Célula foveolar
Célula mucosa superficial | |
---|---|
Latín | mucocytus superficialis TH H3.04.02.1.00023 |
Célula mucosa do colo | |
---|---|
Latín | exocrinocytus cervicalis TH H3.04.02.1.00029 |
As células foveolares son células produtoras de mucus, que cobren a parte interna do estómago, protexéndoo das propiedades corrosivas dos ácidos gástricos. As células foveolares tamén se chaman células mucosas superficiais ou células mucosas do colo, dependendo da súa localización. Estas células tapizan a mucosa gástrica e as foveolas gástricas e o inicio das glándulas gástricas (que desembocan nas foveolas). As células secretoras de mucus do estómago poden distinguirse histoloxicamente das células caliciformes do intestino.
Célula mucosa superficial
editarRevisten a superficie da mucosa e as foveolas gástricas. Estánse desprendendo decote (renóvanse cada 3 días) e experimentan mitose dentro das fovéolas e despois as células novas desprázanse lentamente cara a arriba para ocupar o sitio das desprendidas. A súa porción apical está ocupada por mucíxeno, precursor do mucus. Este mucus pode variar en composición segundo a posición da célula, xa que é máis neutro e abondoso nas zonas interfoveolares e máis ácido nas zonas máis profundas das foveolas. Na superficie luminal presentan microvilosidades con glicocáliz. Os gránulos de mucus son esféricos, ovoides ou discoidais, de densidade variable. Na zona basal está o retículo endoplasmático e moitas mitocondrias. Están fortemente unidas ás células veciñas polas partes laterais por medio de varios tipos de unións intercelulares.[1]
Célula mucosa do colo
editarSon menos numerosas que as anteriores e están situadas nas glándulas gástricas (que desembocan nas foveolas) na zona do colo e istmo de ditas glándulas. Máis abaixo na glándula están as células principais cimoxénicas, que se distinguen histoloxicamente das células mucosas do colo porque na reacción de PAS os seus gránulos non se colorean, pero nalgunhas glándulas gástricas ambas as células están mesturadas. Máis arriba na glándula hai unha transición entre as células mucosas superficiais e as células mucosas do colo.[1]
Estas células producen mucus, pero a súa composición é algo diferente á do das células mucosas superficiais. A forma destas células é irregular con núcleos na base. Na zona luminal teñen microvilosidades e glicocáliz. A zona apical está chea de gránulos densos. Hai mitocondrias por todo o citoplasma. Presentan interdixitacións coas células veciñas.[1]
Prevención da autodixestión
editarO mucus producido por estas células é moi importante, xa que impide que o estómago se dixira a si mesmo.[2] As células parietais do estómago producen o potente ácido clorhídrico, que causaría danos ás células. As células principais gástricas producen pepsinóxeno, que cando se activa produce o encima pepsina; este encima é unha protease que pode tamén dixerir e danar as células do revestimento gástrico. Para impediren todos estes posibles efectos daniños, as células foveolares secretan mucus e ións bicarbonato (HCO3-). O mucus permite que o ácido a pH por riba de 4 penetre o revestimento, pero por debaixo de pH 4 (é dicir, cando o ácido está máis concentrado) o ácido non pode penetrar o mucus.[3]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. 11ª edición. McGraw Hill-Interamericana. Páxinas 629-630 e 632-633. ISBN 84-7605-361-4.
- ↑ Allen, A.; Garner, A. (1980). "Mucus and bicarbonate secretion in the stomach and their possible role in mucosal protection". Gut 21 (3): 249–262. doi:10.1136/gut.21.3.249. PMC 1420360. PMID 6995243.
- ↑ Viscous fingering of HCI through gastric mucin
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- BUHistology 11303loa - "Digestive System: Alimentary Canal: fundic stomach, gastric glands, base"
- LoyolaMedEd Histo/frames Histo18.html - diapositiva #41