Célula principal

(Redirección desde «Célula principal gástrica»)

Unha célula principal ou célula principal gástrica, tamén chamada célula cimoxénica gástrica ou célula péptica, é unha célula da parede estomacal que libera encimas dixestivos como o pepsinóxeno ou a lipase gástrica. Estas células localízanse no terzo ou metade inferior das glándulas gástricas da parede do estómago, fundamentalmente da zona do corpo do estómago.

Células principais humanas.
Esquema simplificado dunha célula principal gástrica.

Liberan o pepsinóxeno cando son estimuladas por unha variedade de factoroes, como a actividade colinérxica do nervio vago, a acidez do estómago, as hormonas gastrina e secretina, que son secretagogas (promoven a secreción).[1]

Nomenclatura editar

Os termos "célula principal" ou "célula cimoxénica" utilízanse para referirse a estas células gástricas, pero tamén se denominan así outras células doutros tecidos con outras características. Tamén se denominan "células principais" certas células da glándula paratiroide (célula principal paratiroide), dos paraganglios e dos túbulos colectores dos riles.

Características editar

Son células cuboideas que conteñen numerosos gránulos secretorios apicais esféricos e moderadamente densos, que conteñen pepsinóxeno. No home, entre os gránulos hai uns corpos densos, que probablemente son lisosomas. O núcleo é grande. O citoplasma é basófilo. Os orgánulos están en posición basal e entre eles destaca un aparato de Golgi supranuclear moi desenvovlvido e un extenso retículo endoplasmático rugoso, características ambas das células secretoras de proteínas. A membrana é lisa, pero na parte luminal (que dá á luz da glándula gástrica) poden ter uns poucos microvilli e un delgado glicocálix[2].

Secrecións editar

O pepsinóxeno é a principal secreción das células principais gástricas. O pepsinóxeno é un cimóxeno, é dicir, un proencima que no seu estado inicial está inactivo, pero que ao verterse ao estómago sofre unha rotura proteolítica que o converte na súa forma activa, que no caso do pepsinóxeno se denomina pepsina. A pepsina é unha protease que degrada as proteínas dos alimentos, iniciando a dixestión das mesmas[3], que se completará no duodeno. As células principais funcionan en conxunción coas células parietais, que liberan o ácido clorhídrico gástrico, que crea un pH ácido que fai que a estrutura do pepsinóxeno se abra, e este, de forma autocatalítica, escinda un segmento da súa propia molécula, converténdose en pepsina activa.

A quimosina (ou renina gástrica) serve para coagular o leite, e secrétana moitos animais lactantes, especialmente ruminantes, pero a súa produción declina despois rapidamente e pasa a predominar a secreción de pepsinóxeno. Secrétase como un proencima chamado proquimosina, que se activa a quimosina en medio ácido. Nos humanos identificouse un pseudoxene non funcional para unha protease similar á quimosina situado no cromosoma 1, pero non se identificou unha protease neonatal humana funcional similar á quimosina.[4][5][6]

A produción da lipase gástrica foi localizada por inmunocitolocalización nas células principais da mucosa fúndica[7]. É unha lipase ácida que hidroliza os lípidos, que completarán a súa dixestión no intestino delgado.

Notas editar

  1. Johnson. Gastrointestinal Physiology 6th Edition. Mosby. 2001
  2. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 632, 636. ISBN 84-7605-361-4
  3. Cox, Michael; Nelson, David R.; Lehninger, Albert L (2008). Lehninger principles of biochemistry. San Francisco: W.H. Freeman. Páxinas 96, 675. ISBN 0-7167-7108-X.
  4. Foltmann B. Chymosin: a short review on foetal and neonatal gastric proteases. Scand J Clin Lab Invest Suppl. 1992;210:65-79. PMID 1455182 [1]
  5. CYMP chymosin pseudogene [ Homo sapiens ]. NCBI resources [2]
  6. Kolmer, M.; Ord, T.; Alhonen, L.; Hyttinen, J.-M.; Saarma, M.; Villems, R.; Janne, J. Assignment of human prochymosin pseudogene to chromosome 1. Genomics 10: 496-498, 1991.[3] Arquivado 22 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  7. H. Moreau, A. Bernadac, Y. Gargouri, F. Benkouka, R. Laugier and R. Verger. Immunocytolocalization of human gastric lipase in chief cells of the fundic mucosa. Histochemistry and Cell Biology. Volume 91, Number 5, 419-423, DOI: 10.1007/BF00493829.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

  • AnatomyAtlasesMicroscopic|01|05 [4]
  • BUHistology|22201loa [5] - "Ultrastructure of the Cell: chief cells and enteroendocrine cell"
  • BUHistology|11304loa [6] - "Digestive System: Alimentary Canal: fundic stomach, gastric glands, base"