Foca de capelo

(Redirección desde «Cystophora cristata»)

A foca de capelo[2] (Cystophora cristata) é unha especie de mamífero pinnípedo da familia Phocidae. É un animal peláxico, propio do Atlántico norte e o océano Ártico.

Foca de capelo
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Phocidae
Xénero: Cystophora
Nilsson, 1820
Especie: C. cristata
Erxeleben, 1777
Distribución mundial da foca de capelo.
Distribución mundial da foca de capelo.

Distribución mundial da foca de capelo.
Sinonimia
  • borealis Nilsson, 1820
  • cristata Nilsson, 1841
  • cucullata Boddaert, 1785
  • isidorei Lesson, 1843
  • leucopla Thienemann, 1824
  • mitrata G.[Baron] Cuvier, 1823
Cystophora cristata

Taxonomía e etimoloxía editar

A foca de capelo foi descrita por Erxleben en 1777 na súa obra Systema Regni Animalis.[3] É a única especie do seu xénero e non se coñecen subespecies.[4] A súa historia taxonómica foi un tanto complexa. Foi clasificada como emparentada cos elefantes mariños (Mirounga),[5] que do mesmo xeito que a foca de capelo posúen un nariz inchable, integrando con eles a tribo Cystophorini,[6] e as crías foron descritas como unha especie separada (Phoca mitrata) a principios do século XIX.[6]

O seu nome científico, Cystophora cristata, deriva do grego kustis (vexiga) e phoros (que leva, referíndose á membrana nasal inchable) e do latín cristata (crestada).[7]

Descrición editar

É unha foca moteada de cor marrón escuro ou negro, principalmente no dorso e parte superior dos flancos, sobre un fondo gris prateado, pero na auga vense dun gris escuro máis uniforme.[7] A face é negra até a altura dos ollos.[8] A coloración típica dos adultos vaise desenvolvendo lentamente a partir da pelame dos exemplares xuvenís (esbrancuxado pola parte inferior e gris azulado escuro pola superior) que manteñen desde o seu nacemento.[8] Os seus membros son relativamente curtos, pero poderosos, facendo das focas de capelo excelentes nadadoras e mergulladoras.[9]

Presenta un marcado dimorfismo sexual, sendo os machos de maior tamaño que as femias.[10] A lonxitude cabeza-corpo dos machos adultos é de 260 cm de media (máximo 350) e nas femias de 200 cm (máximo 300),[7] pero a diferenza máis importante entre os sexos é o peso,[10] os machos pesan 300 kg de media e as femias 160.[1] Os cachorros ao nacer miden 1 m e pesan 24 kg de media.[1] O seu trazo máis rechamante é unha protuberancia nasal inchable que vai dende os ollos ao extremo do fociño,[11] que o macho pode inchar a vontade con aire aumentando de tamaño,[5] parecendo entón un balón oval bilobulado,[12] cuxo apéndice valvular faino hermético.[13] A capacidade desta protuberancia calculouse nuns sete litros.[13] Nas femias non está tan desenvolvida e non é inchable, con todo os machos cando pechan unha das xanelas do nariz e expiran, poden facer saír a membrana internasal, moi elástica, polo outro burato do nariz,[14] xeralmente a esquerda,[15] formando un "globo" vermello do tamaño dun ovo de avestruz,[14] que cando está flácido colga a modo de probóscide sobre a boca.[7]

O cranio é relativamente curto, co morro longo e amplo; a zona frontonasal é elevada e coas aperturas nasais máis amplas que en ningún outro fócido.[14] Ten os dentes post-caninos moi espazados e a modo de chavetas, a súa fórmula dental é a seguinte: 2/1, 1/1, 5/5 (post-caninos) = 30.[7]

Distribución e hábitat editar

Atópase principalmente en zonas de alta mar ao longo do xeo flotante no lado Atlántico do Ártico,[8] de 47° a 80° N de latitude e concentrándose principalmente na illa do Oso (Noruega), Islandia e o nordés de Groenlandia.[10] Polo menos estacionalmente pode atoparse no estreito de Davis e o interior do golfo de San Lorenzo.[15] Durante o inverno desprázase, seguindo a fronte da banquisa, cara ao sur e no verán retírase a latitudes máis árticas.[8]

Teñen presenza accidental en Galicia, xeralmente de individuos xuvenís arrastrados pola corrente do Golfo.[2]

Comportamento editar

Teñen hábitos solitarios, formando grupos soamente nas épocas de reprodución.

Presenta un dos períodos de lactación máis curtos entre os mamíferos; xeralmente as femias destetan ás súas crías aos catro días do nacemento.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Cystophora cristata". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2008. 
  2. 2,0 2,1 Guía dos mamíferos de Galicia, Juan Ignacio Díaz d'a Silva, Yosy Cartelle Serantes, Baía Edicións, 2007.
  3. Erxleben, J. C. P. (1777). Systema regni animalis per classes, ordines, genera, species, varietates, cum synonymia et historia. Classis I. Mammalia. Weygandianis, Lipsiae. p. 636. 
  4. Wozencraft, W. Christopher (2005). Wilson, D. E., y Reeder, D. M., ed. Mammal Species of the World (3ª ed.). Baltimore, Maryland: The Johns Hopkins University Press. p. 595. ISBN 0-8018-8221-4. Arquivado dende o orixinal o 4 de xullo de 2010. Consultado o 4 de novembro de 2010. 
  5. 5,0 5,1 Matthews, L. Harrison (1977). La Vida de los Mamíferos (en español). Tomo II. Barcelona: Ediciones Destino. pp. 569–570. ISBN 84-233-0700-X. 
  6. 6,0 6,1 Kovacs, Kit M. "Hooded Seal (Cystophora cristata)". En Perrin, W. F., Würsig, B., Thewissen, J. G. M. Enciclopedia of Marine Mammals (en inglés) (2ª ed.). Burlington, Massachusetts: Academic Press. ISBN 978-0-12-3735-53-9. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 MacDonald, David y Barrett, Priscilla (2008). Guía de Campo de los Mamíferos de España y de Europa (en español). Barcelona: Ediciones Omega. pp. 165–166. ISBN 978-84-282-1490-2. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Reichholf, Josef (1990). Mamíferos (en español). Barcelona: Blume. p. 194. ISBN 84-87535-06-2. 
  9. Salman, Samantha. "Cystophora cristata (hooded seal)". Animal Diversity Web (en inglés). Consultado o 2021-05-09. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Salman, S. y D. Croft (2010). "Cystophora cristata (On-line)" (en inglés). Animal Diversity Web. Consultado o 15 de setembro de 2010. [Ligazón morta]
  11. Menéndez Valderrey, Juan Luis (23/12/04). "Cystophora cristata (Erxleben, 1777)". Asturnatura.com [en liña]. Num. 43. Consultado o 13 de outubro de 2010. 
  12. Aulagnier, S., Haffner, P., Mitchell-Jones, A. J., Moutou, F. e Zima, J. (2009). Guía de los Mamíferos de Europa, del norte de África y de Oriente Medio. Barcelona, España: Lynx Edicions. ISBN 978-84-96553-52-1. 
  13. 13,0 13,1 Olds, J. M. (1950). "Notes on the hood seal (Cystophora cristata)". Journal of Mammalogy 31: 450. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Nowak, Ronald M. (1999). Walker's Mammals of the World (en inglés). Vol. II 882 a 884 (6ª ed.). Baltimore, Maryland: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-5789-9. 
  15. 15,0 15,1 Kovacs, Kit M. y Lavigne D. M. (1986). "Cystophora cristata" (PDF). Mammalian Species (The American Society of Mammalogists) 258: 1–9. Consultado o 15 de setembro de 2010. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar