Casamansa
Casamansa (en wolof e fula: Kasamansa; en francés: Casamance [kɑ.za.mɑ̃s]; en portugués: Casamansa[1] [kɐzɐˈmɐ̃sɐ]) é unha rexión do Senegal localizada ao sur de Gambia, atravesada polo río Casamansa. Ziguinchor, situada preto da costa, é a cidade máis poboada e a principal dende o punto de vista económico.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
É unha rexión de clima quente e de baixa altitude, con algunhas montañas no sueste. A súa media anual de precipitacións é superior ao do resto do Senegal, asemellándose nisto á Guinea-Bissau. Pode ser dividida en Baixa Casamansa (Rexión de Ziguinchor) e Alta Casamansa (Rexión de Sédhiou e Kolda), cunha superficie duns 35.680 km² e unha poboación de 1.683.844 habitantes en 2015. A súa economía depende principalmente do cultivo de arroz. O turismo tamén é importante, polas belas praias na costa, particularmente no Cabo Skirring.
A dominación colonial de Casamansa foi emprendida desde 1445 polos portugueses[2] e, moi posteriormente, polos franceses, até que foron estabelecidas as fronteiras entre esa rexión e a colonia da Guinea portuguesa (a actual Guinea-Bissau), localizada ao sur. Por esa razón, Casamansa está ligada cultural e lingüisticamente a Guinea-Bissau e coñecer a lingua portuguesa é común.
En 1888 produciuse a venda de Ziguinchor aos franceses e, en 1908, Portugal cedeu á mesma nación o resto de Casamansa.
O grupo étnico dominante en Casamansa son os diolas (en grafía francesa) ou jolas (en grafía wolof). Este grupo ten sido pouco favorecido economicamente en relación ao restante do Senegal, situación que contribuíu ó xurdimento dun movemento separatista, denominado Movemento das Forzas Democráticas da Casamansa (MFDC). O conflito entre o MFDC e o goberno senegalés levou a unha serie de enfrontamentos violentos, ocasionando moitas mortes desde o fin do século XX.
Notas
editar- ↑ "Língua Portuguesa com Acordo Ortográfico". Porto: Porto Editora, 2003-2015.
- ↑ Copy Desk (26-3-2018). "Casamansa: a ex-colónia portuguesa que luta pela independência". Descobrir Portugal (en portugués). Consultado o 27-3-2018.