Cobertor

roupa de cama

Un cobertor[1] é unha peza téxtil de la, cotón etc., en forma de cadrado ou de rectángulo, que se usa fundamentalmente para abrigarse na cama. Tamén pode denominarse manta[2].

A cama de Henri de Toulouse-Lautrec representa a dúas persoas acochadas, baixo sabas e cobertor.
Variado de cobertores na feira Masaai de Nairobi (Kenya).

Os cobertores úsanse para se protexer do frío, e en especial para se acochar ou arroupar mentres se dorme. Diferéncianse dos edredóns, sobrecamas, sabas e doutros cobertores polo seu grosor. Polo xeral fabrícanse con forma alargada e rectangular.

O seu uso específico ao longo da historia no comercio e a guerra asociouna como peza complementaria no oficio dos arrieiros e carrexadores de auga e na impedimenta das cabalarías.

Tipos e texturas

editar

Moitos dos materiais para fabricar cobertores, como a la, empréganse porque son grosos e polo tanto máis axeitados para a súa feitura, porén tamén se usa o cotón no caso de cobertores máis lenes. Os de la son máis quentes. Os máis comúns son acrílicos, de poliéster, de visón, de cotón e de la. Mais tamén os hai de materiais exóticos coma o gancho afgán ou cubertos de seda. En Galicia os cobertores facíanse a man no tear da casa, especialmente de la. Eran comúns os de cor beixe natural da la, con algunhas liñas ou fitas tinxidas de cores con tinturas naturais.

  • de la de ovella, o tipo máis tradicional e cálido;
  • de cotón en rama tecida cun baño de goma para manter a súa consistencia;
  • de mesturas sintéticas, fabricada con derivados do nailon e outros tecidos sintéticos;
  • de parede, ou tapiz;
  • manta eléctrica, feita con dúas camadas de tecido envolvendo unha resistencia eléctrica, e un cabo de toma de corrente, polo xeral provisto dun regulador de temperatura.
  • manta de retallos, confeccionada a partir de retallos cosidos de cores, debuxos e formas diferentes.
 
O xantar na herba, (sección dereita) de Claude Monet

Os cobertores teñen sido empregados no exército para durmir, sendo os maiores consumidores de mantas de la de todos os tempos. As mantas militares adoitan ser de cor cinsenta, de la, e bastante grosas. Fornecedores como J. E. Ashworth & Sons e Faribault Woolen Mills fixeron a metade de todos os cobertores empregados nos EUA de todos os tempos.

Cobertores e mantas máis pequenos pódense empregar fóra do leito, por exemplo para se cubrir en sofás e cadeiras de brazos, ou coma obxectos de decoración.

Un dos usos máis populares dos cobertores é o seu uso no chan en xantares campestres (pícnics). O seu uso foi moi popular nas romarías galegas, onde a xente procura lugares con herba e cómodos para emprazar as mantas no chan. Téñense de feito deseñado mantas especialmente para este uso.

  1. Nome galego en Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. Portal das Palabras

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar