Rebusca, rebusco ou rabuña é o acto de apañar produtos agrarios nas leiras despois de seren colleitadas ou en campos que non son economicamente rendibles. Algunhas culturas usaron o rebusco como método de beneficencia ou seguridade social. O verbo rebuscar aplícase tamén cando se volve colleitar un campo no que se deixaron algúns dos seus froitos por estaren verdes. Un significado diferente é o de rebuscado e rebuscamento ("entrambilicado").

Des glaneuses. Jean-François Millet (1857).

Biblia editar

Vello testamento editar

Segundo o código de santidade e o código deuteronómico da Torah, os propietarios deben deixar os recantos das leiras sen colleitar e non deben recoller ningún resto que quedase esquecido unha vez apañasen a maior parte dun campo. Nunha das veces que se menciona no código de santidade, engádese que nas viñas deben deixarse algúns acios na vide, referido así tamén no código deuteronómico.

Estes versículos argumentan tamén que non se poden baloirar as oliveiras máis dunha vez, e o que reste desde o primeiro varexo debe deixarse. Segundo o código de santidade debe deixarse para os pobres e forasteiros, mentres que o código deuteronómico o destina para viúvas, foráneos e orfos de pai. O libro de Ruth conta que andaban ó rebusco Ruth para buscarse o seu sustento e o de Naomi, tamén viúva.

Novo testamento editar

 
Gleaning. Arthur Hughes.

Xesús e os seus discípulos practicaron unha sorte de rebusco cando camiñaban polas searas rompendo as puntas de trigo para comer.

A perspectiva de rebuscar máis ca esmolar, roubar ou cobizar é o fundamento para que san Pablo declare nunhas palabras aparentemente duras en II Tesalonicenses 3:10: "O que non traballa, que non coma".

Idades clásica e escura editar

Na literatura rabínica clásica, arguméntase que as regras bíblicas referidas ós restos se aplican só a campos, pomares e viñas, non ós xardíns; os escritores foron máis estritos respecto a quen podía recibir os restos. O propietario non podía beneficiarse do rebusco, escoller entre os pobres, espantalos con cans ou leóns ou axudalos. Con todo, defendeuse que esta lei só se aplicaba en Qanaan, aínda que algúns residentes en Babilonia tamén a aplicaban alí. Aplicábase só ós pobres xudeus, aínda que tamén se lles permitía ós non xudeus para que non houbese problemas sociais.

Idade moderna editar

 
Les glaneuses. Léon Augustin Lhermitte (1898).

Aínda que algúns xudeus afirman que xa non se aplica hogano, outros ortodoxos insisten que o seu uso se estende ó Israel moderno nos anos sabáticos.

Na Inglaterra do século XVIII era un dereito para os que vivían en cabanas, que rematou cun xuízo en 1788. Nas aldeas o sancristán tocaba a campá ás oito da mañá e ás sete da tarde para avisar que o rebusco comezaba e remataba.

Na actualidade úsase por parte de grupos humanitarios, que recollen e distribúen comida para pobres e famentos, o cal pode incluír a comida dos supermercados que se desbotaría ó final do día.[Cómpre referencia] Rebuscar ou repartir pode traer problemas legais: na época soviética estaba criminalizada con penas de morte ou traballos forzados durante vinte anos.[Cómpre referencia] Nos Estados Unidos de América, limitouse a responsabilidade dos propietarios en 1996 a neglixencias graves ou conduta malintencionada, aliviando as cargas legais, para poder doar o superávit de restaurantes ou centros de alimentación como comida de emerxencia.[Cómpre referencia]

 
Jules Breton (1859) Le rappel des glaneuses.

No tema tamén se centra o documental experimental Les glaneurs et la glaneuse; "Os rebuscadores e a rebuscadora"), rodado no ano 2000 por Agnès Varda, ela mesma tamén rebuscadora.

En Galicia o rebusco aparece tamén no refraneiro (Os palotes do rebusco teñen dobre gusto: refírese a que uns días despois das vendimas, cando se lle permitía ir rebuscar as uvas que quedaban nas viñas a quen quixera e se, ademais das uvas atopaban palotes, a satisfacción era dobre) e na literatura (no relato "A rapaza do circo", na obra Vento ferido (1967) de Carlos Casares).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar