Centro Superior Bibliográfico de Galicia

O Centro Superior Bibliográfico de Galicia (CSBG) foi un organismo creado pola lei 14/1989,[1] do 11 de outubro, de bibliotecas, e que en 2011 foi incorporado á Biblioteca de Galicia.

Porta de acceso á Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura de Galicia, na que se integrou o Centro Superior Bibliográfico.

As súas funcións eran a de ser a cabeceira do Sistema Bibliotecario de Galicia, así como a de conservar e difundir o patrimonio bibliográfico do país.

Antecedentes

editar

A lei 16/1885 de patrimonio histórico español ordena a creación do Catálogo colectivo de patrimonio bibliográfico español por parte da Administración do estado en colaboración coas Comunidades autónomas. Dado que o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 sinala que os poderes públicos deben conservar e acrecentar o patrimonio histórico, o Catálogo colectivo do patrimonio bibliográfico de Galicia iníciase en 1986, tras asumir a creación dun centro catalogador dependente do Centro de Coordinación Bibliotecaria de Galicia creado polo decreto 313/1986.

Evolución

editar

Posteriormente, coa lei 14/1989 de Bibliotecas de Galicia, nace o CSBG asumindo as responsabilidades bibliográficas do proxecto do Catálogo colectivo do patrimonio bibliográfico de Galicia, así como as funcións de Biblioteca Nacional (de Galicia).

Na data da súa fundación, e dado que non existía aínda un edificio para albergar todos os fondos do CSBG, a Xunta fixo un convenio coa Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela para que os conservaran en réxime de depósito e os clasificaran para cando se crease o edificio da Biblioteca de Galicia.

O CSBG naceu practicamente sen colección retrospectiva, e pensouse en facer copias dalgúns materiais, ademais de permitir a consulta e difusión dos fondos que estaban dispersos en distintos centros. Grazas ás novas tecnoloxías apareceron novas técnicas de conservación, e facilitouse a súa difusión. Porén, antes de dixitalizar algúns documentos microfilmáronse, pero aínda así tomouse a decisión de dixitalizar. Fixéronse 500.000 imaxes de prensa antiga galega, e a súa difusión, así como a das bases de datos do propio Centro ou das bibliotecas nodais fíxose a través da Autoestrada Galega da Información (Galiciana).

Respecto ao edificio, o Centro Superior ocupou un inmóbel anexo ao actual edificio do Parlamento de Galicia, que ocupaban os catalogadores que levaban a cabo o Catálogo colectivo. Os seus principais inconvenientes era que carecía de dependencias para o depósito de libros e que non permitía prestar atención directa ao público.

En 1996, días despois do pasamento do ilustre polígrafo Xosé Filgueira Valverde, o Centro Superior Bibliográfico de Galicia pasou a denominarse Centro Superior Bibliográfico de Galicia Xosé Fernando Filgueira Valverde.[2]

Finalmente, coa creación en 2011 da Biblioteca de Galicia, o CSBG pasou a integrarse nesta institución.

Funcións

editar

As funcións do Centro Superior eran as seguintes:

  • Recoller, conservar e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia.
  • Recibir un exemplar das obras producidas en Galicia, e ter preferencia nos reasentamentos ou depósitos de fondos procedentes doutras bibliotecas.
  • Reunir e conservar a produción en galego e outras linguas realizada fóra de Galicia pero der especial interese para a mesma.
  • Exercer, en nome da Xunta de Galicia, a xestión do depósito legal e a propiedade intelectual.
  • Elaborar e difundir a información bibliográfica da produción galega, retrospectiva e actual.
  • Elaborar e ser depositario do Catálogo colectivo.
  • Contar cun sistema de consulta do catálogo xeral, accesíbel desde os distintos centros do sistema de bibliotecas.
  • Colaboración e intercambio con outros sistemas de bibliotecas nacionais ou estranxeiros.

Polo decreto 24/1995 de centros bibliotecarios engadíronse a estas funcións:

  • Ser o núcleo de información bibliográfica, de automatización, de normalización de procesos técnicos, de plans de catalogación centralizada ou compartida, e de información, asesoría e formación profesional.
  • Centro de calquera actividade colectiva ou de carácter xeral da rede de bibliotecas galegas.
  1. Lei 14/1989 Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine., do 11 de outubro, de bibliotecas. Parlamento de Galicia.
  2. Decreto 357/1996 DOG. nº 190, de 27 de setembro de 1996.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar