Cerrote

cogomelo comestíbel

O choupín[1], chouparro[2] ou roco [3][4] (Macrolepiota procera (Scop. ex Fr.) Sing., antes Lepiota) é un cogomelo moi habitual en Galiza, comestíbel e moi prezado.

Outros nomes deste cogomelo son: cachote ou monxo. O nome de cerrote, cogordo, zarrote[5] e zarrota corresponden ó choupín co sombreiro pechado, cando está xa aberto denomínase patamela[6]. En moitas zonas, o termo cerrote e as súas variantes empréganse como sinónimo do xenérico cogomelo.

Descrición

editar
 
Vista lateral e inferior.
 
Vista superior.

Caracterízase fundamentalmente polo seu gran tamaño, chegando ós 20 cm de altura e 10–30 cm de diámetro.

O chapeu é cerrado e globoso ó principio para irse abrindo co tempo ata adoptar unha forma basicamente chá cun mamelón central ben marcado. Está cuberto superiormente por unha cutícula grosa que se rompe en láminas ou escamas de cor marrón sobre un fondo branco, dispostas concentricamente e algo levantadas; co tempo, poden desprenderse na periferia pero nunca do mamelón central, que fica marrón.

As lamelas son brancas, numerosas e de cor branca cremosa, se ben van empardecendo co tempo. Son desiguais e separadas do pé. A esporada é branca [7].

O é esvelto e cilíndrico e sepárase doadamente do chapeu; é oco. Presenta un bulbo patente na base, cuberto por unha lanuxe branca, e un anel de cor branca por riba e parda por baixo, amplo, dobre, fibroso, que pode estar solto e desprazarse ó longo do pé. A superficie do pé é de cor branca con manchas irregulares marróns, dando un aspecto acebrado.

A carne é branca, non alterándose a cor ó ser cortada, cun aroma e sabor característicos e agradables.

É unha especie comestíbel, sobre todo antes de que se estenda o chapeu; co paso do tempo vanse facendo máis indixestas. Non se recomenda come-lo pé por ser demasiado fibroso. Nos exemplares máis desenvolvidos pode ser aconsellábel raspa-las escamas do chapeu e tira-las lamelas.

Unha das formas máis usuais de cociñar este cogomelo é simplemente á prancha. Tamén, rebozando o chapeu en ovo e fariña e fritir na tixola.

editar

Refráns

editar
  • Choupín, choupiñeiro, dime onde está o teu compañeiro.
  • Zarrota, zarroteira, dime onde está a túa compañeira.

Antes de comezar a usar produtos químicos e herbicidas nos viñedos, atopábanse con moita facilidade estes cogomelos; cando se vía un supoñíase que moi preto estarían as súas compañeiras:

  • Os palotes do rebusco teñen dobre gusto

Este dito refírese a que uns días despois das vendimas se permitía a quen quixera fose rebuscar as uvas que quedaban nas viñas e se, ademais das uvas, atopaban palotes a satisfacción era dobre.

A Macrolepiota procera e outras máis de tamaño grande, cando aínda están pechadas chámanse palotes; se comezan a abrir monxos, e se xa abriron, dise:

  • O monxe xa dixo a misa, e aínda vale para comer.

Cando din:

  • Fungo funil, nin p'ra ti, nin p'ra min, este dito referido aos choupíns quere dicir que xa están pasados e toman a forma dun funil. Aínda que, ollo, temos cogomelos que xa nacen en forma de funil e son comestíbeis.
  • Sete nun pé, choupín malo é.
  • Chupín pequeno, fol de venen.

Os choupíns pequenos, Lepiota brunneoincarnata, son moi velenosos ou tóxicos. Semellan unha Macrolepiota procera, mais en pequeno, sen superar os 8 cm. de altura. A súa carne vólvese arroibada ao cortala. A súa intoxicación provoca síntomas semellantes aos da Amanita phalloides. Hai que ter moito cuidado de non apañar nunca as especies de Lepiota de tamaño pequeno, das que hai moitas en Galiza.[8].

Posibilidade de confusión

editar
 
Macrolepiota rhacodes

Existe a posibilidade de confusión con outras especies próximas, como Macrolepiota rhacodes, de menor tamaño (alcanza 15 cm de altura e outros tantos de diámetro, como moito) e cunha carne que toma tons avermellados se se frota. Igualmente, o anel é groso e formado por varias capas. Non representa ningún perigo porque tamén é comestible aínda que menos apreciada.

Outras especies semellantes son:

Só podería confundirse cunha especie velenosa, a Lepiota helvella, que se recoñece pola cor rosada mate do sombreiro, o anel moi reducido e a carne que se torna vermella ó pouco de cortala. En calquera caso, o tamaño serve para evitar calquera confusión, xa que esta L. helvella non chega a supera-los 6 cm de diámetro.

Hábitat

editar

Medra en bosques de piñeiros e árbores caducifolias pero resulta máis habitual en prados, zonas de monte baixo ou baixo as viñas. Pode atoparse xa a finais de verán e no outono, e resulta rara en primavera.

Galería de imaxes

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para choupín.
    Vocabulario forestal VV. AA. (2012) Santiago de Compostela/ Deputación de Lugo
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chouparro.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para roco.
  4. É o cogomelo con máis nomes en galego, máis de cincuenta Arquivado 07 de novembro de 2008 en Wayback Machine.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cerrote.
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para patamela.
  7. Outras especies do mesmo xénero poden tela doutras cores: cremosa, agrisallada ou rosada.
  8. Galicia Encantada

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • García Rollán, M. (1986). Manual para buscar setas. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. 
  • GRÜNERT, Helmut e Renate: Setas. Blume, Barcelona 1986.
  • MERINO, Alfredo (coord.): Guía de campo de las setas. Suplemento de Natura, novembro 1993.
  • SANTOS, Juan Carlos: Setas de Galicia. La Voz de Galicia (Edilesa), 2000.

Ligazóns externas

editar