado na actualidade funciona como centro de saúde, centro cultural e farmacia. O acto máis custoso dos disturbios foi o incendio premeditado dun concesionario de BMW que xa fora atacado nuns altercados en 1955.

ConsecuenciasEditar

Máis de 300 axentes de policía foron feridos durante as revoltas. En canto aos participantes, houbo 297 arrestados, 187 persoas imputadas por delitos de alteración da orde pública, 45 por desordes violentos e 604 anos de prisión acumulados entre 200 penas. A cuantía estimada dos danos foi duns 7,6 millóns de euros.

  1. CT003 Poboación por grupo étnico. Bradford 2001. Nomis - Official Labour market statistics. Consultado o 23 de abril de 2020
  2. "Bradford counts cost of riot". BBC News Online. BBC. 8 de xullo de 2001. Arquivo en liña da BBC. Consultado o 23 de abril de 2020.
  3. Bagguley, P. and Hussain, Y. (2008) Riotous Citizens: ethnic conflict in multicultural Britain, Aldershot, Ashgate, page 58.
  4. "Businessman jailed over Bradford riots". BBC News Online. BBC. 3 de xullo de 2003. Consultada o 23 de abril de 2020.