CSS (acrónimo do inglés Cascading Style Sheets - as follas de estilo) é unha linguaxe usada para definir a presentación de documentos escritos nunha linguaxe de marcación, como é o caso de HTML ou XML. Co uso das CSS, o que se pretende é separar a estrutura do documento do que sería a súa presentación. Por exemplo, o elemento de HTML <H1> indica que un bloque de texto é un cabezallo e que é máis importante que outro bloque etiquetado con <H2>. Versións anteriores do HTML tamén permitían definir o tamaño ou cor do texto, pero a ausencia dun estándar levaba a que en moitos navegadores as páxinas non se visualizasen correctamente.

Utilizando CSS, a presenza da etiqueta <H1> non proporciona información sobre a visualización (iso vai xa na folla de estilo), senón que indica cal é a estrutura do documento, dicindo que unha parte do documento é máis relevante que a outra (<H1> prima sobre <H2>, e esta á súa vez sobre <H3>). Esta observación é importante, por exemplo, no caso de o usuario acceder cun navegador textual, xa que así os bloques de texto apareceranlle nesta orde e non desubicados.

Desta forma, ao contrario da práctica habitual, que consiste en colocar as etiquetas de formatación dentro do propio documento, o programador crea unha ligazón para un único ficheiro (coa extensión .CSS) que contén os estilos. A grande vantaxe do sistema é que se se quixer modificar o estilo de todo un sitio, abonda con incidir nun único ficheiro (ou nun conxunto reducido) para os cambios se estenderen ao resto de documentos.

Exemplos

editar
  /* este é un comentario en css */
  body {
     font-family: Arial, Verdana, sans-serif;
     background-color: #FFF;
     margin: 5px 10px;
  }

O código representado no espazo superior define que o documento se visualizará cunha fonte por defecto Arial. No caso de non estar dispoñíbel, substituiraa por Verdana. Igualmente, define as marxes de separación que deixará o corpo do documento, así como a cor de fondo (en formato hexadecimal).

A necesidade de utilizar follas de estilo CSS veu do progresivo uso do HMTL para dar formato, e non só para crear contido nos documentos. Isto daba lugar a un aumento do peso dos ficheiros, ao mesmo tempo que, polas limitacións da propia linguaxe, existía unha grande incompatibilidade entre navegadores pola falta de estándares.

As especificacións CSS pódense consultar na web do W3C (Word Wide Web Consortium), que é a entidade que define os estándares de Internet. As últimas modificacións no estándar inciden sobre todo na usabilidade e na súa adaptación aos internautas con algún tipo de discapacidade. Así, por exemplo, se un usuario utiliza un navegador que converte texto a voz, nas CSS pódese definir o idioma (galego, inglés, francés...), o rexistro do texto (linguaxe xurídica, xornalística, científica, coloquial...), o volume, o ritmo de lectura e outros parámetros.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar