Concha Vázquez

(Santiago, 1906-1972) pintor


Concepción Vázquez Martínez, nada en Santiago de Compostela o 7 de decembro de 1906 e finada en Santiago de Compostela o 3 de xullo de 1971, tamén coñecida como Concha Vázquez, foi unha pintora galega. Asinou algunhas das súas obras como Concha Vázquez Eleicegui Martínez.[1]

Infotaula de personaConcha Vázquez
Biografía
Nacemento1906 Editar o valor em Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Morte1972 Editar o valor em Wikidata (65/66 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
Outros nomesConcha Vázquez Eleicegui Martínez Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpintora Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeManuel López Garabal (1939–)

Traxectoria

editar

Naceu en Santiago de Compostela en 1906, sendo a terceira de cinco irmáns nados nunha familia que, á parte dos escritos inéditos do seu pai, non tivera vínculos co mundo artístico.[2]

Aos dezaoito anos, comezou a súa formación na pintura da man de Juana Brocos, que lle ensinou os conceptos básicos, seguindo os métodos tradicionais de ensino artístico, consistente en copiar láminas e figuras de xeso.[2]

Dous anos despois, ingresou no taller de Tito Vázquez, considerado o pai da escola compostelá de pintura, co que tamén se formaron artistas como Elvira Santiso, Juan Luis López, Lino Martínez Villafínez ou Manuel López Garabal.[2][3] Neste taller tivo un método de ensino completamente distinto, baseado no estudo directo do natural.[2] Incorporou nas súas obras os retratos de cabezas de persoas anciás e unha paleta rica en tonalidades terrosas, amarelas e carmín e comezou a asinar a súa obra como "Concha Vázquez Eleicegui Martínez" para deixar claro que non era sobriña do mestre, motivo polo que utiliza os dous apelidos do seu pai.[1][2]

En 1928, baixo a tutela de Tito Vázquez, participou na exposición Rexional de Arte Galega celebrada en Vilagarcía de Arousa con dúas cabezas.[1] En 1929 abriu o seu primeiro estudo de arte e en 1930 realizou a súa primeira exposición individual na sala do Club Náutico de Vigo.[4][5]

Mudouse co seu irmán José á aldea de Mallas, en Fisterra, cando este finalizou a carreira de Medicina, xa que, sendo solteiro, necesitaba a alguén que o acompañase e o axudase coas tarefas domésticas da súa casa e na consulta.[5] Debido á guerra civil española, regresou a Santiago de Compostela, onde tivo que comezar a traballar xa que o seu pai se xubilou e os seus irmáns foran suspendidos de pago.[5] Durante un ano traballou como axudante de sección no taller de Artes Industriais de Ramón Torres Carraqué.[5]

A súa pintura, cun estilo orixinal, inscribiuse na corrente rexionalista, caracterizada por un forte humanismo e a súa capacidade para captar a mirada e transmitir a carga emocional dos seus modelos.[2] Nas súas obras reflectiu o cambio das mulleres campesiñas e do mar na Galicia do século XX.[1][6] Tamén introduciu elementos das súas etapas vitais, como xoguetes infantís na época das súas maternidades ou, como no caso do seu último cadro, no que retratou xoguetes do seu neto.[6]

O 17 de setembro de 1939, casou co pintor Manuel López Garabal.[2] A partir de 1948, realizaron numerosas exposicións xuntos nas principais cidades de Galicia e en Madrid.[1][2] En abril de 1957, realizou con grande éxito de crítica e público unha exposición presentada polo académico Xulio Sigüenza nos Salóns Macarrón de Madrid, que foi impulsada polo Centro Galego e patrocinada polo pintor Fernando A. de Sotomayor.[2] Ese mesmo ano, tras a inauguración doutra exposición na sala da Unión Protectora de Artesáns en Santiago de Compostela, sufriu unha serie de graves enfermidades que deterioraron a súa saúde e impedíronlle, entre outras cousas, volver expor en Madrid.[2]

En 1964, Concha Vázquez, xunto con pintores do taller de Tito Vázquez e outros artistas como Felipe Criado, Manuel Pesqueira, Segundo Hevia ou Antonio Moragón, formou o grupo que se denominou 'Mateo'.[3]

O 3 de marzo de 1971, inaugurou en Santiago a que foi a súa última exposición en vida, enfermando esa mesma noite.[2][4] Poucos días antes, enviara dous cadros á I Exposición Nacional Trienal de Belas Artes.[2]

A súa familia, legou parte da súa obra á cidade de Santiago de Compostela.[6][7]

Recoñecementos

editar

En 1971, o xurado da I Exposición Nacional Trienal de Belas Artes concedeulle por unanimidade a Medalla de Honra como homenaxe póstuma á súa obra e dedicación artística.[1][2]

O concello de Santiago de Compostela dedicou unha sala á súa pintura no museo da cidade.[2]

Algunhas das súas obras máis destacadas foron:[2]

  • El zapatero, 1930
  • Manolito, 1948
  • Carga de Manzanas, 1948;
  • Conchita, 1949
  • Naiciña, 1950
  • La niña del remolino, 1951
  • Gitana, 1951
  • En el mercado, 1954
  • Lavanderas, 1956
  • Familia marinera, 1956
  • Moziños, 1963
  • Muchachas en el mercado, 1970.
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Galega, Consello da Cultura. "Concha Vázquez Martínez. Album de Galicia". Consultado o 2024-06-01. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 "Concepción Vázquez Martínez. Real Academia de la Historia". Consultado o 2024-06-01. 
  3. 3,0 3,1 ARTEINFORMADO (20140603). "Unidos pola arte. Colección de pintura do Concello de Santiago de Compostela e do Consorcio de Santiago, Exposición, Pintura, nov 2012" (en castelán). Consultado o 2024-06-02. 
  4. 4,0 4,1 www.galantiqua.com (2017-11-10). "MUJERES ARTISTAS GALLEGAS: CONCHA VÁZQUEZ MARTÍNEZ" (en castelán). Consultado o 2024-06-01. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Los esposos Garabal, dos artistas apasionados de Fisterra - Adiante Galicia" (en castelán). 2021-02-01. Consultado o 2024-06-02. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Rey F. Alvite, José (5 de novembro de 1971). "La obra de Concha Vázquez, al Museo Municipal". El Correo Gallego. Consultado o 2 de xuño de 2024. 
  7. Otero Túñez, Ramón (24 de outubro de 1971). "Exposición homenaje a Concha Vázquez". El Correo Gallego. Consultado o 2 de xuño de 2024. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • J. M. B. López Vázquez, Concha Vázquez Pintora Compostelana, en Compostellanum, XXV, (1980), páxs. 3-22;
  • VV. AA. Homenaje a pintores compostelanos, A Coruña, Deputación Provincial, 1981
  • J. M. B. López Vázquez e Y. Seara, El Arte Contemporáneo, A Coruña, Ediciones Hércules, 1995
  • J. M. B. López Vázquez, “Concha Vázquez” en C. del Pulgar Sabín (ed.) Artistas Galegos Pintores, Regionalismo III, Vigo, Nova Galicia Edicións, 1999
  • P. Corredoira (ed.), Pintores compostelanos, A Coruña, Consorcio de Santiago, 2004.