Chronica Gothorum Pseudoisidoriana

crónica medieval da historia da península ibérica

A Chronica Gothorum Pseudoisidoriana,[1] tamén coñecida como Historia Pseudoisidoriana, é unha crónica en latín anónima do século XII procedente do sur da actual Francia. Presenta a historia da Península Ibérica desde a época dos fillos de Noé e a súa dispersión ata a invasión musulmá en 711.[2]

Primeira páxina da crónica no manuscrito BNF lat. 6113. O título Cronica Gothorum a Sancto Isidoro edita aparece xunto á inicial decorativa H, que comeza a primeira frase: Historiographi Hyspaniam triangulatam esse referunt.

A crónica sobrevive nun só manuscrito, agora na Biblioteca Nacional de Francia (BNF lat. 6113). No século XVI, o manuscrito foi adquirido por Pierre Pithou, quen o levou a París. A crónica atópase nos folios 27 a 48 baixo o título de Cronica Gothorum a Sancto Isidoro edita.[3] Theodor Mommsen preparou a primeira edición crítica en 1894 e deulle o nome pseudoisidoriana polo que agora é coñecido.[4]

Aínda que a principal referencia da crónica son as obras de Isidoro de Sevilla, non foi compilada por el. De feito, é a tradución dunha tradución ao árabe dunha colección de obras orixinariamente en latín. As súas fontes identificadas son o Temporum liber de Xerome, a Historiae adversus paganos de Orosio, a Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum de Isidoro, a Cosmographia de Xulio Honorio, a Chronicon continuans Victorem Tunnunensem de Xoán de Biclar e a anónima Crónica mozárabe. Todos estes foron interpolados nas diferentes traducións antes de chegar á súa forma final latina. Os topónimos e os nomes persoais baséanse con frecuencia nas súas formas árabes. A tradución árabe de Orosio tamén foi utilizada por Aḥmad al-Rāzī na súa Crónica dos reis de Al-Andalus (Akhbār mulūk al-Andalus), que tamén é conservada só nas traducións posteriores.[3]

A crónica é pouco ou nada útil para o historiador para o período que abrangue, aínda que aclara a época e o lugar da súa composición.[3] As probas internas suxiren que foi escrita no século XII, xa que menciona a Marrocos, nome que non apareceu antes de 1090, xa que deriva da cidade de Marrakech, fundada en 1055. O compilador incluíu tamén unha descrición dos portos do Mediterráneo occidental na que menciona a San Nicolás de Bari. As reliquias do santo non chegaron a Bari ata 1087.[5] A versión orixinal árabe da crónica foi case con toda seguridade compilada na península, onde a tradución foi feita por un escriba que traballaba na escritura visigótica. Máis tarde foi copiado en Francia, probablemente no mosteiro de Aniane, Languedoc.[6]

A crónica ten unha perspectiva única entre as fontes latinas sobre a conquista árabe de 711. Enfatiza como Ṭāriḳ ibn Ziyād trouxo a paz á península despois das guerras civís que asolaron os últimos anos do reino visigodo. Tamén é a fonte máis antiga que proporciona o nome da filla do conde Julián que, segundo a lenda, foi violada polo rei Rodrigo. Chámaa Oliba, aínda que isto foi posteriormente esquecido xa que as fontes posteriores chámana La Cava.[7]

Notas editar

  1. Tradución: Crónica gótica falsamente atribuída a Isidoro.
  2. Christys, Ann (2016). "Chronica Gothorum Pseudoisidoriana". Encyclopedia of the Medieval Chronicle. doi:10.1163/2213-2139. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Christys, Ann (2006). Verlag der Österreichischen Akademie der Wissenschaften, ed. "How Can I Trust You since You are A Christian and I am a Moor?' The Multiple Identities of the Chronicle of Pseudo-Isidore" (PDF). Texts and Identities in the Early Middle Ages: 359–372. 
  4. González Muñoz, Fernando (2000). "La chronica gothorum pseudo-isidoriana (ms. Paris BN 6113): Edición crítica, traducción y estudios". A Coruña: Toxosoutos: 11. 
  5. Gautire Dalché, Patrick (1984). "Notes sur la Chronica Pseudo-Isidoriana". Anuario de Estudios Medievales 14: 13–32. 
  6. Christys, Ann (2010). "Expanding/Expounding the Chronicle of Pseudo-Isidore: Paris, BN lat. 6113". Zwischen Niederschrift und Wiederschrift: Frühmittelalterliche Hagiographie und Historiographie im Spannungsfeld von Kompendienüberlieferung und Editionstechnik (Verlag der Österreichischen Akademie der Wissenschaften): 79–92. 
  7. Donald Fogelquist, James (2007). "Pedro de Corral's Reconfiguration of La Cava in the Crónica del Rey don Rodrigo" (PDF). eHumanista: Monographs in Humanities 3: 13–16.