Convento de Santa Clara de Ribadeo

construción relixiosa en Ribadeo

O Convento de Santa Clara de Ribadeo, que segue en funcións hoxe en día, conserva como partes máis antigas a súa igrexa de nave única, do século XV, e un claustro do XVIII.[1] Situado no núcleo urbano, dispón dun peche que complementa o espazo cunha extensa horta.

Convento de Santa Clara de Ribadeo
O convento. Fachadas cara ó exterior.
PaísEspaña
LocalizaciónRibadeo
Coordenadas43°32′06″N 7°02′25″O / 43.535, -7.0402777777778Coordenadas: 43°32′06″N 7°02′25″O / 43.535, -7.0402777777778
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

A súa historia comenza no século XI como beaterio e retiro de damas devotas, transformado en convento no 1366,constando en documento conservado que Don Ruy Sánchez, arcediano de Santiago e cóengo de Mondoñedo deu 80 contos para «faser o mosteyro de Santa Crara». Nos seus comezos, as relixiosas no profesaron a regra de Santa Clara, senón a feita polo Papa Urbano IV, ata fin do s. XIV, cando entraron a formar parte das clarisas.[2]

Ten un claustro rectangular do XVIII, que forma un cadrado con arcos de medio punto no primeiro andar, con teito de artesoado sinxelo. O terceiro andar ten dúas ás con arcos abertos e posúe unha cociña monástica do século XVII. O conxunto foi destruído por un incendio no 1544 o 12 de agosto, festividade de Santa Clara.[3] Na segunda metade do século XVI fundouse unha capela, igrexa dunha soa nave, baixo a advocación de S. Pedro. Destaca sobre o resto da construción a súa torre de planta cadrada, con dobre arco de medio punto, rematada cunha espadana.[4]

Pode lerse no acceso principal a inscrición que Santa Clara mandou poñer no lintel da porta principal dos seus conventos “Haec est domus paupertatis” (en galego, Esta é a casa da pobreza).

Nos séculos XVII e XVIII o convento tiña diversas posesións, contándose 23 casas, 7 casaríos, soutos, muíños e prados.[4] No século XX as monxas teñen fama polos seus doces, con obradoiro de pasteis, tortas, empanadas e e outras larpeiradas que eran vendidas a carón do convento e no século XXI véndense nunha tenda na vila.

No 1809 foi ocupado e danado polas tropas de Napoleón, pasando entre 1810 e 1812 a ser hospital militar. Tras ser albergue de transeúntes, no 1855 estivo a piques de desaparecer por motivos lexislativos posteriores á desamortización de Mendizábal.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Patrimonio. Concello de Ribadeo". ribadeo.gal. Consultado o 2022-07-15. 
  2. "Institución - Convento de Santa Clara de Ribadeo (Lugo, España)". PARES. Consultado o 2022-07-19. 
  3. "Convento de Santa Clara, Ribadeo (Lugo) - Fundación DeClausura" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2022. Consultado o 2022-07-18. 
  4. 4,0 4,1 www.abertal.com. "Patrimonio cultural e arquitectura relixiosa e civil para ver en Ribadeo.". turismo.ribadeo.gal. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2022. Consultado o 2022-07-16. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar