Crónica troiana

obra literaria

A Crónica troiana[1] é unha obra literaria medieval escrita en galego-portugués. Encádrase dentro do ciclo troiano, un dos ciclos narrativos con máis éxito na literatura medieval. A súa fonte orixinaria sería o Roman de Troie, escrito en francés por Benoît de Sainte-Maure. A súa versión galega consérvase nun manuscrito de 1373, obra de Fernán Martís, capelán de Fernán Pérez de Andrade, O Boo.

Crónica troiana
Lingualingua galego-portuguesa
Data de pub.século XIVxuliano
editar datos en Wikidata ]
Sepulcro gótico de Fernán Peres de Andrade, O Boo, quen patrocinou a tradución ao galego da Crónica troiana, igrexa de San Francisco, Betanzos.
Le Roman de Troie (1160) de Benoît de Sainte-Maure será a fonte de diversas obras europeas sobre a guerra de Troia.

Fonte editar

O ciclo de Roma ou de Troia, tamén denominado clásico, constituíu na Idade Media un dos ciclos narrativos máis exitosos da literatura europea. En 1160, Benoît de Sainte-Maure escribe o seu Roman de Troie, inspirado nuns textos apócrifos supostamente contemporáneos á guerra de Troia. Estes serían a Historia da destrución de Troia, de Dares o Frixio, e a Ephemeris belli Trojani, de Dictis de Creta. A obra de Benoît de Sainte-Maure tivo un enorme éxito na época e apareceron numerosas versións nas distintas linguas europeas. En galego-portugués consérvase a Crónica troiana e a Historia troiana.

A Crónica troiana editar

Trátase do ms 10233 da Biblioteca Nacional de Madrid. O códice componse de 185 follas de pergamiño escritas a unha única columna. A letra é francesa e sería obra de varios copistas. Na folla 100 indícase que a copia foi rematada o 20 de xaneiro de 1373, por man de Fernán Martís, que realiza o traballo por mandado de Fernán Pérez de Andrade, señor de Pontedeume e Betanzos:

Sabbean quantos este liuro viren que eu Fernan Martiis, clerigo e capelan de Fernan Perez d´Andrade, escriuiu este liuro des onde sse começa esta estoria ata aquí...e escriujo per mandato do dito Fernan Perez...

Polo estilo da escritura dedúcese que as cen primeiras follas son obra de Fernán Martís, así como as que van desde a 119 á 128. O resto sería obra de copistas que traballaban no escritorio de Fernán Martís, localizado en Pontedeume ou Betanzos.

Esta versión partiría dunha versión en castelán do Roman de Troie. Porén, é moi posíbel que esta mesma versión castelá tivese como fonte orixinaria unha versión galega anterior.

Notas editar

  1. Lorenzo, R., ed. (1985). Crónica troiana. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza - Real Academia Galega. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Asensio, José María (1901). "Sobre la "Crónica troyana", publicada por D. Andrés Martínez Salazar". Boletín de la Real Academia de la Historia 39: 289–292. 
  • Martínez Salazar, Andrés, ed. (1900). Crónica troyana. A Coruña: Imp. de la Casa de la Misericordia. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar