Coordenadas: 54°18′18″N 9°27′25″O / 54.30500, -9.45694 (Céide Fields)

Céide Fields (en irlandés Achaidh Chéide[1], “campos dos outeiros”) é un xacemento arqueolóxico situado na costa norte do condado de Mayo ao oeste de Irlanda a uns 7 quilómetros ao noroeste de Ballycastle. Este asentamento é o xacemento neolítico máis extenso de Irlanda e tamén contén os sistemas de campos de cultivo máis antigos do mundo coñecidos até o momento. A través de varios medios de datación descubriuse que a súa creación e desenvolvemento remóntase a hai aproximadamente 5500 anos (~3500 a.C.).

Céide Fiends.
Centro de visitantes.

Esta zona arqueolóxica opta a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO [2].

Historia editar

O seu achado produciuse na década de 1930 cando o mestre Patrick Caufield reparou nunha morea de rochas que quedaron ao descuberto mentres recollía turba para o lume. Estas amosaban unha distribución que non podía ser casual. Caulfield deduciu que foran postas alí por persoas, xa que a súa disposición era totalmente antinatural e parecía premeditada. Ademais, as pedras estaban colocadas debaixo da braña, o que parecía indicar que xa estaban alí antes de que esta se formase, o que demostraba unha orixe moi antiga.

O misterio do verdadeiro significado do descubrimento tardou 40 anos en desvelarse. Foi cando Seamus, o fillo de Patrick, que estudara arqueoloxía, empezou a profundar na investigación. Os estudos sacaron á luz un conxunto de campos, casas e tumbas megalíticas ocultados pola formación de grandes turbeiras ao longo dos séculos.

Investigación e conservación editar

Coa finalidade de preservar o lugar e asegurar a continuación da investigación, usouse un método sinxelo para explorar os campos. Este consistiu na sondaxe e cartografía dos muros a través de perforacións con barras de ferro cun mango en forma de cruz. Estas ferramentas xa se empregaran previamente para atopar e extraer madeira que quedara enterrada na braña en época prehistórica. Os seus restos foron descubertos grazas ás marcas que deixaba a xeada na superficie do terreo, e foron utilizados para construír neste claro. Os utensilios de perforación transmitían vibracións en ambos os extremos da torada. Se estas se percibían en ambos os lados significaba que o tronco non rompera ao caer, polo que pagaría a pena escarvar.

A resultante escavación de áreas habitadas e de tumbas revelou os costumes daquelas persoas que viviron hai 200 xeracións. Eran unha gran comunidade de agricultores que tallaron centos de hectáreas de piñeirais, cuxo pole foi atopado nas turbeiras. A súa economía baseábase na gandaría, pero tamén practicaban a artesanía, a carpintaría e a cantaría.

Descubriuse que estas persoas chegaron nun primeiro momento a unha zona moi frondosa. Esta foi desbravada para facilitar a creación de terras de cultivo e para proporcionar material de construción e leña. Por este motivo esta actividade seguiu expandíndose xeograficamente.

O clima da época era moito máis cálido, permitindo unha boa colleita case todo o ano. Isto pódese acreditar a partir dalgunhas mostras obtidas dos restos de árbores que foron atopados no pantano.

Esta poboación prosperou durante un tempo, pero algúns cambios no contorno levaron á aparición de turbeiras elevadas e á conseguinte transformación do terreo cultivable en terreo infértil. Crese que unha das causas deste cambio foi esa desaparición do dosel arbóreo. Naquelas zonas onde abundan as árbores a maior parte da choiva non alcanza o solo senón que queda nas copas onde, ou ben é absorbida, ou ben se evapora. Coa deforestación do bosque, a choiva chegou ao chan e causou a lixiviación da terra dos seus nutrientes. Esta teoría é corroborada grazas á aparición de limonita no subsolo dos Céide Fields.

Notas editar

  1. Achaidh Chéide. Base de datos de topónimos de Irlanda. Consultada o 22 de abril de 2020.
  2. UNESCO Tentative Lists: The Céide Fields and North West Mayo boglands. Data da solicitude: 8 de abril de 2010.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar