Camillo Golgi

Bartolomeo Camillo Emilio Golgi, nado en Corteno Golgi (Italia) o 7 de xullo de 1843 e finado en Pavía o 21 de xaneiro de 1926, foi un médico e citólogo italiano.

Camillo Golgi
Nobel prize medal.svg
Camillo Golgi nobel.jpg
Datos persoais
Nacemento7 de xullo de 1843
LugarCorteno Golgi, Italia
Falecemento21 de xaneiro de 1926
LugarPavía, Italia
Soterradomonumental cemetery of Pavia
ResidenciaItalia
NacionalidadeItaliana
EtniaPobo italiano
CónxuxeLina Aletti
Actividade
CampoMedicina (citoloxía, histoloxía)
Alma máterUniversidade de Pavía
Contribucións e premios
Coñecido porO descubrimento dos dictiosomas e o seu innovador método de tinguidura, que lle serviu a Santiago Ramón y Cajal para desenvolver a teoría neuronal.
PremiosPremio Nobel de Medicina (1906)
editar datos en Wikidata ]
O hipocampo do cerebro, por Camillo Golgi.

TraxectoriaEditar

Fillo dun funcionario do departamento médico, estudou medicina na Universidade de Pavía, onde se graduou en 1865. Traballou algún tempo na clínica psiquiátrica do criminólogo Cesar Lombroso, pero pronto se interesou pola histoloxía. En 1872 comezou a traballar no pavillón de incurábeis dun hospital de Abbiategrasso. Exerceu como profesor de anatomía nas Universidades de Turín e Siena e como catedrático de histoloxía na de Pavía, da que chegou a ser decano da Facultade de Medicina e reitor.

A pesar dos escasos medios con que contaba, logrou importantes resultados cos seus experimentos, entre os que destaca o método da tintura mediante nitrato de prata, que supuxo unha revolución no estudo en laboratorio dos tecidos nerviosos. Empregando este método, identificou unha clase de célula nerviosa dotada dunhas extensións (ou dendritas) mediante as cales se conectan entre si outras células nerviosas. Este descubrimento permitiu a Wilhelm von Waldeyer-Haltz formular a hipótese de que as células nerviosas son as unidades estruturais básicas do sistema nervioso, hipótese que máis tarde demostraría Santiago Ramón y Cajal, quen desenvolveu a teoría neuronal.

En 1876, tralo seu regreso á Universidade de Pavía, continuou o exame das células nerviosas, e obtivo probas da existencia dunha rede irregular de fibriñas, cavidades e gránulos, que na súa honra pasaron a denominarse aparello de Golgi e que desempeña un papel esencial en operacións celulares como a construción da membrana, o almacenamento de lípidos e proteínas ou o transporte de partículas ó longo da membrana plasmática.

Entre 1885 e 1893 dedicou as súas investigacións ó estudo do paludismo, e chegou a resultados tan importantes como a distinción entre o paludismo terciano e cuartano, en canto patoloxías provocadas por dúas especies diferentes dun mesmo protozoo parasito denominado Plasmodium, así como a identificación do acceso febril como orixinado pola liberación por parte do devandito organismo de esporas no fluxo sanguíneo.

En 1906 Golgi recibiu o Premio Nobel de Medicina conxuntamente con Santiago Ramón y Cajal (1852-1934) polos seus estudos sobre a estrutura do sistema nervioso.

Morreu en Pavía, Italia, en xaneiro de 1926.

Véxase taménEditar