Carta do papa Vixilio ao bispo Profuturo II de Braga
A carta do papa Vixilio ao bispo Profuturo II de Braga (en latín Epistula Vigilii papae ad Profuturum episcopum) é un documento escrito o 29 de xuño de 538 por Vixilio en resposta a outra carta previa de Profuturo II de Braga, que non se conserva. Nesa carta Profuturo pedía ao papa consellos sobre unha serie de cuestións do goberno da diocese de Braga, que se poden deducir do contido da resposta[1].
Contido da carta
editarA carta do papa é un testemuño de grande importancia para coñecer a situación do cristianismo no reino suevo a principios do século VI. Nesa altura o catolicismo debía ser a relixión maioritaria da poboación, ben que non a relixión hexemónica. As elites suevas manteríanse fieis ao arianismo, en tanto o común da poboación, en especial nas áreas rurais, conservaba ritos pagáns e tradicións herdadas do priscilianismo. É unha das poucas fontes, xa escritas, xa arqueolóxicas, sobre a situación do reino suevo entre os anos 469 (en que finaliza a Crónica de Hidacio) e o 550.
Seguindo ao profesor Manuel Núñez Rodríguez[2], a carta toca cinco temas fundamentais:
- O papa pide que non se reciba na Igrexa as persoas que, seguindo o rito priscilianista, rexeitasen consumir carne. Segundo Núñez Rodríguez, desta resposta derívase que as prácticas priscilianistas continuaban vivas no territorio suevo.
- O papa exhorta Profuturo a adoptar o ritual romano da tripla inmersión no bautismo. O rito hispánico, para diferenciarse do ariano, non contemplaba máis que unha inmersión.
- O papa indica que se debe impor penitencia a quen abxure do arianismo para retornar ao catolicismo. Segundo Núñez Rodríguez, esta resposta e a anterior demostran a puxanza do arianismo no territorio suevo. Con todo, é posíbel que indique tamén os inicios do seu devalo en prol do catolicismo.
- O papa dita instrucións sobre o modo en que deben ser consagradas as igrexas restauradas. Segundo Núñez Rodríguez, esta resposta revela que na época era práctica corrente reaproveitar edificios relixiosos en troques de construír outros novos.
- O papa estabelece un calendario de celebración da Pascua e aclara dúbidas sobre o canon litúrxico. Segundo Núñez Rodríguez, esta resposta revela que as prácticas litúrxicas católicas podían verse facilmente afectadas por rituais de orixe priscilianista.
Ademais, antes da despedida, o papa promételle a Profuturo o envío de reliquias, aínda que non especifica cales. En opinión de Pablo Díaz Martínez, esta promesa debe tamén interpretarse dentro do conflito entre o arianismo e o catolicismo. As reliquias servirían de propaganda e de confirmación do poder da Igrexa católica[3].
Notas
editar- ↑ Jaffé, P.; Loewenfeld, S. (1885). Regesta pontificium Romanorum I. Leipzig. p. 117.
- ↑ Núñez Rodríguez, Manuel (1978). Arquitectura prerrománica. Colexio de Arquitectos de Galicia. pp. 32–35. ISBN 8440054181.
- ↑ Díaz Martínez, Pablo (2011). El reino suevo (411-585). Akal. pp. 222–223. ISBN 9788446028505.