Caixa de Aforros Provincial de Ourense
A Caixa de Aforros Provincial de Ourense, tamén chamada nos seus últimos anos Caixa Ourense, foi unha entidade financeira dependente da Deputación de Ourense, posteriormente incorporada a Caixanova.
Caixa de Aforros Provincial de Ourense | |
---|---|
Tipo | caixa de aforros |
Data de fundación | 1932 |
Data de disolución | 1999 |
Sede | Ourense |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA entidade financeira constituíuse o 10 de marzo de 1932, con Luis Fábrega Coello como primeiro presidente. Para a súa posta en marcha seguíronse as directrices ditadas por Luciano Vidan, xerente da Caixa de Aforros de Vigo.[1]
En novembro de 1973, o Banco de España, nunha inspección na Caixa, atopou prácticas incorrectas na concesión de créditos. Esa posible fraude filtrouse a algúns xornais en marzo de 1974. En consecuencia, Ricardo Martín Esperanza, director xeral da Caixa de Aforros dende 1948 e amais alcalde de Ourense, dimitiu de ambos cargos e foi destituído o presidente da Deputación, Eduardo Olano Gurriarán, tamén presidente da entidade financeira. Martín Esperanza é substituído por Rafael Laguna Mendía como director da Caixa, e Olano Gurriarán, por Luis Álvarez Rodríguez, tanto á fronte da Deputación como da Caixa.
O 3 de agosto de 1999, Caixa Ourense fusionouse coa Caixa de Aforros Municipal de Vigo (fundada en 1880), o que deu lugar á entidade privada Caixa de Aforros de Vigo e Ourense. O 17 de xullo de 2000 fusionouse coa Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, e xurdiu Caixanova. A parte de accións que lle corresponderon na nova caixa foi do 25%.
Presidentes da Caixa de Aforros
editarDurante boa parte da súa historia, o presidente da Deputación de Ourense era asemade o presidente da Caixa de Aforros. Iso non foi así durante a Guerra Civil e deixou de selo definitivamente a partir de 1978.
- 1933-1934: Luis Fábrega Coello
- 1934-1936: Arturo Rodríguez Sieiro
- 1936-1937: Rafael Valcárcel Sáenz
- 1937-1944: José Zarauza Piñeiro
- 1944-1955: Arturo Pérez Serantes
- 1955-1959: José Rodríguez de Dios
- 1959-1973: Antonio Alés Reinlein
- 1973-1974: Eduardo Olano Gurriarán
- 1974-1976: Luis Álvarez Rodríguez
- 1976-1978: David Ferrer Garrido
- 1978-1979: César Fernández Rodríguez
- 1979-1981: Florencio Domingo Álvarez
- 1981-....: Xulio Francisco Ogando
- ....-1998: David Ferrer Garrido
- 1998-1999: Manuel Bermúdez Couso
Directores xerais da Caixa de Aforros
editarO primeiro director xeral da Caixa foi Ricardo Martín Esperanza, nomeado en 1948. Ao longo da súa historia, a caixa de aforros tivo cinco directores xerais.
- 1948-1974: Ricardo Martín Esperanza
- 1974-1978: Rafael Laguna Mendía
- 1978-1982: José Antonio Marcos Blanco
- 1982-1989: Ramón Escobar Hervás
- 1989-1999: Luis Carrera Pásaro