Castañas con leite

As castañas con leite é un prato de castañas típico dalgúns concellos da provincia de Lugo e Ourense (Galicia).[1] Este prato adóitase servir coma sobremesa ou almorzo.

Castañas con leite
Tipo Sopa
Ingredientes
Orixe animal Leite
Orixe vexetal Castaña

Preparación editar

Ás castañas tíranselles as dúas pelas. A preparación adoita levar dúas coceduras. A primeira faise nunha moira a ferver. Adóitanse aromatizar con canela e fiúncho. Trala primeira cocedura faise unha segunda en leite até que estean brandas e logo bótanse nunha fonte co leite. Esta preparación é a que indica Picadillo no seu libro La cocina práctica.[2][3]

Outras receitas falan de tirar só a primeira pela das castañas para cocérense en auga con sal; de seguido tírase a segunda pela e póñense nunha cunca, cubríndoas de leite frío e engadindo azucre.[2]

Sérvense ben coma sobremesa ou polo almorzo.

Outra receita fala dunha crema de castañas con leite: preparadas as castañas como para facer compota déixase reducir o almibre; despois pásanse as castañas por unha peneira de latón, esmagándoas para que vaian caendo coma fideos nunha fonte fonda, onde se puxera un pouco leite cocido moi quente. Pasadas todas as castañas pola peneira, ou quéntanse ou se lles bota un chisco de canela, e unha vez frío sérvese.[2]

Notas editar

  1. Manuel Corral Vide, (2006), Cocina Celta, ed. Lea, páx. 144
  2. 2,0 2,1 2,2 Castañas cocidas con leiteno blog Cunqueiro.es. Arquivado 04 de marzo de 2014 en Wayback Machine.
  3. La cocina práctica. Castañas con leche, libro dixitalizado na Biblioteca Nacional de España, páxina 409.