Castelo de Ribadavia

fortaleza medieval en Ribadavia

O castelo de Ribadavia é un amplo espazo arqueolóxico e monumental do que foi a fortaleza dos Condes de Ribadavia, da familia Sarmiento. Son os restos dun castelo de grandes dimensións que foi escavado e está na actualidade en proceso de rehabilitación.

Castelo de Ribadavia
ConcelloRibadavia
ProvinciaOurense
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°17′12″N 8°08′37″O / 42.28675, -8.14374722Coordenadas: 42°17′12″N 8°08′37″O / 42.28675, -8.14374722
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalRománico (século XII)
Estilo actual? (século XV)
Estado actualEn ruínas. Visitable
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Situación editar

Sitúase no conxunto histórico de Ribadavia, a súa fachada oeste dá á rúa Progreso, debido á súa amplitude forma un conxunto que linda con varias rúas e prazas do conxunto histórico. A entrada a este recinto arqueolóxico de gran valor faise pola oficina de turismo de Ribadavia, sita na Praza Maior, no Pazo dos Condes de Ribadavia.

Historia editar

 
Torres do castelo.
 
Interior do castelo.

Algúns historiadores como Meruéndano levan a orixe deste castelo aos primeiros anos da Reconquista sendo logo ampliado durante o breve reinado de García de Galicia (1065-1071) que estableceu en Ribadavia a súa corte e a capital do seu reino. Porén outros moitos autores consideran que o castelo foi construído no século XII.

Tempo despois serviu de refuxio para a Condesa de Traba e o rei neno Afonso VII que alí resistiron o ataque de Arias Pérez partidario dos dereitos sucesorios de Dona Urraca.

Fernando II concedeulle en 1164 o foro de cidade de Ribadavia, entón chamada Bobou, e entregouna xunto co castelo ao seu tutor a Xoán Arias[1] da Casa de Traba No ano 1375 Henrique II de Trastámara concedeulle o señorío de Ribadavia a Pedro Ruiz Sarmiento, pasando desde entón o castelo á propiedade da familia Sarmiento.

Foi obxecto de importantes reformas no século XV que lle conferiron a súa imaxe definitiva.

Foi abandonado no século XVII cando os condes de Ribadavia fixan a súa residencia no Pazo dos condes, na praza maior, e que estaba comunicado co castelo por unha porta.

Tralo seu abandono o castelo sufriu a perda de moita da súa pedra que foi reaproveitada para a construción de moitas casas de Ribadavia.

Descrición editar

 
Unha das portas de acceso á fortificación co escudo dos Sarmiento na doela do arco.

Das portas das antigas murallas que formaban parte co castelo dos sistema defensivo: a Porta da Vila (norte), a Porta de Santo Domingo (sur), A Porta da Fonte da Prata ou de San Xoán (oeste) e a Porta Nova de Arriba (leste), só esta última se conserva, xunto con outras dúas portas posteriores, a Porta Falsa da Magdalena (postigo) e a Porta da Tafona, que servía para permitir achegarse as augas do Avia.

Dous fortes torreóns circulares flanquean a porta principal que presenta un arco de medio punto. Un escudo coas armas dos Sarmiento e os Fajardo decora a porta principal.

No interior, nas escavacións arqueolóxicas levadas a cabo por Manuel Chamoso Lamas, puxéronse ao descuberto un conxunto de 20 sepulcros antropomorfos que conformaban unha necrópole medieval, datada nos séculos IX e XII. A carón das tumbas unha escalinata circular traballada directamente na rocha nai e que puideron pertencer á capela ou templo que fora o centro do camposanto.

No interior do recinto amurallado construíuse, no século XX, na parte máis achegada ao río un auditorium, onde se celebra a Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia, no mes de xullo.

Notas editar

  1. Los Arias de Galicia y sus relaciones familiares con Fernando II de León y Alfonso I de Portugal, "Bracara Augusta", Tomo XX ano 1966 P 28-35

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar