Abrir o menú principal

Cofre das Ágatas

Cofre das Ágatas.

O Cofre das Ágatas é unha arqueta destinada a gardar reliquias que se atopa na Cámara Santa da Catedral de San Salvador de Oviedo. Xunto coa Cruz da Vitoria, a Cruz dos Anxos e a Arqueta de San Xenadio, considérase unha das catro obras culminantes da ourivería prerrománica asturiana.

HistoriaEditar

O Cofre das Ágatas data dos primeiros anos do século X. Doada á catedral no ano 910 por Froila, fillo de Alfonso III, e pola súa primeira dona, Nomila Ximenes. En 1934, durante a Revolución de Asturias, os revolucionarios dinamitaron a Cámara Santa de Oviedo e as reliquias e obxectos que alí se conservaban, incluídas a Cruz dos Anxos, a Arca Santa e o Cofre das Ágatas, sufriron graves danos. No ano 1942 procedeuse á súa restauración, pero dun xeito que diversos historiadores consideraron unha violación dos principios arqueolóxicos, artísticos e históricos, pois nalgúns casos reparáronse os danos sen tomar precaucións que permitisen posteriormente diferenciar os elementos orixinais dos engadidos.[1]

En 1977 durante un roubo na Catedral de Oviedo o Cofre das Ágatas desapareceu aínda que logo se recuperou, non obstante a placa colocada no remate da súa tapa non se localizou ata o ano 1989. Por mor dos graves danos que sufriu a Comisión para a restauración das Xoias Históricas da Cámara Santa da Catedral de Oviedo, creada para reparar os danos causados polo roubo de 1977, encargouse da súa restauración. A comisión entregou a Cruz dos Anxos e a Cofre das Ágatas á catedral o 14 de setembro de 1985, e ambos os dous obxectos volveron entón á Cámara Santa de Oviedo.[2]

DescriciónEditar

 
O Cofre das Ágatas, a Cruz da Vitoria e a Cruz dos Anxos. (Cámara Santa de Oviedo).

É unha arqueta de madeira de alcipreste de forma rectangular, aínda que os lados da súa cobertoira, que ten forma piramidal rectangular truncada, están inclinados e rematan nunha placa colocada horizontalmente. As dimensións do cofre son de 16,5x42,4x27,1 cm. A placa superior colocada sobre a cobertoira mide 150x100 mm., e o peso total do Cofre das Ágatas é de 7.420 gramos.

Agás a base e a placa superior, o Cofre das Ágatas está recuberto con láminas de ouro repuxadas e enfeitizadas con temas florais estilizados. Nesas láminas de ouro realizáronse noventa e nove aberturas, a maioría delas en forma de arcos de ferradura, de medio punto, peraltados ou semielípticos, aínda que tamén conta con aberturas elipsoidais de formas irregulares e de diferentes tamaños. As noventa e nove aberturas reenchéronse con placas de ágata listada de 3 mm. de grosor.

Os laterais da caixa divídense en dous niveis, separados pola abertura que separa a caixa da tapa, e están adornados cunha moldura ondulada na que se incrustan xemas e algunas representacións de animais.

A base do cofre é de prata maciza e está suxeita por medio de cento vinte e nove cravos. Nesta base atópase unha inscrición que contén os nomes dos doadores e unha representación do Tetramorfos. Os catro símbolos dos evanxelistas aparecen rodeando unha representación estilizada da Cruz da Vitoria, tamén conservada na Cámara Santa de Oviedo, e doada á catedral ovetense por Alfonso III, e pola súa dona, a raíña Ximena Garcés, no ano 908. Nesta base atópanse ademais catro semiesferas con beiril fileteado que serven de soporte á caixa, á que están unidas mediante craviños.

A placa colocada no remate da cobertoira é máis antiga que o resto do Cofre das Ágatas. Algúns autores sosteñen que puido ser un cinto franco, realizado no século VIII, ou ben un broche-relicario de estilo carolinxio, labrado ao redor dos séculos VIII e IX.[3] A base da placa é de ouro e está rodeada por celas tabicadas que conteñen fragmentos de granate, e que se prolongan no interior da placa formando debuxos curvilíneos. Nos catro ángulos da placa hai colocadas catro xemas en cabochóns de bordo semicircular, outras catro nos medianeiros longos, tres no eixo maior, e unha no centro. Os espazos carentes de ornamentación da placa enchéronse con esmaltes policromados que forman dragóns, cuadrúpedes, paxaros, peixes, réptiles e árbores estilizadas. Na placa había 655 granates, 4 perlas, 12 esmaltes e 13 cabochóns.

Polo seu formato e estilo ten relación coa Arqueta de San Xenadio, doada polo rei Alfonso III a San Xenadio, bispo de Astorga entre os anos 900 e 919.[4]

Inscricións na baseEditar

Na base do Cofre das Ágatas, realizado en prata maciza, graváronse cun punzón as seguintes inscricións latinas:[5]

  • Lado curto superior:
"SVSCEPTVM PLACIDE MANEAT HOC IN HORE DI QVOD"
  • Lado longo dereito (do observador):
"OFFERVNT FAMVLI XPI FROILA ET NVNILO COGNOMENTO / SCEMENA HOC OPVS PERFECTVM ET CONCES"
  • Lado curto baixo:
SVM EST SCO SALVATORI OVETENSIS QVISQVIS
  • Lado longo esquerdo (do observador):
"AVFERRE HOC DONARIA NSA PRESVNSERI FVLMINE DIVINO / INTEREAT IPSE OPERATVM EST ERA DCCCCXLVIII"

NotasEditar

  1. Rayón Valpuesta, Fernando; José Luis Sampedro (2004). Las joyas de las reinas de España: la desconocida historia de las alhajas reales (2ª ed.). Editorial Planeta S.A. ISBN 84-08-05119-9. 
  2. Hevia Blanco, Jorge; Gema Elvira Adán Álvarez (1997). "La reconstrucción de las joyas de la Cámara Santa". La intervención en la arquitectura prerrománica asturiana. Oviedo: Universidad de Oviedo. Servicio de Publicaciones. pp. 281–285. ISBN 8483170116. 
  3. Hevia Blanco, Jorge; Gema Elvira Adán Álvarez (1997). "La reconstrucción de las joyas de la Cámara Santa". La intervención en la arquitectura prerrománica asturiana. Oviedo: Universidad de Oviedo. Servicio de Publicaciones. p. 277. ISBN 8483170116. 
  4. María de los Ángeles Sepúlveda González El programa iconográfico de las cajas de Astorga y de las Ágatas.Cuadernos de Arte e Iconografía Tomo II - 3. 1989]
  5. Cid Priego, Carlos (1990). "Las joyas prerrománicas de la Cámara Santa de Oviedo en la cultura medieval". Liño: Revista anual de historia del arte (Oviedo: Universidad de Oviedo: Servicio de Publicaciones y Departamento de Historia del Arte y Musicología) (9): 18–20. ISSN 0211-2574. Consultado o 25 de maio de 2010. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Fernández Avello, Manuel (1 de xaneiro de 1989). Cruz de los Ángeles y la Caja de las Ágatas. Oviedo: Cajastur. ISBN 0-00-003690-0. 
  • González Santos, Javier (1998). La Catedral de Oviedo (1ª ed.). León: Edilesa. ISBN 84-8012-155-6. 

Outros artigosEditar