Catedral de Santa Sofía de Kíiv

(Redirección desde «Catedral de Santa Sofía de Kiev»)

A catedral de Santa Sofía de Kíiv (ucraíno: Софійський собор) é un monumento arquitectónico sobresaínte da capital ucraína, construída durante a Rus de Kíiv. A catedral, xunto co mosteiro de Kíiv-Pechersk, foi o primeiro sitio de Ucraína inscrito na lista de Patrimonio da Humanidade da UNESCO, en 1990.

Catedral de Santa Sofía de Kíiv
Datos xerais
PaísUcraína Ucraína
TipoCatedral
AdvocaciónSagrada Sabiduría de Deus
LocalizaciónKíiv
Coordenadas50°27′10″N 30°30′52″L / 50.452777777778, 30.514444444444Coordenadas: 50°27′10″N 30°30′52″L / 50.452777777778, 30.514444444444
CatalogaciónPatrimonio da Humanidade[1]
Arquitectura
ConstruciónSéculo XI
EstiloBizantino, barroco ucraíno
Páxina webhttp://sophia.sophiakievska.org/ e https://st-sophia.org.ua/en/home/
editar datos en Wikidata ]

A catedral é o principal compoñente do Santuario Nacional «Santa Sofía», a institución estatal responsable da conservación do complexo catedralicio xunto con outros monumentos históricos da cidade.

Historia editar

O nome do edificio provén da catedral de Hagia Sophia de Constantinopla (que significa «Santa Sabedoría») e está adicada á Sagrada Sabedoría de Deus, máis que a unha santa de nome Sofía. Segundo unha teoría menos popular, o seu modelo foi a catedral de Santa Sofía de Nóvgorod, coas súas 13 cúpulas de carballo, que Iaroslav I o Sabio decidiu imitar en pedra como un xesto de gratitude aos cidadáns de Nóvgorod, que lle axudaran a asegurar o trono de Kíiv en 1019.

Segundo as vellas crónicas da Rus de Kíiv, a catedral foi fundada a comezos do século XI polo Príncipe de Kíiv Iaroslav I o Sabio. Investigacións recentes demostraron que a catedral foi fundada en realidade polo seu pai, Vladimiro I o Grande, e completada polo seu fillo.[2]

Orixinalmente foi o lugar de enterramento dos gobernantes da Rus de Kíiv, entre eles Vladimiro II Monómaco, Vsévolod Iaroslávich e Iaroslav I o Sabio, aínda que só a tumba deste último se conserva hoxe en día.

Despois do saqueo da cidade por Andréi Bogoliubski, do Principado de Vladímir-Súzdal, no 1169, seguido polos tártaros mongois no 1240, a catedral quedou en mal estado.

Trala Unión de Brest a catedral quedou en mans da Igrexa greco-católica ucraína, ata que foi reclamada polo bispo metropolitano ortodoxo ucraíno Petró Mohyla no 1633. Mohyla encargou traballos de restauración, e a parte superior do edificio foi meticulosamente reconstruída, segundo o modelo do arquitecto ucraíno Octaviano Mancini en estilo barroco ucraíno, ao tempo que se conservaba o interior bizantino. A obra seguiu ata 1740 co atamán cosaco Iván Mazepa.

Despois da Revolución Rusa de 1917, e durante a campaña antirelixiosa soviética dos anos 1920, o plan do goberno prevía a demolición da catedral e a transformación do lugar nun parque adicados aos Heroes de Perekop, por unha vitoria do Exército Vermello na guerra civil rusa en Crimea. A catedral salvouse da destrución grazas aos esforzos de moitos científicos e historiadores. Non obstante, en 1934, as autoridades soviéticas confiscaron a estrutura, incluído o conxunto arquitectónico circundante dos séculos XVII e XVIII, e designárono como museo arquitectónico e histórico.

A finais da década de 1980, as autoridades soviéticas, e máis tarde as ucraínas, prometeron devolver o edificio á Igrexa ortodoxa rusa. Pero debido a varios cismas e faccións dentro da Igrexa, a devolución foi aprazada. O edificio actualmente permanece como un museo do Cristianismo na Ucraína.

Notas editar

  1. "Kyiv: Saint-Sophia Cathedral and Related Monastic Buildings, Kyiv-Pechersk Lavra". UNESCO World Heritage Centre (en inglés). Consultado o 6 de marzo de 2022. 
  2. "Period of the cathedral construction". Sophia of Kyiv National Conservation Area (en inglés). Consultado o 4 de marzo de 2022. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar